Artigo de Daniel Salgado en Sermos Galiza:
“Galiza espreguizábase após 40 anos de ditadura. Nas rúas decidíase entre ruptura e reforma. Nos escritorios dos poetas tamén. O grupo Rompente, cuxo núcleo formaban Antón Reixa, Manuel M. Romón e Alberto Avendaño, axiña tomou partido. E, como de deduce do seu nome, non o fixeron pola reforma. Os nenos terríbeis da poesía galega reúnense esta sexta feira, 4 de outubro, por primeira vez en catro décadas. Será dentro do Festival Kerouac.
“Xuntámonos e foi como retomar unha conversa de hai 40 anos, como unha continuación”, explica a Sermos Galiza Romón (Vigo, 1956). Esa é exactamente o tempo que pasou entre a publicación dos Tres tristes tigres, un libro por cada un dos Rompente que axitaron as augas da literatura galega da época: galletas kokoscha non, do propio Romón; As ladillas do travesti, de Reixa, e Facer pulgarcitos tres, de Avendaño.
Autoeditadas grazas a un crédito solicitado por Antón Reixa, distribuídas a man por rúas, feiras e mercados, con megáfono e carteis en papel do que se usaba no circo, aquelas obras incorporaban ferramentas, repertorios e métodos insólitos na poesía galega da altura. Colaxes e paisaxe urbana, violencia política e humor salvaxe, experimentalismo formal e insurrección sintática. ¡Fóra as vosas sucias mans de Manuel Antonio!, titularon un manifesto de 1979 e escollendo unha estirpe en que tamén estaba Ferrín.
É Reixa (Vigo, 1957) quen sintetiza a actitude xeral da banda nun “punto de insolencia”. “Era un intre moi político, discutíase entre reforma e ruptura, e asumimos a ruptura na parte cultural”, di a este xornal, “se cadra cun pouco de sobreactuación, mais era o que cumpría naquela época”.
“o libro reventou / o vello camiño é o novo / o comercio do poeta é a súa gorxa / o seu corpo a fábrica / os clientes tódolos que sinten frío / cando lle dis a un poeta / ‘a túa voz fala por nós’ / alégrase / pero moito máis se alegra se é / que falades por vós mesmos”, abría o Silabario da turbina (1977), o primeiro dos dous volumes colectivos dun grupo que pasou da “Resistencia Poética” á “Comunicación Poética”.
“Tirámonos á area como gladiadores, porque era imposíbel que os altos estamentos literarios fixesen caso a tres rapaces de entre 18 e 23 anos”, fai memoria Alberto Avendaño (Vigo, 1957), que acaba de retornar á Galiza xubilado logo de 30 anos traballando nos medios en Estados Unidos. “Queriamos tomar non o poder político, aínda que tiñamos ese nesgo -cada un diferente, por certo-, senón o poder poético”, comenta.
As performances de Rompente excederon calquera expectativa. Avendaño pasaba polo aro dun hula hoop e Reixa lía con pantis negros. Julián Hernández, músico despois en Siniestro Total, axudaba. E no apartado gráfico das publicacións eran habituais Menchu Lamas e Antón Patiño. “Pero as performances xa existían, xa existira a Beat Generation, xa existira o Cabaret Voltaire”, sinala Avendaño, “e nós tiñamos unha formación literaria e unha curiosidade moi seria para a época”.
Tan seria que Reixa afirma conservar “basicamente o mesmo posicionamento estético. Non vexo Rompente contraditorio coas posturas que mantiven despois”. Tan seria que os levaba, en palabras de Manuel Romón, a okupar espazos. “Queriamos desacralizalos, levarmos a poesía á rúa, ás festas. Sacarlle as cores aos templos da cultura. Foi un tempo de celebración, e de esperanza. Percibíase a posibilidade de ultrapasar o que había. E xa ves o que veu”, expón.” (…)”
A poesía ao rescate dos Frescos dos Vilares
“A Asociación Socio-Cultural Lareira de soños e o grupo poético NPG Nova Poesia Guitirica chaman a crear poemas que inclúan nos seus versos SALVEMOS OS FRESCOS DOS VILARES e FRESCOS DOS VILARES, V SÉCULOS DE NÓS. O estilo, métrica e idioma son libres. O prazo límite de recepción dos poemas será o 30 de novembro.
Esta iniciativa busca coa poesía reivindicar ás administracións públicas a restauración destas importantes pinturas do S. XVI. Os poemas recibidos serán publicados nas redes sociais das dúas entidades e unha vez recibidas todas serán enviadas ao conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia, e aos titilares da Igrexa, Deputación Provincial de Lugo e Concello de Guitiriz. Tamén serán editados en formato dixital para a súa descarga gratuita.
Os poemas poderán enviarse ao correos
dosvilares@gmail.com
nnpggazetagmail.com
A iniciativa busca sensibilizar ás diferentes administracións para evitar a perda destas importantes obras artísticas (están incluidas na lista vermella do património estado) de estilo gótico hispano-flamenco dos mestres de Parga e Nogueira.
Casi cinco anos de promesas, visitas, iniciativas parlamentares, valedor do pobo, conferencias, edicións de diptucos, videos etc que resultaron infructuosos diante da administración mentras que o paso do tempo, as humidades e a falta de protección siguen a deteriorar as pi turas co risco de desaparición definitiva si non se toman medidas para evitalo.
A acción poética culminará con un recital poético para reclamar a restauración dos frescos.”
O PEN Clube premia Marina Mayoral “pola súa defensa das mulleres escritoras”
Desde Sermos Galiza:
“A autora de Querida amiga (1995) é unha voz “constante na súa defensa das mulleres escritoras”. E a responsábel dunha ampla e recoñecida obra literaria. Desde este 22 de outubro Marina Mayoral (Mondoñedo, 1942) é ademais premio Voz de Liberdade, outorgado polo PEN Club da Galiza.
O xurado “tivo en conta a obra literaria desta escritora, os seus traballos sobre Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán e Valle Inclán e, sobre todo, a súa constante defensa do dereito de expresión e de opinión e a reivindicación do papel da muller no ámbito da literatura e a na sociedade en xeral”. As persoas que decidiron o galardón foron Luís González Tosar, Ánxela Gracián, Xabier Castro, Bieito Iglesias, Inma López Silva, Pablo Rubén Eiré, Luís Menéndez, Xosé Ramón Pena e Manuel Guede.
Mayoral, que recibirá unha escultura de Acisclo Manzano, recollerá o premio -de carácter bianual- na segunda quincena de novembro. Trátase da terceira muller en acadalo, logo de Úrsula Heinze en 2005 e María Xosé Queizán en 2011. Na edición anterior, a número sete, o premiado foi Xosé Luís Méndez Ferrín.”
A Coruña: crónica fotográfica do Paseo pola Coruña Literaria con Dores Tembrás
Estas son algunhas das fotografías do Paseo pola Coruña Literaria con Dores Tembrás, celebrado o pasado 26 de outubro. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.
Ourense: “Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil. (Entre)textualidades. Imaxes, textos e outras expresións artísticas”, con Jorge Campos
O Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil. (Entre)textualidades. Imaxes, textos e outras expresións artísticas é unha actividade coa que colabora a AELG ao abeiro do convenio coa Secretaría Xeral de Política Lingüística.
O Ciclo, coordinado por Isabel Mociño (Facultade de Ciencias de Educación, Campus de Ourense – Universidade de Vigo), ten como obxectivo nesta quinta edición afondar no diálogo entre imaxe e texto e tamén en como a partir doutras expresións artísticas se configuran obras infantís.
Desenvolverase na Sala multiusos Emilia Pardo Bazán do Edificio Facultades do Campus As Lagoas (Ourense) da Universidade de Vigo, todos os martes do mes de outubro, días 1, 8, 15, 22 e 29, sempre ás 18:00.
Recoñecemento de 15 horas de créditos de libre elección (en proceso). Inscrición, gratuíta, en imocino@gmail.com.
Entrada libre.
Este é o programa:
29 de outubro
Jorge Campos
Explorando narrativas alternativas.
Vigo: presentación de Castelao. Construtor da nación (I), de Miguel Anxo Seixas Seoane
Vigo: presentación de Iridium, de Francisco Castro
Compostela: Bienio Pidalino en Galiza
Compostela: presentación de Ben-Cho-Shey inédito, de Paco López-Barxas
VII Premios Emprende Gaiás-Sixto Seco
Desde a Cidade da Cultura:
“Tes unha idea innovadora para emprender no ámbito das industrias culturais? A túa carreira profesional ou estudos van da man do deseño, a ilustración, a comunicación, a xestión cultural, a fotografía e o audiovisual, a creación artesá ou artística…?
Os VII Premios Emprende Gaiás – Sixto Seco danche o apoio que precisas para facer realidade os teus proxectos!
Convocado pola Fundación Cidade da Cultura de Galicia, este concurso ten como obxectivo impulsar a posta en marcha de ideas emprendedoras e proxectos innovadores no ámbito da creación e da cultura.
Podes participar en dúas modalidades:
– Aplicacións informáticas relacionadas co sector cultural ou proxectos culturais na internet.
– Proxectos na área do deseño, a xestión cultural, e a creación artística e plástica.
PREMIOS
O premio en cada unha das modalidades inclúe:
– 3.000 euros para darlle á túa idea o pulo que precisa.
– Poderás incorporarte de balde, durante un ano, ao coworking do Centro de Emprendemento do Gaiás.
– Asesoramento personalizado para desenvolver o teu proxecto durante a túa estancia no CEM.
CANDIDATURAS
O prazo de recepción de solicitudes está aberto entre o 5 de outubro e o 4 de novembro e as candidaturas poderanse presentar, preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Opcionalmente, poderán presentarse as solicitudes, presencialmente ou por correo postal, no Rexistro da Fundación Cidade da Cultura de Galicia. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365.
Consulta máis polo miúdo esta información nas bases -publicadas no DOG do 25 de setembro (código de procedemento CT899A)- e no noso apartado de dúbidas frecuentes.
Os premios Emprende Gaiás – Sixto Seco contan coa colaboración do IGAPE e de Afundación.”
Máis información aquí.