Suso Pensado participará nunha mesa redonda sobre a tradución de Rimbaud

O poeta e tradutor Suso Pensado participará o próximo mércores 31 de outubro nunha mesa redonda que terá lugar en Madrid co tema “Traducir a Rimbaud”. O acto enmárcase no ciclo “Rimbaud, el otro”, organizado por “La Casa Encendida” e inaugurado o pasado 26 de outubro coa participación estelar de Patti Smith. Na mesa redonda participarán tamén Xoán Abeleira, Julia Escobar, Mikel Lasa e Eduardo Moga, que actuará como moderador dun debate sobre a experiencia de traducir a obra de Arthur Rimbaud ás diferentes lenguas do estado.

Unha nova web ofrecerá literatura galega en inglés

«A tradución, segundo anunciou a consellería [de Cultura] recentemente, será unha das ferramentas de difusión da literatura galega no exterior e, amais do incremento de publicacións, a consellería porá en marcha readgalicia.com, unha web con 200 títulos exportables escollidos de maneira porcentual para cada unha das editoras galegas e que incluirá un fragmento traducido ao inglés de cada obra. A tradución de antoloxías será outra das estratexias de apoio ao sector, e na Feira de Frankfurt presentarase esta web orientada á posibilidade de venda dos dereitos de autor e unha antoloxía de poetas galegos en galego e alemán. Tamén serán traducidos numerosos narradores galegos para unha antoloxía para as feiras iberoamericanas do libro.» (La Voz de Galicia)

Máis axudas á tradución

«Durante o 2007 aumentaron un 100% as axudas á tradución, até os 204.000 euros, e para o 2008 está prevista unha suba do 60%. Ademais, a Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural está a colaborar coa Asociación de Tradutores Galegos para a creación dun portal sobre a literatura galega con versións en varios idiomas de cara ao mercado internacional. Amais disto, estanse a traducir títulos de custo elevado que pasan a formar parte da listaxe da biblioteca virtual Bivir.» (Vieiros)

200.000 Euros para traducir obras desde e para o galego

“A Consellaría de Cultura destinará este ano 95.700 euros e outros 104.300 o ano que vén para contribuír á tradución de obras literarias galegas a outras linguas e viceversa. […] “As axudas están dirixidas ás editoriais e valoraranse, entre outros criterios, a calidade da obra e o seu interese.” (Consellaría de Cultura e Deporte)

Santiago: presentación de “Outro mundo é posíbel: o reino da necesidade de Vandana Shiva”, de Anna Cervera i Iglesias

A presentación do libro Outro mundo é posíbel: o reino da necesidade de Vandana Shiva, de Anna Cervera i Iglesias (Baía Edicións – Servizo Galego de Igualdade), terá lugar en Santiago o próximo martes día 5 de xuño, ás 19:00 horas, na Sala de Conferencias da Fundación Eugenio Granell (Praza do Toural). Intervirán, ademais da autora, Ana Luísa Bouza Santiago (Directora Xeral do SGI) e María Xosé Agra Romero (Profesora da USC).