Dossier de prensa sobre a presentación de Forked Tongues, coa presenza de Mercedes Queixas, en nome da AELG

O pasado xoves 28 de febreiro tivo lugar, no Café Literario do Instituto Cervantes (Lincoln House, Lincoln, Place, 2) de Dublín, Irlanda, a presentación de Forked Tongues, editado por Manuela Palacios, libro que recolle as traducións de poetas galegas, éuscaras e catalás ao inglés por poetas anglófonas. A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega foi unha das entidades colaboradoras desta actividade, participando na mesma, na súa representación, Mercedes Queixas.
Posteriormente o Instituto Cervantes de Dublín, organizador do acto, elaborou este dossier de prensa, que pode ser descargado aquí: Dossier de prensa sobre Forked Tongues 28-02-2013.

Ferrol: presentación de Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón

O xoves 14 de marzo, ás 20:00 horas, na Escola Oficial de Idiomas de Ferrol (Rúa Real, 29), preséntase o libro Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Henrique Dacosta, Pedro Picallo Ramonde, Carlos Outeiro Baamonde, responsábel da Mesa pola Normalización Lingüística na comarca de Ferrol.

Vigo: presentación de Retomando a palabra, de David Rodríguez

O xoves 14 de marzo, ás 20:00 horas, no Café-bar Llave de Oro (Avenida das Camelias, 112), de Vigo, preséntase o libro Retomando a palabra. Das guerras culturais ao crac financeiro, de David Rodríguez, publicado por Estaleiro. No acto participará o autor do mesmo, conectando coas reflexións contidas no volume coa situación política, social e cultural máis recente, analizadas desde unha perspectiva crítica.

Oleiros: presentación de María Teresa Alvajar López. Memorias dunha republicana, de Aurora Marco

O mércores 13 de marzo, ás 19:00 horas, na Biblioteca Central Rialeda de Perillo-Oleiros, preséntase o libro María Teresa Alvajar López. Memorias dunha republicana, de Aurora Marco. No acto participa, xunto á autora, Francisco Pillado. A continuación proxectarase o audiovisual Teresa Alvajar. Compromiso e paixón pola Terra, de Pablo Ces.

Ferrol: presentación de Miudiños, de Vicente Araguas

O venres 8 de marzo, ás 18:00 horas, na Galería Sargadelos de Ferrol (Rúa Rubalcava, 30-32, esquina Rúa María), preséntase o libro Miudiños. Escolma 2001-2012, de Vicente Araguas, publicado por Edicións Embora. En relación con este libro, pódese ler aquí esta entrevista ao autor en Diario de Ferrol.

Vigo: presentación do libro Premios da Crítica Galicia. 35 anos de Cultura

O sábado 9 de marzo, ás 12:00 horas, no salón de actos da Casa Galega da Cultura (Praza da Princesa, s/n) de Vigo, a Fundación Premios da Crítica Galicia inaugura os seus Sábados culturais coa presentación do libro Premios da Crítica Galicia. 35 anos de Cultura. No acto participan Xesús Alonso Montero, Modesto Hermida García, Ramón Nicolás Rodríguez, Bieito Ledo Cabido e Abel Caballero.