Pontevedra: recital e presentación de Versus

O martes 18 de decembro, ás 20:00 horas, no Pazo Mugartegui de Pontevedra, preséntase a escolma poética Versus, con presentación do poeta bergantiñán Óscar de Souto e recitación en directo de parte dos outros autores do libro (Antón Borrazás e Miguel Queipo), actuación poético-musical a cargo do grupo Versus e sinatura de libros ao finalizar o acto.

Vigo: presentación de As voces baixas, de Manuel Rivas

O martes 18 de decembro, ás 20:00 horas, na Libraría Librouro (Rúa Eduardo Iglesias, 12) de Vigo, preséntase As voces baixas, de Manuel Rivas, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Antón Patiño e Manuel Bragado. Crónica posterior en Brétemas.

Silleda: presentación de Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón

O martes 18 de decembro, ás 21:00 horas, na Biblioteca Municipal Daniel Castelao de Silleda, preséntase o libro Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón, publicado en Xerais.

Santiago: presentación de A noite branca, de Francisco X. Fernández Naval

O martes 18 de decembro, ás 20:00 horas, na Capela do IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela, preséntase a novela A noite branca, de Francisco X. Fernández Naval, publicada en Xerais. No acto participan, xunto ao autor, María Jesús Cabado Pampín, Xosé M. Núñez Seixas (LMU, Múnich), que intervirá a través de skype e Fran Alonso. Haberá acompañamento musical de Carlos Arias.

A Coruña: presentación de Paxaro de mar e vento, de Tucho Calvo

O martes 18 de decembro, ás 20:00 horas, na Biblioteca Pública Miguel González Garcés (Rúa González Garcés) da Coruña, terá lugar a presentación do libro de Tucho Calvo e Xosé Cobas Paxaro de mar e vento, publicado por Biblos Clube. Logo da presentación, inaugurarase a exposición dos orixinais realizados por Xosé Cobas para ilustralo. O acto contará coa presenza e intervención de autor e ilustrador, xunto a Laura Garcés. A exposición permanecerá aberta ata o 26 de xaneiro de 2013 no horario de apertura ao público: de luns a venres, de 8:30 a 20:30 h. e sábados de 10:00 a 14:00 h.

Lugo: presentación de Palabra viva. Galicia e Hispanoamérica

O martes 18 de decembro, ás 12:15 horas, na Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo (Praza Pío XII, 3), preséntase o libro colectivo Palabra viva. Galicia e Hispanoamérica, coordinado por Ana Chouciño e María Xesús Nogueira, e editado pola Biblioteca da Cátedra de Cultura Cubana Alejo Carpentier, da Universidade de Santiago de Compostela, con financiamento da Presidencia da Excelentísima Deputación de Lugo. No acto intervirán Pedro García Herradón, Lara Méndez López, María Isabel González Rey e Juan Luis Blanco Valdés, xunto ás compiladoras do volume.

Vilar de Santos: presentación do número 11 da revista Lethes e entrega dos premios do Concurso Escolar Carlos Casares

O sábado 15 de decembro, ás 17:30 horas, na Casa do Concello de Vilar de Santos, terá lugar a presentación do número 11 da revista Lethes e a entrega dos premios do Concurso Escolar de Creación Literaria e Plástica dedicado a Carlos Casares no décimo aniversario do seu falecemento. Como mestres de cerimonia actuarán Manolo Seoane, Delfín Caseiro e Henrique Monteagudo. O acto está organizado conxuntamente polo Centro de Cultura Popular do Limia, o Museo da Limia e a Fundación Carlos Casares. Agradecemos a Rafael Laso o envío da información.