Arquivo da categoría: Revistas
A revista Tempos Novos crea unha publicación en galego na rede: temposdixital.com
“O
xoves 27 de outubro, ás 19;00 horas no Museo do Pobo Galego (San Domingos de Bonaval), en Santiago de Compostela, preséntase Tempos Dixital, a nova presenza na rede da revista Tempos Novos, un dos poucos medios escritos en galego que resiste a oleada de peches. A revista dixital estará dirixida por Luís Álvarez Pousa, profesor da USC e director de Tempos Novos e coordinada por Denís Fernández Méndez, xornalista. Contará no seu consello de redacción con Comba Campoi, Paulo Carlos López, Sara Torreiro e Francisco Martínez Hidalgo. Esta revista dixital pretende “abrir o campo” de contidos do mensual, incluíndo ademais textos dirixidos a un público máis novo (entre 18 e 35 anos de idade) ampliando así o espectro do público lector do medio en papel. Por iso inclúe unha sección de deportes e prestará especial atención ás novas formas da cultura, manténdose na liña de xornalismo de análise e interpretación que vén caracterizando á revista Tempos Novos desde o seu nacemento en 1997, ano de fundación da empresa editora responsable tamén da revista de libros Protexta, dos Informes Galicia e agora tamén de Tempos Dixital.” Vía Galicia Hoxe.
Revista Atenea, nº 42: Especial Poesía Visual
“A
Revista Atenea, publicada polo Ateneo Ferrolán procura ofrecer, en cada número, unha miscelánea de colaboracións rigorosas e atentas aos temas do noso tempo, para elo conta coa colaboración de autores e autoras de Galicia e do resto da península, cunha especial atención a todo o concernente á cultura en galego, que sempre estivo presente na tribuna do Ateneo onde, por riba de todo, se divulgan todas as inquietudes intelectuais do noso país e danse a coñecer as primicias de novas correntes artísticas e literarias. Neste nº 42 da revista trimestral Atenea abordamos a poesía visual, unha forma experimental na que a imaxe, o elemento plástico, en todas as súas facetas, técnicas e soportes, predomina sobre o resto dos compoñentes. Esta forma de poesía no verbal, constitúe un xénero propio, e no campo da experimentación, os seus creadores móvense na fronteira entre os xéneros e as artes, como a pintura, acción poética, o teatro, a música e a mesma lírica discursiva, dando lugar a diversas formas de poética”. Neste novo número colaboran Agustín Calvo Galán, Alfonso Rodríguez, Ana González Moro, Ángels Jornet Sagués, Artemio Lándoas, Baldo Ramos , Bartolomé Ferrando, Corporación Semiótica, Cristina Ferreiro, Jesús García Eiroá, Jorge Chamorro, José Francisco Varela Rial, Eliso, Marisol Gándara, Miguel Ángel Alonso Diz, Paulo Pardo Carrera, Rosanegra e Sergi Quiñonero.
Lugo: Letra das Festas. Historias do San Froilán
O
mércores 12 de outubro, ás 19:15 horas, na Praza do Campo Castelo de Lugo, coa colaboración da Concellaría de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo e a coordinación e presentación de Antonio Reigosa, vogal de Literatura de Tradición Oral, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega organiza esta revista de literatura oral ao vivo, coa intervención dos narradores/as orais Elba Requeijo, de Abadín, que recitará romances tradicionais, e Ángel Rivas Veiga, veciño de Orxas (A Pastoriza), para contar algúns contos populares. Dalgunhas historias e anécdotas do San Froilán faláronos o xornalista de Radio Lugo, Paco Nieto, e dos cartaces e programas de festas, o investigador Fernando Arribas. Da literatura, coa lectura de textos referidos ás festas, encárgase Isidro Novo. E na parte musical actuarán Daniel Pando, xove tocador de trompa da Fonsagrada, e Leo i Arremecághona, proxecto musical de Leonardo Fernández Campos, artista polifacético, filólogo, poeta e cantautor punk.
Vídeo da conferencia inaugural de Tati Mancebo no VI Encontro de Escritoras/es Novas/os
Vídeo da conferencia As revistas literarias na era dixital, a cargo de Tati Mancebo, presentada por Cesáreo Sánchez, que inaugurou o VI Encontro de Escritoras/es Novas/os. Da tinta á pegada dixital, celebrado na Coruña o pasado 17 de setembro:
Boiro: presentación de Máxico tear natural, de Xosé M. Lobato
O
venres 30 de setembro, ás 20:30 horas, na Galería Sargadelos de Boiro (Rúa Principal, 65), terá lugar a presentación do libro Máxico tear natural, de Xosé M. Lobato Martínez, publicado en Alvarellos. No mesmo acto, organizado pola Asociación Cultural Barbantia, La Voz de Galicia, Alvarellos Editora, a Galería Sargadelos do Barbanza e o Concello de Boiro presentarase tamén un novo número do suplemento cultural A Voz de Barbantia. No acto, ademais do autor, participan Xosé Ricardo Losada, Henrique Alvarellos, Jesús Lojo Alcalde, Alberto Piñeiro e Helena Teixeira Barcala.
Lugo: presentación da revista oral O pazo das musas
O
xoves 29 de setembro, a partir das 20:00 horas, no refectorio do Museo Provincial de Lugo (Praza da Soidade, s/n.), presentación do número 27 da revista oral O pazo das musas, revista oral de periodicidade trimestral, editada polo Museo Provincial de Lugo (Rede Museística da Deputación de Lugo). O sumario é o seguinte:
– Portada musical: Cada vez que considero (trad., arranxo de Fernando G. Jácome), por Tundal (3 minutos).
– Memoria das mulleres invisibles de 1936: Maruxa Mallo no mar do exilio, por Carme Vidal (10 minutos).
– Música: Vals dos Ribas de Miño (trad.), por Tundal (3 minutos).
– A obra de Maruxa Mallo no Museo Provincial de Lugo: por María Quiroga Figueroa (10 minutos).
– Música: Por ir de noite/ Vals de Brea (trad., arranxo de Xan Fuertes), por Tundal (3 minutos).
– Poesía: Lenzos de emocións, por María Xosé Lamas (5 minutos).
– Música: Romance (trad.), por Tundal (3 minutos).
– Memoria das mulleres invisibles de 1936: O desgarro da represión: Mercedes Núñez e Syra Alonso, por Carme Vidal (10 minutos).
– Música: Pasei pola túa porta (trad.), por Tundal (3 minutos).
– Exposición virtual: De unha obra abandonada, por María José Santiso (10 minutos).
– Música: Pandeirada de Viveiro (trad.), por Tundal (3 minutos).
– Memoria das mulleres invisibles de 1936:Modernas e de vangarda: Mª Luz Morales, Amparo Alvajar e María Casares, por Carme Vidal (10 minutos).
– Poesía: Chaira, por María Xosé Lamas (5 minutos).
– Opinión: Intervención do público. Entrega de diplomas aos amigos/as da revista (5 minutos).
– Epílogo: por Aurelia Balseiro, directora do Museo Provincial de Lugo (3 minutos).
– Contraportada musical: Maneo de Fontela (trad.), por Tundal (3 minutos).
A Coruña: presentación do número 190 da revista Grial
O
mércores 28 de setembro, ás 20:00 horas, na Fundación Pedro Barrié de la Maza (Cantón Grande, 9) da Coruña, preséntase o número 190 da revista Grial, que ten como título: A investigación en valor. No acto participan Ana J. Varela, Víctor F. Freixanes, Antonio García, Begoña Graña e Javier López Martínez. Reseña posterior en Galaxia.
Quiosco, Revista Galega de Teatro, 67
“A
tradución ao galego da obra gañadora do Premi Born 2010: O tempo, de Lluïsa Cunillé protagoniza o último número da Revista Galega de Teatro. Un número no que conversaron con Thomas Leabhart e o dramaturgo Raúl Dans. Ademais, publícanse tamén as críticas de A ópera dos tres reás, Ai, Carmela, A nona e Un cranio furado, entre outros apartados. É o numero 67 desta publicación correspondente ao verán 2011 e que cumpre o seu quinto número sen apoio institucional desde a retirada da axuda económica que achegaba a Xunta.” Vía Cultura Galega.
‘A AELG traballará para a posta en marcha de revistas literarias en formato dixital’
Reseña
en Código Cero:
“Calquera que camiñara un pouco pola Rede nos últimos anos terase decatado de que unha boa parte da nosa literatura ten xa o seu xermolo nela, e xa non só iso, senón tamén tódolos estados vitais que lle seguen: presentación, seguimento, comentarios, interactividade, recoñecemento, divulgación, etc. Esta vida dixital da nosa creatividade ofrece múltiples posibilidades que, máis que prexudicar, semellan complementar a expresión tradicional, a vinculada ao papel. Tirar o máximo partido destas posibilidades é o gran obxectivo da Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega, que celebrou este sábado a sexta edición do seu Encontro para autoras/es novas/os. A xuntanza, que se desenvolveu baixo o epígrafe Da tinta á pegada dixital, serviu entre outras cousas para promover a creación de revistas literarias en novos formatos ligados á Rede.
O encontro, celebrado de novo no espazo Normal (centro cultural da Universidade da Coruña), contou coa participación dun amplo número de escritoras e especialistas en nova comunicación, como Tati Mancebo, Antía Otero, Estíbaliz Espinosa, Leo F. Campos, Ana Cibeira ou Elvira Riveiro, entre outras. Tal e como reflectían os medios galegos antes da celebración deste encontro, un dos grandes obxectivos do mesmo foi asentar os alicerces dunha serie de traballos colectivos que desembocarán na posta en marcha de novas publicacións literarias dixitais, a engadir ao que se siga a facer a través dos formatos tradicionais, por outra banda tamén necesarios.
Segundo fixo saber o presidente da asociación, Cesáreo Sánchez, en declaracións a Efe, é preciso habilitar iniciativas que integren e unifiquen os nosos esforzos en materia de literatura e pensamento, unha boa parte dos cales se segue a desenvolver de xeito illado, sendo as novas tecnoloxías do noso tempo un bo xeito de canalizalos cara a sociedade galega, facilitando a súa accesibilidade e a interactividade arredor deles. Neste senso, os blogs e publicacións de tipo persoal en Internet xogarían un papel decisivo. Segundo fixo saber a AELG, impulsarase a creación destes foros dixitais coa posta marcha dunha publicación propia, onde as autoras e autores “poderán facer confluír as súas creacións”.”
