“Despotismo do século XXI”, por Marta Dacosta

Artigo de Marta Dacosta en Terra e tempo:
“Nestes días, a raíz dos debates que se están a producir no ámbito cultural, dei en repasar o tempo que me tocou vivir. Nese repaso, recalo nos anos 90, por suposto, naquel tempo colectivo en que a lingua o era todo e ao redor dela iamos construíndo coleccións, publicacións, recitais… Porque tiñamos unha urxencia e unha prioridade, a normalización do feito literario galego, algo que xa comezara con quen denominanos promoción dos 80.
Desde a distancia de hoxe, podemos ver que as autoras e autores nacidos nas décadas de 50 e 60, plenamente creativos no final do século XX, abrimos as portas a unha nova realidade cultural en que a creación en galego fose plenamente visíbel. E isto é así non só no ámbito literario, éo tamén no musical, no do deseño, no do teatro…
Aínda máis. Son xustamente estas xeracións nacidas a mediados do XX as que crearon as entidades que loitan e traballan pola nosa cultura, as que buscan canles e espazos, as que promoven e visibilizan as creadoras e creadores galegos.
E a pesar de todo isto, un cuarto de século máis tarde, permanecemos invisíbeis. E escollo conscientemente este termo para traer aquí a referencia á entrevista ao presidente da AELG, Cesáreo Sánchez, en Nós diario. Unha entrevista que non é unha reportaxe máis, senón a voz das escritoras e os escritores galegos, o lugar en que se recolleron a diagnose e as reivindicacións que a AELG fixo neste período.
E afirmo, como integrante que son do seu consello directivo, que está a ser un período moi difícil. Difícil porque se multiplican as reunións virtuais de diferente tipo, porque a información se cruza e non sempre é doada de seguir, porque mentres resolvemos unha parte da oferta cultural galega, estamos afogados economicamente polas demoras na percepción de convenios e subvencións fiscalizadísimas, porque a parede á que nos diriximos é xustamente iso, un muro que dedica os seus esforzos a ser cada día menos franqueábel.
E rematamos por ser vítimas dos danos colaterais desta pandemia.Vítimas porque non é que sigamos a ser invisíbeis, é que procuran directamente borrarnos ao tempo que nos utilizan.
Vénme á cabeza agora as palabras do presidente da Xunta nunha desas sesións do mediodía que realiza en vivo e en directo. Dixo que tiña un plan de cultura consensuado con todos os sectores.
Case me caen os pratos que estaba a fregar. Pola sorpresa. Sorpresa polo que dicía. Sorpresa porque sabía que a AELG non fora consultada. Foron décimas de segundo. Dúas frases despois dixo que lle ían presentar o plan a todas as entidades nunha próxima reunión. E tan campante. Digo, digo; digo Diego. Que foi esa manobra? Alienación. Imposición. Democracia aparente.
Despotismo do século XXI, Nada para o pobo e sen o pobo.
E así, fan pasar por consensuado un plan cultural que non ten o seu fulcro na cultura galega. Unha plan cultural posto ao servizo dos “eixes de traballo estratéxico da Consellería de Cultura e Turismo”.
Mais, se non me engano, ese traballo estratéxico é incrementar o turismo e facelo a través do Xacobeo. A modernización e o envoltorio da vella táctica colonialista de vender o país a anacos en lugar de potenciar a súa riqueza.
Esaxero?
Xulguen. Na páxina 10 do documento “Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos derivados da COVID-19” recóllense as oportunidades para a recuperación do sector cultural e turístico (o sintagma é sempre esta coordinación copulativa), son tres: o modelo turístico galego, o camiño de Santiago e o Xacobeo 21. A santísima trindade, tres oportunidades para un único obxectivo verdadeiro: o turismo.
A estratexia é converter cultura e turismo en sinónimos. Repetirano cantas veces sexa necesario, até que a sinonimia aniñe nas nosas cabezas e acabemos aceptando a desaparición da cultura, polo menos da cultura galega. E polo camiño crear un repositorio dun mínimo de 150 eventos culturais (un millón e medio de orzamento para proxectos que poden acadar os 10.000€) dos que a Consellaría se apropia impoñendo a cesión dos dereitos patrimoniais da propiedade intelectual. Madía leva, xusto unha das lacras contra as que temos loitado, tamén desde a entidade que a todas as persoas escritoras nos representa, a AELG.
Todo para a cultura (e turismo) e sen a cultura.
E todo isto filtrado por unha troika (tres persoas expertas) designada dixitalmente pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Escribo. Utilizo a escrita para razoar e entender. E o único que saco en claro é a frustración de ver metendo as mans na nosa cultura aos mesmos que a negan e renuncian ao idioma que a pariu. Así que me vai nacendo nas entrañas a sensación de que esta é “a cidade da cultura” desta fin de década, a nova hipoteca que pagaremos cunha nova desfeita da nosa cultura. Outra herdanza envelenada.Tácticas do novo despotismo do século XXI.
Non esquezamos. A memoria é unha arma poderosa, necesaria cando nos convidan a exercer o noso dereito nas urnas. E as urnas tamén son nosas, tamén son a nosa ferramenta para pular pola cultura que queremos, galega e feita desde Galiza.”

Compostela: actividades literarias destacadas no Festigal 2019

Na Galería das Letras do Festigal 2019, que se celebrará no Campus Universitario Sur de Santiago de Compostela, terán lugar as seguintes actividades literarias destacadas o 25 de xullo:

17:00 h. Presentación de As Casas, de Carlos Lixó, publicado por Espiral Maior. Participan: Carlos Lixó, autor, e Marta Dacosta, escritora.
17:30 h. Presentación da Obra teatral de Manuel María, editada pola Casa – Museo Manuel María. Participan: María do Pilar García Negro, responsábel da edición, e Alberte Ansede, secretario da Fundación Manuel María.
18:00 h. Presentación de Infamia, de Ledicia Costas, publicado por Xerais. Participan: Ledicia Costas, autora, e Suso de Toro, escritor.
18:30 h. Presentación de Resistencia e expansión cultural. Crónica do movemento cultural galego na ditadura (1961-1976), número 100 da Revista Terra e Tempo, 2019. Edita: Fundación Terra e Tempo. Participan: María do Pilar García Negro, Presidenta da federación Galiza Cultura e membro do Padroado da Fundación Terra e Tempo; Pilar Allegue. Ex secretaria de Amigos da Cultura de Pontevedra e do Club de Amigos da Unesco e Nemésio Barxa. Cofundador e Ex presidente da Agrupación Cultural Auriense e Ex presidente da Asociación Cultural de Vigo.
19:00 h. Presentación de Senlleiras, de Antía Yáñez, publicado por Galaxia. Participan: Antía Yáñez, autora, e Miriam Beizana, escritora.
19:30 h. Presentación de Transmatria, de Daniel Asorey, publicado por Xerais. Xerais. Participan: Daniel Asorey, autor, e Susana Sanches Arins, escritora.
20:00 h. Presentación de Fóra de si, de Suso de Toro, publicado por Xerais. Participan: Suso de Toro, autor, e Ledicia Costas, escritora.

ESPAZO DE ENCONTRO CON AUTORAS E AUTORES
A partir das 16:30 horas con:
Carlos Callón.
– Ana Pillado.
– Manuel Monge.