Maceda dálle o nome de Francisco Carballo a unha praza
Desde
Sermos Galiza:
“(…) A proposta do grupo de goberno, o pasado pleno debateuse unha iniciativa que quería recoñecer a figura do que fora o seu veciño poñéndolle o seu nome á praza que está diante da biblioteca do concello, bautizada xa como Francisco Carballo no ano 2000.
“Polo que representa Francisco Carballo para o concello de Maceda e para toda Galiza consideramos que un espazo público tiña que levar o seu nome. Carballo mantivo unha vinculación durante toda a súa vida con Maceda e mesmo el quixo que as súas cinzas regresaran aquí”, explica o alcalde de Maceda, Xavier Oviedo que se trasladou a Salamanca nada máis coñecer o pasamento do historiador e teólogo a fins do mes de novembro para a tramitación do seu desexo de ser enterrado no seu concello natal.
Xavier Oviedo mostra a súa sorpresa pola posición do PP no pasado pleno no que, segundo relata, “defenderon o voto en contra porque, dicían, xa tiña o nome da biblioteca pública. Cando se presenta unha iniciativa como esta que ten como fin honrar un veciño que foi unha figura relevante na historia de Galiza , se non lle gustaba podían terse abstido mais decidiron mostrar a súa oposición”. Malia a actitude do PP, a iniciativa saíu aprobada cos votos do grupo de goberno máis o da concelleira do PSOE e a praza leva así o nome de Francisco Carballo. De cara á primavera teñen previsto organizar un acto para oficializar o nome da praza Francisco Carballo.”
#EuSonRosalía: Marilar Aleixandre
Co
cancelo #EuSonRosalía a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega propón celebrar o Día de Rosalía de Castro 2015 convidando os centros escolares, institucións, movemento asociativo, persoeiros da cultura galega e a todos os particulares que se quixeren sumar, a realizaren actividades encamiñadas a afondar na diversidade temática da obra rosaliana, de modo que cada persoa descubra con cal das múltiples sensibilidades da autora se sente máis identificada, e así poder comunicárnolo gravando en vídeo unha frase que comezaría por “Eu son Rosalía porque/cando/para…”
A idea é que os lugares nos que se filme esa breve declaración, de contido libre e persoal, sexan escenarios da vida cotiá, de ser posíbel, especialmente os ámbitos laborais, en conexión con boa parte da poesía rosaliana, vinculada ao traballo e á vida diaria.
Envíanos o teu vídeo ou a ligazón ao mesmo a oficina@aelg.org!
Entrevista a Antonio Reigosa no Diario Cultural
Desde
o Diario Cultural da Radio Galega:
“Entrevista a Antonio Reigosa arredor do proxecto Galicia Encantada, que celebra o seu décimo aniversario coa publicación do libro Galicia Encantada. O país das mil e unha fantasías, en Xerais.”
A tradución de Ramón Nicolás de Bisa Bea, Bisa Bel, de Ana Maria Machado, entra na Lista de Honra de IBBY
Desde
Galaxia:
“A tradución que Ramón Nicolás fixo do libro de Ana María Machado, Bisa Bea, Bisa Bel entra na Lista de Honra de IBBY, prestixioso recoñecemento que recolle as mellores producións, neste caso referida á tradución, do mundo nas distintas linguas. (…)”
A Coruña: presentación de O bigote de Mimí, de Manuel María
Betanzos: @s poetas teñen a palabra, con Diana Varela Puñal
Escarlatina, de Ledicia Costas, na lista de honra do IBBY
Desde
Brétemas, de Manuel Bragado:
“Recibimos con satisfacción a noticia da elección de Escarlatina. A cociñeira defunta de Ledicia Costas para formar parte da Lista de Honra do IBBY do bienio 2015-2016. Recoñécese outra vez un deses textos literarios, que ademais de merecer o premio Merlín 2014 de literatura infantil e o Fervenzas ao mellor libro infantil do ano, está recibindo unha acollida calorosa entre os lectores e lectoras novos, xa que en cinco meses van xa tres edicións e varias ducias de encontros en bibliotecas escolares do país. Xaora, este fulgor de Escarlatina é o propio dunha novela nacida con vontade de clásico infantil contemporáneo, sexa pola orixinalidade da súa proposta temática e estrutura narrativa, onde a cociña e o inframundo teñen grande protagonismo, como pola súa sutileza para abordar a relación da rapazada coa morte e co auténtico valor da vida. (…)”
Convocado o XIV Certame Literario de Relato de Aventuras Antón Avilés de Taramancos
Cuestionario Proust: Manuel Núñez Singala
Desde
o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Manuel Núñez Singala:
“1.– Principal trazo do seu carácter?
– O optimismo.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A bondade e o sentido do humor.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Que me queiran.
4.– A súa principal eiva?
– Entre as confesables: a dispersión.
5.– A súa ocupación favorita?
– Imaxinar…
6.– O seu ideal de felicidade?
– Camiñar espido por unha praia sentindo a calor do sol.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– A desgraza dos que amo.
8.– Que lle gustaría ser?
– Mellor persoa.
9.– En que país desexaría vivir?
– No que vivo. Pero que fose en realidade un país, con persoas orgullosas da súa orixe, da súa terra, da súa lingua…
10.– A súa cor favorita?
– A vermella.
11.– A flor que máis lle gusta?
– Gústanme todas.
12.– O paxaro que prefire?
– Le canard enchaîné, La codorniz…
13.– A súa devoción na prosa?
– Ernesto Sábato.
14.– E na poesía?
– Benedetti.
15.– Un libro?
– Só un?
16.– Un heroe de ficción?
– A formiga atómica.
17.– Unha heroína?
– A madrasta de Branca de Neve.
18.– A súa música favorita?
– Tanto me ten, pero baixiña.
19.– Na pintura?
– Suzanne Valadon.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Meus pais.
21.– O seu nome favorito?
– Mar, Carlos…
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A intolerancia.
23.– O que máis odia?
– O egoísmo.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Calquera dictador.
25.– Un feito militar que admire?
– Militar? Ningún.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Non creo nos dons naturais. Case todo o que somos é froito do esforzo.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– De ningunha maneira!
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Ilusionado.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Se cadra a gula.
30.– Un lema na súa vida?
– O que non te mata faite máis forte.”




