Monforte: actos destacados da Feira do Libro no mércores 23

O mércores 23 de agosto comeza a Feira do Libro de Monforte (na Rúa do Cardeal), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h. (neste primeiro día só abrirá pola tarde), cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:

19:00 h. Inauguración da Feira. Pregón inaugural a cargo de Yolanda Castaño, tras actuar a Banda de Gaitas de Monforte.
21:00 h. Presentación de A invención dun deus. Xesús de Nazaret I. De predicador a Mesías, de Xulio López Valcárcel, publicado por Laiovento. Participan no acto, xunto ao autor, Manuel Rajo e Pedro Corsino Fernández Vila.

Xosé Estévez: “Na Galiza houbo represión nacional, contra nacionalistas”

Entrevista de María Obelleiro a Xosé Estévez en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Que representa para vostede recibir o Premio Día da Galiza Mártir?
– Xosé Estévez (XE): Levei unha agradábel sorpresa, sobre todo por vir da man dunha fundación que leva o nome de Alexandre Bóveda, que para min é unha das figuras máis importantes do nacionalismo galego. Non pensei na miña vida que me fosen dar semellante agasallo, sobre todo porque eu teño traballado o Galeusca, a relación entre os nacionalismos galego, vasco e catalán; Castelao e a relación co nacionalismo vasco e o catalán; a soberanía de Galiza… De aquí en adiante, este agasallo suponme un compromiso firme á hora de recuperar figuras e de loitar a favor de que aquelas vítimas que foron silenciadas, esquecidas, fusiladas, paseadas… sexan recoñecidas e non estean no esquecemento.
– SG: Precisamente, na mesma cerimonia vanlle entregar o III Premio Manuel Murguía ao Mérito e Labor Historiográfico, concedido por Murguía, Revista Galega de Historia e o Instituto Galego de Historia.
– XE: Vou facer 74 anos, levo desde o 73 en Euskadi de profesor, escribín moito sobre temas galegos, vascos e cataláns e este premio non me caeu tanto de sorpresa porque é ao meu labor historiográfico, que é bastante amplo en temas de historia contemporánea e moderna.
Estou sumamente agradecido e emocionado cos dous premios, pois foron os agasallos máis inesperados da miña vida. Que se lembren de un despois de 47 anos fóra da patria produce unha satisfaccion enorme. (…)”

Daniel Salgado: “A cultura, ao fin e ao cabo, consiste en ter unha vida mellor”

Desde Sermos Galiza:
“Atopamos ao Daniel Salgado poeta, tradutor e xornalista coordinando Cairón, a revista do Instituto de Estudos Ulloáns. E aproveitamos a circunstancia para sabermos máis deste comarca do centro do país e tamén dos seus futuros proxectos, nos que que se inclúe unha tradución do poeta beatnik Ferlinghetti ou un libro de conversas con Martiño Noriega.
– Sermos Galiza (SG): Hai tempo que non tiñamos novas do Daniel Salgado poeta, músico ou xornalista. E agora regresas dirixindo Cairón, a publicación do Instituto de Estudos Ulloáns. Cóntanos deste repregamento aos cuarteis de inverno en Monterroso.
– Daniel Salgado (DS): Máis que dirixir é coordinar. É unha proposta que vén do Instituto de Estudos da Ulloa, que se funda ao mesmo tempo que se decide facer esta revista. Hai ano e medio que se constitúe con xente dos tres concellos da Ulloa. E unha das primeiras propostas é facer este boletín, e todo o mundo dixo “que o coordine Dani”. Así foi a cousa.
– SG: Cairón é un lugar que non existe. Cóntanos a historia deste nome.
– DS: Cairón é un topónimo que o poeta Lorenzo Varela, que é orixinario de Monterroso a pesar de que naceu na emigración e pasou boa parte da vida exiliado polas súas ideas galeguistas e comunistas. É un topónimo que el usa nun poema, escrito en castelán, cando a liberación de París dos nazis. Entón el escribe un texto que se titula “Ofrenda aos franceses” no que di que el non ten nada, que é un pobre exiliado, que lle quitaron o seu país, a súa aldea. E escribe Cairón, un topónimo que eu non conseguín ubicar, nin eu nin ninguén que eu coñeza da zona. Probablemente faga alusión á Serra do Careón, que é a que pecha a comarca da Ulloa contra o oeste, que se vía desde a súa aldea onde pasou a súa infancia. (…)”

Seis propostas dramatúrxicas, gañadoras do Certame de Microteatro M²

A Asociación Cultural Telón e Aparte e o Concello de Carballo, organizadores do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT), presentaron este venres o resultado do Certame de Microteatro Metro Cadrado (M²).
O xurado encargado da avaliación de todos os proxectos recibidos, preto de cincuenta, decidiu por unanimidade seleccionar, para a súa representación en espazos non teatrais de Carballo, as seguintes propostas damatúrxicas:
Mulleres ao borde dun ataque de pelos, presentada por Enconarte Producciones.
Amor de pé, presentada por Tukumpas Teatro.
Non hai que ser unha casa para ter pantasmas, presentada por Cía Prácido Domingo.
Brinde, presentada por Iria Sobrado.
Váter, presentada por Sal do Teatro.
In memoriam, presentada por Roberto Alvite e Rebeca Amor.
Como estipulan as bases, o xurado seleccionou pezas suplentes por se algunha das gañadoras non pudiese realizar a representación nas datas previstas pola organización, de existir vacantes convidaranse tendo en conta a peza máis axeitada para os espazos dispoñibles. As propostas dramatúrxicas suplentes seleccionadas son as seguintes:
Areas do deserto, presentada por Entretés.
O silencio das tartarugas, presentada por Mª Alejandra Gómez Dobronich.
Angustia fabricada, presentada por Serpunto Teatro.
Non me deron o pé e tomeime a man, presentada por Erica González Miguel.
O premio consistirá na selección dunha proposta dramatúrxica para a súa representación no marco do FIOT e de 300 euros unha vez representadas as pezas. Ademais dunha axuda económica de 100 euros para gastos de produción e desprazamento.
Ademais todas as obras exhibidas serán valoradas polo público asistente mediante un sistema de votacións e optarán aos seguintes premios:
150 € / Premio do público.
100 € / Premio a mellor interpretación feminina.
100 € / Premio a mellor interpretación masculina.

Teo: V aniversario de Avelino Pousa Antelo

O domingo 20 de agosto, ás 12:00 horas, na Casa do Concello de Teo, terán lugar os actos do V aniversario de Avelino Pousa Antelo.

PROGRAMA:

I. Casa do Concello de Teo.
* Benvida pola Concelleira de Cultura, Pilar Faxil.
* Saúda do Representante da A. C. Xermolos, Irmandade Manuel María e Irmandade Avelino Pousa, Alfonso Blanco Torrado.
* Intervención musical de Mini e Mero.
* Lectura da acta de concesión do Premio O Caxato de Avelino á familia de Valentín Arias.
* Intervén o Mantedor do Acto: Arlindo López Arias.
* Entrega do Premio por parte de Mini e Mero.
* Intervención da familia de Valentín Arias.
* Actuación musical de Mini e Mero.
* Intervención da familia de Avelino Pousa.
* Intervención Peche do Acto polo Alcalde de Teo, Rafael Sisto.

II. Xardín/Paseo Avelino Pousa, na Urbanización Os Verxeis.
* Actuación musical.
* Intervención en representación da A. C. Xermolos, Irmandade Manuel María e Irmandade Avelino Pousa, de Xosé Quintas Canella.
* Intervención familia de Avelino Pousa.
* Ofrenda floral a Avelino Pousa.

Estase programando un xantar e iso depende de quen se apunte. As persoas interesadas deben avisar en erdao@hotmail.com ou no teléfono 636032750.

Foz: actos destacados da Feira do Libro do sábado 19 e domingo 20

O domingo 20 de agosto finaliza a Feira do Libro de Foz (na Praza Conde do Fontao), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 17:30 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:

Sábado 19
19:00 h. Concerto-espectáculo de Volta, revolta e reviravolta, das Maimiñas, publicado por Galaxia.
21:00 h. Presentación de Soños como xógaras, de Xaime Oroza e Otero Regal, publicado por Círculo Rojo.

Domingo 20
18:00 h. O mundo de Carliños, espectáculo musical de Luís Vallecillo baseado en Carlos Casares.