Organizado conxuntamente pola Asociación de Escritores en Lingua Galega e a Concellaría de Cultura do Concello da Coruña, o mércores día 28 do mes que andamos, ás 20,00 horas, terá lugar na sede da Real Academia Galega (Rúa Tabernas 11, A Coruña) a segunda conferencia inscrita no III Encontro Cidade da Coruña, nesta ocasión a cargo de Miguel Anxo Murado, baixo título “Inventar un lugar en vez dunha historia”. O III Encontro Cidade da Coruña, baixo lema “Literatura e viaxe”, contou xa coa presenza do poeta arxentino Juan Gelman, e acollerá a Hélia Correia (5 de maio), Alberto Manguel (11 de maio) e a Xavier P. Docampo (19 de maio). Autor galego dunha prolífica obra narrativa, poética, ensaística e dramática, Miguel Anxo Murado cubriu como xornalista as guerras de Croacia e Bosnia e mais a Segunda Intifada Palestina. Durante as súas estadías en Oriente Medio traballou como oficial de prensa das Nacións Unidas, asistindo ao goberno palestino e, máis tarde, como correspondente en Xerusalén do diario El Mundo, xermolo dos volumes Fin de século en Palestina, A segunda Intifada ou Ruído. Presentará ao conferenciante Mercedes Queixas, secretaria xeral da Asociación de Escritores en Lingua Galega.
Arquivo da categoría: Xornalismo
Compostela: presentación do libro Níxer, de Francisco X. Fernández Naval, Camilo Franco, Alfonso Costa, Moustapha Bello Marka
A despedida de Suso de Toro
Suso de Toro: «Hai deceséis anos que son escritor profesional, traballador autónomo, e deixearei de selo nos próximos meses. Fun escritor de oficio en lingua galega e vivindo na miña cidade, Santiago, non estivo nada mal, agora volverei a ocupar unha praza de profesor nun liceo ( o mesmo no que tiven a miña primeira praza hai vintetantos anos, unha curiosa viaxe no tempo cara atrás). Sinto que terei que facer unha reflexión sobre o que foi esta aventura e sobre por que remata. Esta madrugada imaxinei dous títulos para esa explicación que debo facer para min propio: “Adeus a todo iso” ou “A fin da escapada”. Hai títulos que xa veñen feitos. Mentres, estes meses, voume despedindo xa de cousas. […]»
Isto provoucou unha súbita reacción dos medios:
“A vida son máis cousas: a miña carreira literaria como tal remata aquí”
Suso de Toro: “Xa escribín o que quería escribir, cambio de oficio”
“Adeus a todo iso”
E o escritor tivo que saír ao paso do que se convertía en toda unha noticia no sistema literario: «Non imaxinaba que un apuntamento no blog desencadenase a noticia, pretendía irme despedindo da vida de escritor a modo. E unha decisión que ven xa de tempo. Ando aínda a promocionar o último libro, o que un faga haino que facer até a fin e o mellor que se poda, a que volva do Sant Jorsdi terei que sentarme a dar unha explicación de modo. Desculpas e grazas.» (Suso de Toro)
A Consellería de Cultura prescinde este ano das axudas para tradución
O temor dos editores tiña fundamento. Logo de varios meses de demora sobre a data prevista inicialmente, a Consellaría de Cultura vén de confirmar que este ano non haberá axudas á tradución de libros. Nin se recortan, como aconteceu coas dos grandes proxectos editoriais, que baixaron un 25%, nin se modifican, como está a acontecer con outras políticas herdadas do goberno bipartito. Por primeira vez nos últimos cinco anos, non se convocarán. [Ler artigo completo en Xornal de Galicia]
Café con letras: “A divulgación científica non é unha concesión do poder; é un dereito cidadán”
Podedes ler na web de Xornal de Galicia o debate que sobre ciencia e literatura mantiveron hai uns días Xosé Antón Fraga, Nieves R. Brisaboa e Xosé Miranda.
O galego é de todos, editorial de Xornal de Galicia
O galego é de todos e a súa defensa tamén
Editorial de Xornal de Galicia, domingo 28 de xuñoNunca antes a lingua propia de Galicia estivera tan ameazada, e tampouco nunca antes se deran tantas condicións para superar vellas rémoras no discurso sobre o galego. A irrupción de Alberto Núñez Feijóo na Xunta, e sobre todo o nomeamento de Xesús Vázquez como conselleiro de Educación, coa débeda contraída con Galicia Bilingüe durante a campaña como pano de fondo, colocaron aos galegos e ás galegas nun escenario inédito.
É a primeira vez dende a chegada da democracia que un goberno pon en cuestión o Estatuto de Autonomía e o espazo de convivencia que con el se empezou a crear en 1981. Tanto é así que, tamén por vez primeira, é a sociedade no seu conxunto e non un sector do arco parlamentario a que se sente agredida na súa dignidade. Os síntomas son cada vez máis evidentes, e todo apunta a que será tamén aí, no conxunto dos cidadáns e das cidadás, onde se acerte a frear a brutal ofensiva. [Ler artigo completo]
María Reimóndez, Marta Dacosta e Marilar Aleixandre debaten en Xornal de Galicia
O convite ten algo de provocación e algo de traizón inocente. Protagonistas do segundo Café con Letras que Xornal de Galicia organiza coa colaboración da Asociación de Escritores en Lingua Galega, as escritoras Marilar Aleixandre, María Reimóndez e Marta Dacosta veñen falar de literatura e de muller, de xénero, de discriminación, da dupla vara de medir que opera, tamén, no sistema literario propio. En realidade, veñen debater sobre todo iso para o que nunca se convoca aos homes. [Ler artigo completo]
A AELG e o “Xornal de Galicia” inician unha serie de conversas con escritores galegos
Cesáreo Sánchez Iglesias, María do Cebreiro e Leo F. Campos estrearon onte unha serie de conversas con escritores e escritoras do país, organizada por Xornal de Galicia en colaboración coa Asociación de Escritores en Lingua Galega. Na véspera do Día das Letras o primeiro encontro puxo a lingua enriba da mesa: o proceso de normalización, o modelo educativo, a relación co portugués, etc. A conversa completa poden lela aquí.
O blogomillo literario, artigo en Faro de Vigo
O blogomillo literario é o título dun artigo de Mar Mato no xornal Faro de Vigo que fala da actividade en Internet de varios membros da AELG e do recoñecemento que esta asociación lle outorga á creación na rede coa incorporación dun premio ao mellor blog literario nos seus galardóns anuais. Poden ler o artigo neste enderezo.
Dende a palabra, dende o corazón (Primeiras Andoliñas), de Marcos Valcárcel, será agasallo do xornal Galicia Hoxe este domingo

O próximo domingo, día 15 de febreiro, o xornal Galicia Hoxe agasallará os lectores e lectoras cun exemplar de Dende a palabra, dende o corazón (Primeiras Andoliñas), unha escolma do primeiro ano da sección de Marcos Valcárcel nese xornal (outubro 2003-outubro 2004), antes de que abrise o seu blogue. Son un total de 180 artigos de moi variada temática, enriquecidos cun fermoso e xeneroso limiar do amigo Afonso Vázquez-Monxardín. O exemplar pode ser reservado no quiosco.
