A Coruña: presentación de Lobos doentes, de Antonio Tizón, o 1 de outubro

Desde Radiofusión:
“Un roteiro percorrerá lugares emblemáticos da Cidade Vella da Coruña o sábado 1 de outubro. Servirá como presentación do podcast Lobos doentes, dirixido por Eugenia Sanmartín, e con guión de Antonio Tizón, a partir da novela do mesmo nome que publicará Xerais en xaneiro de 2023. A cuarta novela negra da serie de Tizón -xa se publicaron libros e podcast de Un home estraño, A antesala luminosa e Os incurábeis– desenvolvese nesta ocasión en localizacións como o xardín de San Carlos, o convento dos dominicos, a praza da Fariña ou a rúa Tabernas.

Este é o programa previsto:
– 12:00 h. Libraría Berbiriana. Cidade Vella. Rúa Santiago, 7. A Coruña. Intervencións de Antonio Tizón, Henrique Sanfiz e as libreiras Alejandra e Cristina.
– 12:15 h. Diante da Academia Galega, Rúa Tabernas, 11. Intervención de Xosé Luís Axeitos, membro da Academia.
– 12:30 h. Praza de Azcárraga (antiga Praza da Fariña):
Eugenia Sanmartín canta “Adiós ríos, adiós fontes”.
Franki Muíño interpreta a Xosé Manuel Sánchez Pereiro.
Eugenia Sanmartín canta “A xusticia pola man”.
– 12:45 h. Viño na Leonesa, Rúa de Santo Domingo, 2.
Intervención de Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía.
– 13:15 h. Xardín de San Carlos.
Franki Muíño interpreta a Xosé Manuel Sánchez Pereiro.
Intervención de Xurxo Souto.
– 13:45 h. Hotel Finisterre.
Intervención de Anxo Angueira.
Franki Muíño interpreta a Xosé Manuel Sánchez Pereiro.
Intervención de Cándido Barral.
Antonio Tizón interpreta a Gustavo Gallego.
Eugenia Sanmartín canta “Cal lobos doentes”.
– 14:15 h. Xantar no hotel Finisterre.

Inscricións: sonradiofusion@gmail.com
609828743 / 722118925

As persoas colaboradoras de Son Radiofusión poden formalizar a súa reserva antes do 13 de setembro ás 12 do mediodía ao prezo de 40 euros. Desde esa data abrirase para a cidadanía en xeral cun prezo de 47 euros, incluíndo o correspondente seguro. As persoas interesadas deben formalizar a súa reserva no enderezo electrónico sonradiofusion@gmail.com “

Sibila. Rosa Aneiros

Desde Radiofusión:
““Eu non estou tan segura de que o fixese ben Sibila”. Así reflexiona Rosa Aneiros sobre a protagonista principal da súa nova novela. “Sibila é una muller que acaba dicindo ‘Eu son Sibila’ como unha necesidade de reafirmarse. En momentos a sentes moi apegada a ti, te sentes identificada con ela e empatizas moito con ela, pero por momentos a odias”. Nesta obra, editada por Xerais, nada é o que parece ou pode ser que si. A entrevista pode escoitarse aquí.”

Eduardo Estévez: “Unha cidade máxica que se afunde”

Desde Radiofusión:
Eduardo Estévez pinta en forma de poesía a Venecia que lle gustaría ver a través do seu libro Venecia abandonada. “Venecia está afundíndose pouco a pouco”, relata o autor desta obra no club de lectura de Radiofusión.
A intención de Eduardo Estévez é “por un lado, pintar a Venecia que me gustaría ver e por outro lado pensar en que significa abandonar un lugar. O libro está escrito moito antes da pandemia. Cando vimos as imaxes no confinamento da Venecia abandonada o libro xa estaba completamente escrito. Eu, a verdade, pensaba na Venecia abandonada por outras causas. Pensaba no que sucede cando unha cidade se abandona por calquer motivo ou a xente vese obrigada a abandonala. Venecia está afundíndose pouco a pouco. Non creo que a deixen afundir porque é bo negocio pero se algunha vez sucedese, que significaría para a humanidade?. Venecia é un pouco de todos”.
A entrevista pode escoitarse aquí.”

“Zoom sobre a realidade nos relatos de Ramón D. Veiga”

Entrevista a Ramón D. Veiga no Diario Cultural da Radio Galega:
Zoom é unha colección de dez relatos inspirados noutras tantas imaxes de fotógrafos galegos contemporéneas. É a primeira incursión na literatura para público adulto de Ramón D. Veiga. A entrevista pode escoitarse aquí.”

Animalario de ler a diario, un poemario bestial de Eduard Velasco

Entrevista a Eduard Velasco no Diario Cultural da Radio Galega:
“Eduard Velasco estréase na literatura infantil con Animalario de ler a diario, un poemario protagonizado por bechos de todo tipo e no que xoga coas palabras e coa métrica. O libro está ilustrado por Nuria Díaz, publícao Edicións Xerais e foi finalista en dúas ocasións do premio Merlín de literatura infantil. A entrevista pode escoitarse aquí.”

Xosé Ramón Pena presenta En tempo de desconto

Entrevista a Xosé Ramón Pena no Diario Cultural da Radio Galega:
“Xosé Ramón Pena fainos viaxar no seu novo libro En tempo de desconto. Catro relatos ficcionados que nos convidan a soñar e cos que podemos desfrutar da maxia da súa palabra. No Diario Cultural quixemos conversar con el sobre esta obra e sobre a súa forma de contar historias. A entrevista pode escoitarse aquí.”

Carlos Callón presenta O libro negro da lingua galega: “Malia todo, ata batendo nas crianzas, resistimos”

Entrevista a Carlos Callón na Radio Galega:
O libro negro da lingua galega (Xerais), dispoñible dende hoxe nas librarías. Testemuños da represión lingüística en Galiza ao longo dos séculos, coa divulgación de moitos documentos pouco ou nada coñecidos. Nas súas páxinas abórdase a crueldade dos castigos nas escolas por falar na lingua prohibida, acreditados desde 1543 ata 1980: vareadas, de xeonllos sobre garavanzos, pedras nos petos, o método do anel, etc. Abrimos un camiño para o estudo das multas franquistas por “hablar al público en gallego” e das inspeccións por “exagerado acento gallego”. A entrevista pode escoitarse aquí.”

Non penses nun elefante rosa. Antía Yañez

Desde Radiofusión:
Antía Yañez pon a protagonista da novela, Aurora, contra o espello. Brais é un rapaz de dez anos, da moito xogo, porque non ten as imposicións sociais que temos as persoas adultas. Son veciños do mesmo edificio. O rapaz pensa que ela é unha persoa interesante. A ela non lle gustan os nenos. Faille preguntas moi indiscretas e impertinentes. Cun extraordinario sentido do humor e abordando a fondo o tema da saúde mental, Antía Yañez relátanos a historia dunha millennial autoesixente e perfeccionista que vive a súa vida coma unha voráxine que non é quen de controlar. A escritora participou nun episodio do podcast “Clube de leitura” de Radio Fene Radiofusión. Falaron con ela Rafael Catoira, Antonio Tizón e Henrique Sanfiz. A entrevista pode escoitarse aquí.”