Crónica fotográfica da Letra das Festas 2018

Estas son algunhas das fotografías da Letra das Festas 2018, que tivo lugar en Lugo o pasado 10 de outubro. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.

Nome: Bonita, gañadora do Premio Mondoñedo10 na modalidade de Teatro

“Ao entender do xurado, Nome: Bonita, de Vanesa Sotelo, revela unha voz dramática moi sólida caracterizada por un lirismo que entronca coa dramaturxia do mindoniense Álvaro Cunqueiro. O xurado destaca que a obra manifesta o valor testemuñal ao respecto das mulleres represaliadas ao longo da historia. Nun entrecruzamento de linguas e culturas, a partir da figura da cangaçeira brasileira, a autora crea un arquetipo universal da muller loitadora. A acción dramática está atravesada polos conceptos da identidade, a memoria e a ecoloxía como metáfora.
A Asociación As San Lucas en colaboración co Colectivo Mondoñedo É … e o Concello de Mondoñedo convocaron esta terceira edición do galardón co obxectivo de establecer vínculos permanentes entre a cidade e o concello que lles dá nome coas mellores obras de creación cultural producidas en Galicia e en galego nos últimos dez anos.
O prestixio decantado ao longo dos séculos por institucións e persoeiros de ascendencia
ou residencia mindoniense, así como a recoñecida achega destes á cultura galega en xeral, xustifican a creación destes galardóns que se entregarán anualmente co fin de contribuír a salvagardar para a memoria do presente e do futuro da lingua e da cultura galegas aquelas obras que a xuízo do xurado merezan este recoñecemento.

Xurado
A composición do xurado nesta terceira edición do Premio Mondoñedo10, que distingue á mellor obra dramática publicada en Galicia e en galego entre os anos 2008 e 2017 estivo formado por Antonio Reigosa Carreiras, Cronista oficial de Mondoñedo, que actuou como Presidente. Os vocais foron Olivia Rodríguez González, en representación da Real Academia Galega (RAG); Dolores Vilavedra Fernández, en representación do Consello da Cultura Galega; Afonso Becerra Arrojo, en representación da sección de literatura dramática da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG); Antonio Salgado Rodríguez, en representación da Asociación de Actrices e Actores de Galicia (AAAG); Tareixa Campo Domínguez, en representación da Asociación Galega de Editoras (AGE); Diego Vázquez Meizoso, en representación da Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas Escena Galega e Francisco Piñeiro González, en representación do concello de Mondoñedo. Exerceu a secretaría do xurado por designación da organización o mindoniense Fran Bouso.

Acto de entrega
O auditorio Pascual Veiga de Mondoñedo acollerá o vindeiro domingo, 21 de outubro ás doce e media do mediodía o acto de entrega do Premio Mondoñedo10 2018 Teatro no transcurso dun acto no que o grupo de teatro da Asociación Cultural Alexandre Bóveda representará dúas breves pezas teatrais, unha de Rafael Dieste e outra de Álvaro Cunqueiro baixo a dirección de Lino Braxe.”

A Coruña: recital de Susana Sánchez Arins e Joumana Haddad no Ciclo Poetas Di(n)versos

A segunda feira 15 de outubro, ás 20:30 horas, no Auditorio do Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n) da Coruña, terá lugar unha nova edición do Ciclo Poetas Di(n)versos, coordinado por Yolanda Castaño e promovido pola Concellaría de Culturas da Coruña, cun recital de obra propia nun man a man de Susana Sánchez Arins e a poeta libanesa Joumana Haddad.

Manuel Lourenzo, premio Facho de Ouro

“A Directiva da Agrupaçom Cultural O Facho decidiu entregar o Facho de Ouro do 2018 ao homem de bem, dramaturgo e investigador, Manuel Lourenço Lourenço, como mostra de reconhecimento a toda umha vida dedicada à cultura do País e ao povo galego. O acto cívico será acompanhado dumha ceia-homenagem que se celebrará o sábado, dia 15 de Dezembro, às 21 horas no Hotel Riaçor d’A Corunha.
Preço por pessoa: 30 €.
Para se inscrever e reservar lugar escrever a: o_facho_a_cultural@sapo.pt

Compostela: Obradoiro de dramaturxia A palabra na dramaturxia posdramática, por Afonso Becerra

O Obradoiro de dramaturxia A palabra na dramaturxia posdramática, impartido por Afonso Becerra é unha iniciativa da Escola de Escritores da AELG, co patrocinio e colaboración do Concello de Santiago.

Proposta
Obradoiro de exploración e creación teatral a partir de algunhas das condicións xerais de composición nas dramaturxias posdramáticas.
Experimentación e análise de dramaturxias colaborativas de proceso. A creación en equipo.
Pesquisa práctica e reflexión sobre a palabra como material no ámbito da danza e o teatro contemporáneos posdramáticos.

Participantes
Obradoiro dirixido a actrices, actores, bailarinas, bailaríns, dramaturgas/os, directoras/es de escena e persoas afeccionadas ás artes escénicas.
Ao tratarse dun obradoiro de dramaturxia colaborativa, cómpre un número de participantes múltiplo de 3, para poder facer equipos artísticos polo menos de 3 persoas. Máximo 15 persoas para poder aproveitar o tempo e facer un seguimento óptimo de cada proxecto.
Tamén é necesario contar co compromiso explícito de asistencia das/os participantes ás sesións de traballo e á mostra final, xa que, ao tratarse de creacións colectivas, resulta imprescindible a implicación íntegra para o bo funcionamento de cada grupo.
As persoas participantes deberán traer roupa cómoda para poder moverse.

Calendario e inscrición
– Días e horarios: sábados 13 e 27 de outubro; 3 e 17 de novembro; 1 e 15 de decembro: de 11:00 a 14:00. Sesión de Mostra ao Público o sábado 22 de decembro, de 12:00 a 14:00 h.
– Máximo de 15 prazas para persoas maiores de 16 anos.
-Inscrición, necesaria e gratuíta, en proxectoscultura@santiagodecompostela.gal
As prazas asignaranse por orde de solicitude.
O obradoiro desenvolverase na Sala Agustín Magán do Centro Sociocultural Santa Marta (Antonio Rama Seoane nº 6), de Santiago de Compostela.

Colaboración da AELG co Centro de Estudos Galegos de Lisboa. Visita de Susana Sánchez Arins

A AELG colabora co Centro de Estudos Galegos de Lisboa coa visita de Susana Sánchez Arins, co apoio da Secretaría xeral de Política Lingüística.

Na súa estadía en Lisboa Susana Sánchez Arins ofrecerá dúas conferencias.

A primeira, con título “Literatura, Arte, Compromisso: Escrever a Ditadura”, terá lugar o día 12 de outubro, ás 18.30, no marco das xornadas “Resistir na longa noite de pedra”, dedicadas á resistencia na Galiza durante a ditadura franquista. Este é o programa completo das xornadas, que se desenvolverán na Biblioteca-Museu República e Resistência (Rua Alberto de Sousa, 10 A, 1600-002 Lisboa):

11 de outubro

  • 19:00 Apresentação da reportagem televisiva: «A Guerra Também Foi Nossa», de Ana Luísa Rodrigues (jornalista, que estará presente), José Rui Rodrigues e Carla Quirino (imagem)

12 de outubro

  • 18:30  Conferência: “Literatura, Arte, Compromisso: Escrever a Ditadura”, com Susana Arins
  • 20:00 Jantar Galego Republicano de 1936  (inscrición previa en interculturacidade@gmail.com)

13 de outubro

  • 18:30 Conferência: “Organização, mobilização e resistências na freguesia das Encrovas (Cerzeda, Galiza)” , por David Fontán
  • 19:30 Recital Poético: Poesia de Intervención en Portugal e na Galiza

A segunda das súas conferencias será a que titulada “Memória Histórica e Mulheres. Dos silêncios e as silenciadas” ofrecerá o día 13 de outubro ás 17.00 na sede da UMAR – União de Mulheres Alternativa e Resposta (Empreendimentos Alcantara Rio – Rua da Cozinha Económica, Bloco D, Espaços M e N, Alcântara, 1300-149 Lisboa).
A moderación estará a cargo de Maria Dovigo, vicepresidenta da Academia Galega da Língua Portuguesa.

A AELG colabora co Centro de Estudos Galegos da Universidade Nova de Lisboa na organización dos eventos.