Agustín Fernández Paz: “Escribimos cos fíos da vida”

Entrevista de Xosé Gago a Agustín Fernández Paz en Galicia Confidencial Tendencias:
“(…) – Galicia Confidencial Tendencias (GCT): N’A viaxe de Gagarin, preséntasnos un tramo da vida do protagonista, alcuñado Gagarin, durante a súa adolescencia, e enmarcada pola carreira espacial. Que hai de Agustín na personaxe de Gagarin? (penso sobre todo no gusto pola lectura e o acceso a literatura prohibida)
– Agustín Fernández Paz (AFP): Cando Flaubert dixo o seu célebre «Madame Bovary son eu» estaba a expresar dun xeito rotundo unha evidencia: sempre hai algo do autor nos personaxes que crea. A min gústame dicir que escribimos cos fíos da vida, entendendo a palabra vida nun sentido que recolla toda a súa complexidade. Así que é lóxico que eu lle preste a Gagarin unha parte das miñas experiencias de mocidade (a dos libros prohibidos, por exemplo), aínda que estean convenientemente transformadas. (…)
– GCT: O amor entre Gagarin e Francesca é un amor “imposible”, xa que son de castas diferentes, porén, pertencen a esa xeración que debía rachar coa idea das dúas Españas… pensas que se fixo historicamente esa “unificación”?
– AFP: Na novela, non só son de distinta clase social; tamén pertencen a mundos enfrontados ideoloxicamente. E isto, nos anos do franquismo, tiña moita importancia. É certo que foron moitos os casos de parellas que souberon salvar esas diferenzas, mais tamén o é que as diferenzas de clase social seguen estando aí. (…)
– GCT: En canto ao valor da literatura. Gagarin recorda toda a historia dos seus pais no leito mortal da súa nai, en gran parte para transmitirllo á súa prole. Asemade, unha das personaxes do libro, escribe un diario que acaba caendo nas mans de Gagarin e legándolle segredos que doutro xeito non coñecería. Esa intención de legar á xeración seguinte, de transmitir aos “fillos” é a fin última da literatura?
– AFP: A memoria, a ansia de contar as experiencias, a necesidade de deixar constancia do noso paso pola vida… son poderosos motores literarios. A literatura vence o tempo e vence o espazo, dalgún xeito constitúe a memoria da humanidade. É marabilloso abrir Follas novas e escoitar a voz de Rosalía falándolle ao lector! (…)”

Vigo: presentación de Ámote Leo A. Terminal de… chegadas?, de Rosa Aneiros

O mércores 18 de xuño, ás 19:00 horas, no Centro de Recursos Feministas de Vigo (Biblioteca Pública Central, Rúa Joaquín Yáñez, 6-2º de Vigo), terá lugar a presentación do libro Ámote Leo A. Terminal de…chegadas? de Rosa Aneiros, publicado en Xerais. No acto participa, xunto á autora, Anaír Rodríguez.

Cuestionario Proust: Inma López Silva

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Inma López Silva:

«1.– Principal trazo do seu carácter?
– O optimismo.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– Hai varias, pero sobre todo, a intelixencia, a temperanza e posuír unha certa agudeza emocional que non todo o mundo ten.
3.– Que agarda das súas amizades?
– A confianza mutua.
4.– A súa principal eiva?
– Un certo mal xenio que tarda en aparecer pero… en canto o fai, faise notar.
5.– A súa ocupación favorita?
– Teño tres, que tiven a sorte de converter en oficios. Escribir, ensinar e ir ao teatro. (Todas elas, en maior ou menor medida, conlevan a lectura, que non considero tanto ocupación coma estilo de vida).
6.– O seu ideal de felicidade?
– Vivir onde queira e como queira.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Perder a miña filla.
8.– Que lle gustaría ser?
– Se con esta pregunta te refires a ese soño hipotético, imposíbel de cumprir porque nunca fixeches nada por tentalo pero forma parte das túas paixóns e aspiracións secretas, cantante de ópera, sen ninguna dúbida.
9.– En que país desexaría vivir?
– Na República de Galicia.
10.– A súa cor favorita?
– O verde.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A rosa.
12.– O paxaro que prefire?
– Os que se comen.
13.– A súa devoción na prosa?
– O Quixote, Tristram Shandy e Rabelais, sempre. Logo teño moitas devocións que mudan por épocas; agora mesmo Murakami, Alice Munro, Gioconda Belli, Susan Sontag; por aquí últimamente gusto moito de Xabier López. E déixame contar o teatro coma prosa: Shakespeare, sempre; Cándido Pazó, Juan Mayorga, Victor Haïm, Heiner Müller, Sarah Kane. Levo fatal este tipo de preguntas.
14.– E na poesía?
– Sigo ecléctica. Joan Margarit e Miro Villar. Dependendo do estado de ánimo, San Juan de la Cruz e Manrique. Os sonetos de Shakespeare e os de Camões. A T. S. Eliot volvo sempre, igual ca á nosa Rosalía e a Cunqueiro.
15.– Un libro?
– Non podo dicir un só libro. Remítome as dúas respostas anteriores que, sen dúbida, xa contestei de maneira indebida por incontinente.
16.– Un heroe de ficción?
– Indiana Jones.
17.– Unha heroína?
– Circe.
18.– A súa música favorita?
– Calquera cousa que fixeron os Beatles.
19.– Na pintura?
– Kandinsky, Chagall, Magritte.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Mata Hari.
21.– O seu nome favorito?
– Sofía.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– O exceso de confianza en todas as súas modalidades.
23.– O que máis odia?
– Tres cousas: a ignorancia fachendosa, a cobiza ególatra, a autoridade sen auctoritas.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Deixando á parte aos dirixentes fascistas e os seus axudantes en todas as súas modalidades, hai un ser desprezábel do que non sempre se fala o suficiente: o Cardeal Richelieu.
25.– Un feito militar que admire?
– A Revolución de Sierra Madre e a liberación de Cuba.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– A elegancia.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Non me gustaría morrer.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Animoso.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– A impaciencia, a inseguridade e o medo.
30.– Un lema na súa vida?
– Carpe diem.”

Cuestionario Proust: Bernardo Atxaga

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Bernardo Atxaga:

«1.– Principal trazo do seu carácter?
– Son serio.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– O bo humor.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Proximidade.
4.– A súa principal eiva?
– Tendencia a prometer demasiadas cousas.
5.– A súa ocupación favorita?
– Escribir.
6.– O seu ideal de felicidade?
– A xuventude eterna. Falo da alma.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Aceptar un cargo político ou un posto universitario.
8.– Que lle gustaría ser?
– Escritor.
9.– En que país desexaría vivir?
– Estou ben aquí.
10.– A súa cor favorita?
– O branco.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A flor da maceira.
12.– O paxaro que prefire?
– “Urtxoria” , “buztanikara” (lavandeira, pastoriña).
13.– A súa devoción na prosa?
– Pushkin.
14.– E na poesía?
– Bertolt Brecht.
15.– Un libro?
Poemas e cancións (Bertolt Brecht).
16.– Un heroe de ficción?
– Aquiles, porque, como escribiu Hölderlin, tiña coñecemento da morte e era melancólico.
17.– Unha heroína?
– Antígona.
18.– A súa música favorita?
– Piano, guitarra, guitarra eléctrica, trompeta.
19.– Na pintura?
– Malevich.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Marc Bloch.
21.– O seu nome favorito?
– Elisabet, Sara, Simón, Candela, Imanol.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– O de xeneralizar (“Imos pasalo de medo vendo o Mundial de fútbol”, etc.)
23.– O que máis odia?
– O razoar dos conversos.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– El-rei Leopoldo II de Bélxica (en xeral, a todas as estrelas da, así chamada,
Belle Époque).
25.– Un feito militar que admire?
– Faláronme ben de Aníbal e da batalla de Cannas.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– O de debuxar e pintar.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Se non queda outro remedio que morrer, que sexa por sorpresa.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Tendo a ser sombrío, pero loito contra esa tendencia.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– O que o son por exceso. O que desbalde a súa fortuna (como o Sr. Ponder de Eudora Welty) é moito mellor que o coreño de Dickens.
30.– Un lema na súa vida?
– “O meu mundo non é deste reino” (era o de Gabriel Aresti).”

Laura Rodríguez Herrera presidirá a Asociación Galega de Editores

Desde a Asociación Galega de Editores:
“A asemblea extraordinaria da Asociación Galega de Editores, celebrada este 16 de xuño na Biblioteca do Consello da Cultura Galega, decidiu por unanimidade dos socios asistentes a elección de nova xunta directiva da entidade, resultando elixida presidenta Laura Rodríguez Herrera, de Hércules de Ediciones, que viña desempeñando o cargo de secretaria da entidade. É a segunda muller que accede á presidencia no transcurso de 30 anos. Estará acompañada na executiva da AGE por Xosé Aldea Meizoso, de Ouvirmos, como Vicepresidente; Gemma Sesar Ignacio, de Editorial El Patito, como Secretaria; e María Jesús G. Sanjurjo, de Rodeira-Edebé, como Tesoureira. Exercerán como vocais Xulio Amigo Estrada, de Editorial Galaxia; Antón Lado Lago, de 2.0 Editora; Benigno Paz Ramos, de Kns Ediciones; Manuel Bragado Rodríguez, de Edicións Xerais) e Francisco Sánchez, de La Voz de Galicia.
Laura Rodríguez Herrera expresou que asumía o cargo polo compromiso da súa editorial coa entidade e tamén pola súa aposta persoal dos últimos anos. Manifestou que aínda que carecía da experiencia de toda unha vida dedicada ao traballo editorial, aportaría a súa visión para encetar un tempo novo necesitado de constante renovación. O xa expresidente, Manuel Bragado Rodríguez, de Edicións Xerais, manifestou o seu apoio e o da editorial que representa á nova presidenta. Bragado é, dende hai poucas semanas, o novo presidente de Culturgal.”

Begoña Díez Sanz: “Gustoume ese toque de poder chamarlles camaradas aos lectores”

Entrevista de Ramón Mariño a Begoña Díez Sanz en Praza:
“Begoña Díez Sanz naceu en Valladolid. Leva máis dunha década vivindo en Galicia e agora, logo dun proceso de auto-inmersión lingüística, é galego-falante. Mais non quedou a cousa aí senón que vén de publicar o que é o seu primeiro traballo poético. E fíxoo en galego. En Camarada: eu só quería facer algo bonito, atopamos varias voces poéticas coa orixe na mesma autora, desde a sensual ata a máis reivindicativa, pasando pola íntima e persoal. Falamos con Begoña dos puntos que distinguen o seu poemario e das súas visións a respecto da muller, da lingua e da poesía por suposto. (…)
– Praza: A sorpresa para moita xente vai ser cando descubran que ti es de Valladolid e vexan que este primeiro traballo teu está en galego. Cando decidiches falar e escribir en galego foi unha maneira de posicionarte nun marco concreto ou o inicio dunha aventura para ti?
– Begoña Díez Sanz: Non, foi un posicionamento. Levo trece anos vivindo aquí, o ano pasado presenteime ao CELGA 3 e estudei pola miña conta. A literatura que consumo é toda en galego e considérome a día de hoxe galego falante. Indiferentemente da lingua que me falen, respondo en galego. Foi un camiño duro porque ser de Valladolid ás veces ponche unha etiqueta que non es. Os primeiros intentos de falar en galego foron recibidos con risos. Claro que teño erros aínda, son consciente deles e pido que me corrixan. Pero ao principio ninguén me corrixía e era como dicir “mira esta que vén falar en galego”. Iso tira para atrás cando querer falar unha lingua ten detrás unha ideoloxía e un sentimento. Especialmente polo galego e polas minorías. Deixei de falar en galego porque me daba vergoña. Tamén estaba como en terra de ninguén, para os galego-falantes eu non falaba galego e para as persoas con outras ideoloxías e xente de Valladolid, pois chamáronme de todo. Pero chegou un momento que decidín que tanto me tiña todo. Paseime ao galego estando fóra de aquí. (…)”