Compostela: presentación de Sar, Sarela e os monstros de Compostela, de Paco López-Barxas e Kiko Dasilva

O escritor Paco López-Barxas e o ilustrador Kiko Dasilva, autores de Sar, Sarela e os monstros de Compostela, manterán hoxe un encontro con escolares dos colexios Raíña Fabiola e Colexiata do Sar, aos que van explicar o proceso creativo desta obra, publicada por KALANDRAKA en colaboración co Consorcio de Santiago e co Concello. Ao acto, a partir das 11:30 horas na Galería Sargadelos, asistirán tamén o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, e representantes do Consorcio.

A Coruña: presentación do poemario Nocturnidade do sal, de Alexandre Nerium

O día 21 de novembro, ás 19:00 na Real Academia Galega, terá lugar o acto de presentación do poemario Nocturnidade do sal, de Alexandre Nerium (Sotelo Blanco, Col. Edoy Leliadoura). Intervirán Xosé Luís Axeitos Agrelo, Francisco Fernández Rei, Salvador García Bodaño, Xosé María Dobarro Paz, Olegario Sotelo Blanco e o autor.

Ourense: presentación dos poemarios Voz alzada, de Aurora Vidal Caramés, e Deambulario, de Clementina Vidal Caramés

O día 20 de novembro, ás 20:15 no Salón Noble do Liceo de Ourense, terá lugar o acto de presentación dos poemarios Voz alzada, de Aurora Vidal Caramés, e Deambulario, de Clementina Vidal Caramés. Intervirán Victor Campio (poeta), Fernando Pérez Poza (editor) e as autoras. (Liceo de Ourense)

Compostela: presentación de Palabras extremas: Escritoras gallegas e irlandesas de hoy

O venres 21 de novembro, ás 20:00 na Libraría Couceiro de Santiago de Compostela (Praza de Cervantes), terá lugar a presentación de Palabras extremas: Escritoras gallegas e irlandesas de hoy (Netbiblo), con edición de Manuela Palacios González e Helena González Fernández. Intervirán Antonio Raúl de Toro Santos (Editor Xeral da colección Irish Studies), Arturo Casas (especialista en literatura comparada e escritor), Manuela Palacios e Mª Xesús Nogueira (Proxecto “Poesía e Xénero”).
Ao acto de presentación seguiralle un recital de poesía coa participación de María do Cebreiro, Chus Pato e Ana Romaní.

Vigo: presentación do libro Anti natura, de María Xosé Queizán

O venres 21 de novembro, ás 20:00 na sala de conferencias da Fundación Caixa Galicia (Policarpo Sanz, 15) terá lugar a presentación do libro Anti natura, de María Xosé Queizán. O acto, que contará coa participación de Carme Adán, Manuel Bragado e María Xosé Queizán, ofrecerá a intervención dos actores María Armesto e Xavier Picallo.

Certame de poesía erótica Illas Sisargas: entrega de premios e presentación de libro

Alberte Momán, gañador do II Certame en 2007, viu presentado o libro galardoado. Enma Pedreira, gañadora do certame no ano corrente, recibiu o premio. Os accésits de 2007 e 2008, respectivamente, foron parar a Lino Braxe e Paco Souto, respectivamente. Máis información no blogue de Alberte Momán.

A Coruña: presentación do poemario Da carraxe e da paixón, Xosé Manuel Cairo Antelo

O 19 de novembro ás 20:00 na Galería Sargadelos da Coruña (Rúa Real, 56) terá lugar a presentación do poemario Da carraxe e da paixón, Xosé Manuel Cairo Antelo. Intervirán Xulio Valcárcel, Fidel Vidal, Miguel Anxo Fernán Vello e o autor.

A Coruña: presentación do Atlas Histórico da Galiza, de José Manuel Barbosa

«O Facho tem a bem convida-lo ao lançamento do “Atlas Histórico da Galiza” de José Manuel Barbosa, escritor e historiador, e José Manuel Gonçalves Ribeira, desenhador gráfico. O Atlas Histórico da Galiza é umha obra com mais de oitenta ilustraçons e mapas, combina os materiais gráficos com os textos para oferecer uma visom que abrange, de jeito exaustivo, todas as épocas e momentos históricos da Galiza, desde a Pré-História até a actualidade, e proporciona uma explicaçom detalhada de cada um deles. Este Atlas à parte de ser umha obra de grande interesse, é ultimamente o segundo livro mais vendido do País, segundo a informaçom fornecida polo jornal A Nossa Terra.
Dia: 20 de Novembro de 2008
Hora: 7,30 do serám
Local: Livraria Couceiro
Praça do Livro (Enrique Dequit) n.º 12
A Corunha» (A. C. O Facho)