Lugo: presentación de Triloxía Vattene! / O legado extraterrestre, de Alberte Momán

OAlberte Momán martes 5 de maio, ás 20:00 horas, na Libraría Trama (Avenida da Coruña, 21) de Lugo, preséntase Triloxía Vattene! / O legado extraterrestre, de Alberte Momán, publicado en Círculo Rojo. No acto, xunto ao autor, participa Verónica Martínez Delgado.

Ismael Ramos gaña o premio Johán Carballeira de poesía

DesdeIsmael Ramos Sermos Galiza:
“Entre os 33 poemarios presentados, o xurado do premio Johán Carballeira decidiu por unanimidade recoñecer Os fillos da fame, o libro Os fillos da fame asinado por Ismael Ramos (Mazaricos, 1994). Segundo o xurado, o libro goza de “indubidábeis valores poéticos” que o sitúan na “mellor tradición da poesía internacional”.
O xurado, composto por Ramón Blanco, María do Carme Caramés e Luís Valle destacaron a calidade literaria da obra gañadora, que se impuxo con claridade como gañadora do certame. A obra será publicada por Edicións Xerais.
Ismael Ramos comezou a escribir de moi novo e, con 16 anos, fíxose coas dúas modalidades do Premio Minerva, poesía e narrativa ademais do segundo premio do Ánxel Casal con Capricho (poesía existencial demasiado azucrada). No 2014 conseguiu o segundo premio de poesía do concurso Xuventude Crea con O grande pecador. (…)”

Vicente Araguas: “Sentíame máis autoexiliado aquí, naquela ditadura noxenta”

EntrevistaVicente Araguas de Carlos Loureiro a Vicente Araguas en Noticieiro Galego:
“(…) – Noticieiro Galego (NG): E aquí tiveron que sufrir os derradeiros anos da ditadura franquista… Sentiu nalgún momento que era un exiliado máis cando se foi para Escocia?
– Vicente Araguas (VA): Non exactamente. Sentíame máis autoexiliado aquí, naquela ditadura noxenta. Fóra, con aqueles libros-libres, aquelas películas sen censura, os xornais críticos, a atmosfera nada viciada sentíame como peixe na auga. O malo fora voltar, co franquismo agonizante (pero non o sabíamos). (…)
– NG: Para os que estamos a convivir decotío coa nosa literatura, coa nosa lingua, é realmente moi significativo achármonos con persoas coma vostede (coma Manuel Pereira, Manuel Álvarez Fuentes…) que manteñen un compromiso rexo coa nosa lingua e coa nosa literatura fóra de aquí… Que dicirlles a moitos escritores e moitas escritoras galegos/-as que se deron a coñecer na nosa lingua e hoxe empregan maioritariamente a castelá?
– VA: Dirixiríame máis ben aos editores con anteolleiras, aos profesores que recomendan os libros dos amiguiños, aos escritores seitarios, aos partidos políticos que soamente se ocupan dos conmilitóns que escriben, dos que desprezan aos que fóra de Galicia levan/ levamos a bandeira lingüística e literaria, para que mudasen de actitude. Por aí, entendo, ese liscar de xente que sabe o que se ten entre mans. (Igual é que aqueles aos que me dirixo, desfrutan co que está acontecendo, non sei).
– NG: Tamén temos que dicir que cómpre salientar nas súas obras unha fonda retranca, unha retranca de noso, algo que fará moito máis atractiva a lectura e por outra banda moito máis aceda…
– VA: Esa retranca da que fala… Lévoa dentro, supoño, e por aí sae. Mais -procuro- con elegancia. Que é a que separa a retranca (a ironía) do sarcasmo. Así e todo fago por non ferir, o único que hai moito susceptible ceibo, xa se sabe.
– NG: Dicíanos antes que “son un romántico empedernido” e o tema do amor -incluso o erotismo-… ese tema si que vai ser algo moi destacábel, especialmente na súa lírica… unha lírica que non ía ser allea ao intimismo…
– VA: Pois claro que non. O amor, xa o dixen, é un motor esencial para todos, escritores ou non. Así que non invento nada (“O peso do mundo é o amor”, dixo Allen Ginsberg, e dixo ben). O outro tema é a morte, e por certo que se me dan moi ben as elexías igualmente. Imos por aí, pois. (…)”

Feira do Libro de Santiago: actividades do sábado 2, domingo 3 e luns 4 de maio

OFeira do Libro de Santiago 2015 sábado 2 de maio continúa a Feira do Libro de Santiago de Compostela (no Paseo Central da Alameda), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:30 h. e de 17:30 a 21:30 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para o sábado 2, domingo 3 e luns 4:

Sábado 2
19:00 h. Presentación do novo libro de Manuel Núñez Singala, Instrucións para tomar café, publicado en Galaxia. Estará acompañado por Arturo Ponte.
20:00 h. Concha Blanco e Dani Padrón asinarán exemplares de As pantuflas de Celia, na Libraría Pedreira.
20:00 h. Presentación de O faro escuro, de María López Sández, publicado en Galaxia. Acompañarán á autora Inma Otero e Víctor F. Freixanes.

Domingo 3
19:00 h. Encontro de Fantasía Galega, organizado polas editoriais Urco e Contos Estraños.
20:00 h. Xurxo Souto presenta Océano para terrícolas, espectáculo baseado no seu libro Contos do Mar de Irlanda, publicado por Xerais.

Luns 4
19:00 h. Séchu Sende presenta A República das Palavras, publicada por Através. Xunto ao autor, participan no acto Miguel Penas, Elba Baldomir Turnes e Alba María.

Mondoñedo é poesía

DesdeMondoñedo é poesía Fervenzas Literarias:
“Este venres 1 de maio as rúas e prazas de Mondoñedo encheranse de poesía. Mondoñedo é poesía 2015 é unha actividade cultural enmarcada nas Feiras e Festas das Quendas que convoca nesta segunda edición a trece poetas (seis deles mindonienses), tres músicos e arredor de vinte debuxantes que amosarán as súas creacións en diferentes rúas, prazas e espazos da cidade e do Auditorio Municipal “Pascual Veiga” ao longo da xornada.
Mondoñedo é poesía principiará coa actividade de Sketchcrawl Galicia, onde debuxantes e pintores (Xosé Vizoso, Xoán Guerreiro, Eduardo Baamonde, Lucía López, Isabel Seidel, Pelayo López, Julián Ardura, Antón “Caxoto” …) cítanse nunha quedada en Mondoñedo. Percorreran as rúas tomando apuntes ao vivo da cidade e das xentes, que difundirán a través das redes sociais. Lugar de cita ás 11.00 h. no Campo da Feira dos Remedios.
De seguido intervirá o poeta e narrador oral Lois Pérez na entrega de Premios do Concurso de Gando no Campo da Feira.
Xa á tardiña continuará o Sketchcrawl Galicia coa quedada de debuxantes e pintores na Praza da Catedral. Será a partires das 16.00 h.
Dende as 18.00 h. ata as 20.00 h. haberá recitados nas diferentes prazas de Mondoñedo. Na praza da catedral (ás 18.00 h.) interveñen Eduard Velasco, Chus Amieiro e Hermes López. Na praza do Concello ás 18.30 h. estarán Eduardo Estévez, Conce Agrelo e Aladino Montero; e a partires das 19.00 h. Baldo Ramos, Aleixandre Lago Barcala e Luciano do Monfadal estarán na Praza Jaime Cabot. Tamén participará nestes recitais na rúa alumnado de diferentes centros escolares de Mondoñedo.
Pola súa banda as máis cativas e cativos terán un obradoiro aberto de creación con Caxoto Kativo. Terá lugar ás 18.00 h. na Praza Jaime Cabot.
Un dos actos centrais da xornada celebrarase ás 20.00 h. no Auditorio Municipal “Pascual Veiga” co recital Mondoñedo é poesía, onde participan músicos (César Morán, Miro Casabella, Arcadio Mon), e poetas (Luz Pozo, Yolanda Castaño, Lois Pérez, Eduardo Estévez, Baldo Ramos, Aleixandre Lago Barcala, Eduard Velasco e Caxigueiro).
Como colofón a este Mondoñedo é poesía realizarase unha homenaxe a Antonio Noriega Varela polo 120º aniversario da publicación do seu poema” De Ruada” en 1895.
Ao tempo, continuarán as súas actividades na mesma sala os debuxantes e pintores da quedada Sketchcrawl Galicia.
O Festival Mondoñedo é Poesía está organizado polo Colectivo Mondoñedo É… e mais pola Asociación As San Lucas, e conta co patrocinio da Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura e Educación. Colaboran na súa organización o Concello de Mondoñedo, ACIAM Mondoñedo, Casa Penela, Casa de Mañas, CEIP “Álvaro Cunqueiro” e IES “San Rosendo”.”