O
mércores 27 de abril, ás 12:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6), de Santiago, Héctor Cajaraville manterá un encontro cos alumnos e alumnas do 6º curso de primaria do Colexio Público de Vite e presentará o seu libro Quen dá a quenda?, publicado en Xerais.
Premio dos Clubs de Lectura 2016, do ámbito educativo, para Ledicia Costas
Desde
a Consellería de Cultura e Educación:
“Xúntase a Resolución da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, de 23 de abril de 2016, pola que se fai pública a concesión do Premio dos Clubs de Lectura 2016. A través deste galardón, quérese recoñecer o labor das autoras e dos autores que facilitan cos seus libros a función do profesorado como mediadores de lectura e que concitan o interese das lectoras e dos lectores que participan nos clubs de lectura do ámbito educativo.
O premio serálle entregado á escritora Ledicia Costas no transcurso da IX Xornada dos Clubs de Lectura, que terá lugar en Santiago de Compostela (EGAP) o 10 de xuño, e na que se reunirá o profesorado que coordina os clubs de lectura existentes este curso en 239 centros de ensino secundario de toda Galicia.”
Ledicia Costas e Xosé Fernández gañan o premio Antón Losada Diéguez 2016
Desde
Faro de Vigo:
“Ledicia Costas foi a gañadora do Premio Antón Losada Diéguez, coa súa obra Un animal chamado néboa, no apartado de creación literaria. No de investigación e ensaio correspondeu a Xosé Fernández Fernández, polo seu libro Vicente Risco. Mestre de mestres. A decisión foi adoptada por unanimidade, no primeiro caso, e por maioría no segundo, despois dun intenso debate, debido á alta calidade das obras presentadas.
O xurado considera que os relatos de Un animal chamado néboa “conseguen demostrar a condición global da memoria dos traumas da nosa historia recente, grazas a un uso de innumerables fontes documentais. A autora ofrece unha crónica do mellor e do peor da condición humana”. E destaca que as historias que forman este libro “suscitan en nós un abano de emocións que chegan a deixarnos case sen alento”. (…)
O xurado reuniuse na Casa do Concello de Boborás para proceder ao fallo da XXXI Edición do Premio Antón Losada Diéguez. Estaba integrado por Ana Patricia Torres Madureira, Diego Fernández Nogueira, Xosé Luís Regueira Fernández, Pegerto Saavedra Fernández, Francisco Calo Lourido, Manuel Doval Soto, Dolores Vilavedra e Xosé Ramón Freixeiro Mato, como vogais. Actuou como secretario Fernando Torre Comesaña. Non puido asistir á reunión Xosé Henrique Costas González.”
Actividades destacadas na Feira do Libro de Bos Aires para o martes 26
Do
19 de abril ao 9 de maio desenvólvese en Bos Aires a Feira do Libro, onde Santiago de Compostela é a cidade convidada neste 2016. A AELG está representada por Cesáreo Sánchez Iglesias e Ledicia Costas, como presidente e vogal da AELG respectivamente.
Dentro do programa completo da delegación galega, destacamos as seguintes actividades para o martes 26 de abril:
– 10:00 h. Diálogos con estudantes: encontro con Yolanda Castaño, no Instituto Argentino-Gallego Santiago Apóstol.
– 16:30 h. Presentación da Cátedra Galicia-América da Universidade Nacional de San Martín, Participan Manuel Rivas, Ruy Farías, Débora Campos, Gerardo Aboy e María Rosa Lojo. Na Sal Alfonsina Storni.
– 20:30 h. O Códice Calixtino, o Camiño de Santiago e a construción de Europa, conferencia de Ramón Villares. Presenta Víctor F. Freixanes. Sala Haroldo Conti (Pavillón amarelo).
Actividades destacadas na Feira do Libro de Bos Aires para o luns 25
Do
19 de abril ao 9 de maio desenvólvese en Bos Aires a Feira do Libro, onde Santiago de Compostela é a cidade convidada neste 2016. Cesáreo Sánchez Iglesias e Ledicia Costas, como presidente e vogal da AELG respectivamente, desenvolven un programa de traballo onde, entre outros actos, o presidente da AELG participará nunha mesa redonda titulada Diálogo de autores arxentinos e galegos, que compartirá con Graciela Aráoz, da presidenta da Sociedad de Escritoras y Escritores de Argentina (SEA), o luns 25 de abril, ás 18:00 h. Farán unha presentación das respectivas entidades e compartirán as inquedanzas das dúas entidades e as ferramentas de traballo e interconexión entre os profesionais das palabras. Dúas visións desde as dúas beiras do Atlántico.
Dentro do programa completo da delegación galega, destacamos as seguintes actividades para o luns 24 de abril:
– 10:00 h. Diálogos con estudantes: encontro con Manuel Rivas e entrega do premio literario Rosa dos Ventos, no Instituto Argentino-Gallego Santiago Apóstol.
– 17:00 h. Presentación de Caderno do Nilo, de Cesáreo Sánchez Iglesias, publicado por Xerais. No Stand.
– 18:00 h. Mesa redonda Diálogo de autores arxentinos e galegos, con Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, e Graciela Aráoz, da presidenta da Sociedad de Escritoras y Escritores de Argentina (SEA). Presentación das respectivas entidades e compartirán as inquedanzas das dúas entidades e as ferramentas de traballo e interconexión entre os profesionais das palabras.
– 19:00 h. Presentación de Historia de Galicia, de Ramón Villares, publicado en Galaxia e Mar Maior. Xunto ao autor participa Víctor F. Freixanes. No Stand.
– 19:00 h. Conferencia de Fina Casalderrey, na Biblioteca Guido y Spano, presentada por Anxo Lorenzo.
– 19:00 h. Encontro cos lectores de Domingo Villar, na Biblioteca Casa de la Lectura.
– 20:00 h. Encontro con lectores de Ledicia Costas, na Biblioteca Guido y Spano.
– 20:00 h. Poesía escrita por mulleres, con Yolanda Castaño. No Stand.
Vigo: maratón de lectura de textos de Manuel María, coa presenza de Mercedes Queixas
Vigo: presentación de Labrego con algo de poeta. Biografía de Manuel María, de Mercedes Queixas
Entrevista sobre A outra voz
Desde
o Diario Cultural da Radio Galega:
“A outra voz, libro de poemas conxunto de Verónica Martínez Delgado e Alberte Momán. A entrevista pode escoitarse aquí.”
A Coruña: presentación de A Pena do Vigia, de José Alberte Corral Iglesias
A
terza feira 26 de abril, ás 20:00 horas, en Portas Ártabras (Rúa Sinagoga, 22, baixo), na Coruña, preséntase A Pena do Vigia, de José Alberte Corral Iglesias, publicado por Guímaro Editora. No acto, o autor estará acompañado por Xabier P. DoCampo.
A obra de Manuel María escóitase en todo o país
Desde
Sermos Galiza:
“Na Galiza conmemoramos este 23 de abril, Día do Libro, empapándonos da obra de Manuel María, con lecturas públicas que tiveron lugar en medio cento de concellos de toda a xeografía do país. “É difícil saber o número de persoas que participaron nas actividades. No acto da Coruña, que durou dúas horas e media, nunca houbo menos de 150 persoas no local”, explica en declaracións a Sermos Galiza o secretario da Fundación Manuel María, Alberte Ansede, que calcula que só na cidade herculina participarían unhas 300 persoas.
A lectura non só foi tal. Tamén se cantou Manuel María con música, recuperouse con maxia e até con representacións teatrais das súas pezas dramáticas. A celebración deste Día do Libro con Manuel María xurdiu da man da fundación que leva o seu nome, que abriu unha convocatoria pública para que quen quixer sumarse collese o testemuño para organizar lecturas abertas.
“Que mellor forma que celebrar unha obra literaria ou un escritor que lendo a súa obra?”, salienta Ansede, que agradece a resposta de concellos, asociacións culturais e veciñais, bibliotecas e mesmo de comisións creadas a tal efecto á hora de facer súa a actividade arredor da obra do autor ao que este ano se lle dedica o Día das Letras.
“Gústanos moito que se fale de Manuel María, pero gústanos moitísimo máis que se deixe falar o propio Manuel María, coa súa obra rica e abondosa”, expón o secretario da fundación, que explica que os actos que teñen lugar este sábado “tratan de fuxir das declaracións de amor ao escritor, case sempre esaxeradas e baleiras e buscan compartir colectivamente a riqueza e vixencia dun escritor como Manuel María”. Así, apela a “escapar da celebración puramente cerimonial que oculta a propia obra e deixar que a obra sexa a que fale”. (…)”

