Silvia Penas: “Interesábame a palabra retrato, ten que ver coa memoria e coa idea de que é un único fragmento”
Entrevista de Laura Veiga a Silvia Penas en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Maio chegou cheo de premios para vostede, entre eles o Follas Novas por Retratos de vodas, partos e funerais; recoñecendo un poemario que vén de longo.
– Silvia Penas (SP): Efectivamente, este foi un proxecto feito a contagotas. A Orquestra Clásica de Vigo propúxome facer un proxecto escénico con eles arredor da peza Così fan tutte de Mozart. Algúns deses textos despois pasaron a formar parte do poemario. Ao poder superar a limitación que impuña a música nese proxecto hai algúns textos que mudaron, mais outros quedaron igual, como é o caso de “Emilia chorando”. Unha vez que atopei o título do poemario volveu mudar todo porque xa comecei a ter claras a organización e a estrutura que quería ter. Incluso o fío narrativo é distinto.
Con respecto ao premio, aínda me custa asimilalo, en parte porque en todos os anos que levo facendo poesía nunca estivera nin na gala nin en moitas das contornas da poesía galega. En Vigo conto con certa repercusión pola miña presenza en recitais e pola poesía escénica, mais fóra diso penso que son bastante descoñecida. Por iso tampouco me parecía posíbel chegar a ser premiada.
Agora, cando menos dentro dese contexto da poesía galega, algunhas persoas xa saberán quen son, que creo que é para o que serven este tipo de cousas: para pórnos en común as unhas coas outras. Deume mágoa non poder estar na gala, sobre todo porque quería dedicarlle o premio ao meu pai e ao meu fillo, os homes que aparecen referenciados no libro.
– ND: Cre que falta ese intercambio?
– SP: En certa maneira si, mais é normal. A AP-9 é moi cara, moverse pola Galiza é complexo. Non hai un apoio real como para que poidamos facer estes intercambios. Xa non digo que gañemos cartos, mais polo menos non gastalos. Creo que forma parte de toda unha engrenaxe complexa, porque non digo que non haxa interese. Diso si que nos sobra, o que pasa é que acabas coñecendo poetas que non viches recitar nunca. Por iso creo que este premio me sitúa máis no centro, que para o meu traballo é moi positivo. (…)”
“Os Eoas de Pondal e a galeguidade de Colón segundo Xosé Ramón Pena”
Vídeo da presentación en Vigo de Vento frío, de Manel Monteagudo
Vigo: actividades do 2 de xullo da Feira do Libro 2024
A AELG lamenta fondamente a perda do seu Mestre da Memoria Aurelio Ramos Ogando
A AELG lamenta fondamente a perda do seu Mestre da Memoria Aurelio Ramos Ogando, veciño do lugar da Alén, na parroquia de Xirazga, no concello de Beariz (Ourense), magnífico contador.
Ben coñecido pola súa facilidade de palabra, o seu humor e a súa disposición, posúia distintos e notábeis talentos: tanto pode coller a gaita para animar unha festa como improvisar un discurso en verso ao xeito dos brindeiros.
Aurelio deu fe a través das súas narracións dos lugares onde os mouros deixaron as súas marcas e tesouros nos montes de Xirazga e arredores. Conservou a memoria intacta e contou de xeito sublime as historias e aventuras da xente da parroquia, dos que xa non están pero non se esquecen.
Foi galardoado pola AELG como Mestre da Memoria no ano 2021. Aquí pode lerse a laudatio de Aurelio Ramos Ogando, elaborada por Calros Solla.
Vexa aquí o fondo videográfico coas participacións de Aurelio na Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG.
Vigo: actividades do 1 de xullo da Feira do Libro 2024
Xina Vega: “A Virxe María é unha construción do demo para as mulleres”
Entrevista de Susana Pedreira a Rexina Vega en Onda Cero:
“Narrativa, ensaio, poesía… todo está presente neste diario dunha nai que se atreve a pensar na vida vivida, a facerse preguntas e a buscar as respostas, a analizarse a si mesma en relación coa filla que acaba de marchar vivir fóra. Neste enlace directo á web podes volver escoitar a entrevista con Susana Pedreira desde a Librería Cronopios.”
Luísa Villalta. Silencio me chaman
Ledicia Costas: “Hai vagalumes por toda a novela, incluso nas escenas más radicais”
Entrevista de María Varela a Ledicia Costas en Diario de Pontevedra:
“(…) – Diario de Pontevedra (DP): Pel de cordeiro chega nun momento de dó para Ledicia Costas (Vigo, 1979), que permaneceu recluída nos últimos meses logo de sufrir unha perda moi importante na súa vida. Que tal se atopa?
– Ledicia Costas (LC): Estiven metida na casa, concentrada na literatura. Se a literatura salva, sen dúbida, este é o exemplo. Xestionar a ausencia é complicado, sobre todo cando é algo inesperado e tan salvaxe. Digamos que os libros son unha táboa de salvación. Eu levo meses na miña guarida, como na escuridade, e esta historia é unha lumieira, que deixa pasar algo de luz. (…)
– DP: Temos entre mans unha novela “escura e radical, pero con sementes de luz”, segundo as súas propias palabras. Como naceu esta obra que a remonta á infancia?
– LC: Esta novela lévame ata o Bar Remanso, que estaba preto da miña casa, e que estaba rexentado por unha bruxa que pasaba consulta mentres atendía aos clientes. Na trastenda falaban de males do aire, de envexas, de espíritos que tiñan dentro e de todas as intimidades e clases de problemáticas. Sobre todo eran mulleres as que acudían. Esta novela está atravesada de diante atrás pola bruxería, por eses talentos que tiñan moitas mulleres de curar e polo feito de que hai moitas persoas que a día de hoxe seguen acudindo a consultas de bruxas para pedir consellos, axuda… e non sei se sempre atopan respostas. É un tema que me preocupa moito. Elas chegaban berrando. A miña avoa dicía: “Teñen o espírito dentro”, e o camiño de volta, despois de estar coa bruxa, ían tranquilas. A bruxa algo facía que lles devolvía a calma. Esta novela representa pois ese tránsito que é unha constante na miña constelación literaria, é parte da miña vida, coma se de súpeto se solapasen vida e literatura. (…)”