«Desde a Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas! informámosvos da primeira das accións para reactivar a sensibilización social en relación coa Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués.
Trátase agora dunha primeira acción arredor do 25 de novembro ( data na que en 2005 non foi proclamada esta Candidatura ). O próximo venres 23 de novembro imos encher as pontes do Miño entre Galiza e Portugal de mozos e mozas que van pedir novamente unha nova oportunidade para o patrimonio común galego-portugués co lema: 1 PATRIMONIO PARA O FUTURO.
Ademais de facer a coreografía do Máis Perto de Meniños Cantores (videoclip gravado por máis de 500 xoves na ponte entre Tui e Valença), nesta ocasión imos multiplicar por 4 esta imaxe. Máis de 2.000 persoas unirán coas súas mans as dúas beiras do Miño. Farase unha solta de globos ( azuis, brancos, vermellos e verdes ) simultánea en cada unha das pontes. Para facilitar o labor dos xornalistas vaise facer secuenciado temporalmente como segundo o horario indicado na nota adxunta.» (Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas!)
Arquivo da categoría: Sociedade
AELG asina un protocolo de colaboración con Vicepresidencia
Vicepresidencia e AELG promoverán o coñecemento da literatura e dos escritores/as entre os usuarios/as dos seus centros de servizos sociais. (AELG)
Presentación en Pontevedra d’ As escolas de fundación en Galiza. Unha necesidade social de alfabetización, de Luís Obelleiro Piñón
O venres 16 de novembro presentarase o libro As escolas de fundación en Galiza. Unha necesidade social de alfabetización, de Luís Obelleiro Piñón. Será ás 20:00 horas no Centro Social de Caixanova en Pontevedra (Rúa Augusto González Besada). Este acto está organizado por “A Nosa Terra” como editores desta publicación e no mesmo participará, entre outras persoas, Francisco Rodríguez Sánchez.
Amigos de Uxío Novoneyra propóñeno para o Día das Letras
“Varios amigos do poeta Uxío Novoneyra decidimos facer honra ao seu legado literario e humanista reivindicando ante a Real Academia da Lingua Galega o Día das Letras Galegas de 2010. Con este fin, apelamos á cidadanía galega, e non só, que recoñece a súa obra e o seu pensamento como algo fundamental para abrir un debate ao redor deste inmenso escritor galego que foi Uxío Novoneyra. Pedimos a túa adhesión para que o 17 de maio de 2010 sexa homenaxeado dedicándolle o grande Día das Letras Galegas. Grazas.” Ver a páxina de apoios.
Número 21 da revista Foeminas
Xa está disponíbel o número 21 da revista foeminas. Para consultala, só é preciso entrar na web da revista.
IV Simposio “O libro e a lectura”, da AGE
A Asociación Galega de Editores comunica que o prazo de inscrición para a IV edición do Simposio O Libro e a Lectura, adicado este ano a “Libro e mercado”, xa está aberto. Para máis información remitimos á folla de inscrición e ao programa deste ano. (AGE)
I Semana do mar en Compostela, do 22 ao 26 de outubro
«Galicia é un país debuxado por rías que penetran ducias de quilómetros no interior. Actualmente a maioría da poboación galega habita nas áreas litorais e nas súas zonas de influencia. Galicia é historicamente unha potencia pesqueira de nivel internacional e base dunha das frotas extractivas máis importantes. Tamén conta cunha actividade extractiva e de cultivo nas augas territoriais que constitúen o alicerce dunha potente industria conserveira e de produto fresco.
Froito da súa historia, Galicia ten ademais un patrimonio material e inmaterial que reborda a vertente estritamente económica para conformar unha cultura mariñeira que impregna toda a sociedade.
Así pois, a nosa dependencia do mar xera diálogos moi complexos que precisan análises globais que nos permitan actuar do xeito máis realista e racional posible.
FERNANDO GONZÁLEZ LAXE – MARÍA DO CARMO GARCÍA NEGRO – JUAN M. VIEITES BAPTISTA DE SOUSA – XOÁN LÓPEZ ÁLVAREZ – JOSÉ LUÍS GONZÁLEZ ESCALANTE – MANUEL SOTO CASTIÑEIRA – UXÍO LABARTA – FRANCISCO PELETEIRO – XABIER VÁZQUEZ PUMARIÑO – FERNANDO OTERO LOURIDO – LUÍS REI – FERNANDO PIÑEIRO – MARÍA XOSÉ CACABELOS – DIONISIO PEREIRA GONZÁLEZ – FRANCISCO FERNÁNDEZ REI»
(Descarga a programación da I Semana do Mar – PDF, 340 Kb) (Sotelo Blanco Edicións)
Debatido o primeiro plan formativo para xestores culturais
«A Consellaría de Cultura e Deporte porá en marcha durante o ano 2008 o primeiro programa integral de formación dos profesionais da xestión cultural de Galiza. Serán arredor de 30 accións formativas para mellorar as capacidades dos técnicos e técnicas culturais e, así, incrementar a calidade da oferta cultural. […]» (Consellaría de Cultura e Deporte)
Comeza a funcionar o Consello Asesor do Libro
«O Consello Asesor do Libro xa está en funcionamento despois de que o DOG publicase o Decreto que regula a súa composición e obxectivos. Este organismo adicado ao estudo e ao asesoramento da Administración forma parte da Lei do Libro e da Lectura de Galicia.
Informes sobre os índices de lectura e da produción en Galiza, propostas de actuación para o fomento da lectura, para mellorar a edición ou a comercialización son algúns dos obxectivos encomendados a este organismo, que xurde como substituto da Mesa do Libro para dar voz a todos os implicados no sector. Así mesmo, o Consello Asesor do Libro tamén se encargará de elaborar unha guía de recursos para o fomento da lectura, promover foros de intercambio e debate no que participarán expertos do país, organizar o Congreso do Libro Galego, editar a Axenda do Libro ou elaborar informes e estratexias para a promoción da literatura galega no exterior.» (Consellaría de Cultura e Deporte)
Número 20 da revista foeminas
Xa está disponíbel o número 20 da revista foeminas. Para consultala, só é preciso entrar na web da revista.