Ángela Fernández Rey gaña o X Premio Pura e Dora Vázquez de Narración

A obra Por que está triste Miañas?, da escritora ourensá Ángela Fernández Rey, foi elixida por unanimidade polo xurado como gañadora da X edición do Premio Pura e Dora Vázquez de Narración, dotado con 1.500 euros, que convoca a Deputación de Ourense. O xurado deu a coñecer o fallo hoxe trala reunión mantida no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense, destacando da obra premiada “o feito de que fomenta e transmite o sentido do compañeirismo, a amizade e a solidariedade entre os nenos”, e subliñando tamén “o áxil ritmo narrativo e cunha linguaxe perfectamente acaída para o público infantil”. O xurado destaca asemade a orixinalidade do enfoque narrador da obra, que radica en que transmite a través dos animais os valores máis destacados do ser humano. Sinala tamén o xurado que esta obra de Fernández Rey “sirve para poñer en valor o fomento da literatura dirixida aos máis novos e o xénero literario da fábula”, e “permitirá acadar un perfecto equilibro entre narración e ilustración”, pois este é un galardón que premia estas dúas facetas creativas: a literaria e a artística. Tamén destaca da obra o rápido ritmo narrativo da historia, que “atrapa” ao lector de principio a fin, cuns diálogos moi ben conseguidos. Para Ángela Fernández Rey este é o seu primeiro premio literario. Segundo a normativa do premio, a obra gañadora será enviada aos interesados en participar no X Premio Pura e Dora Vázquez de Ilustración, para o cal a Deputación de Ourense abre a convocatoria dende hoxe. A esta modalidade de ilustración poderán concorrer os ilustradores que presenten os seus traballos, inéditos e orixinais -non menos de dez ilustracións-, tomando como base o texto premiado de Ángela Fernández Rey. Nesta modalidade establécese un premio de 1.500 euros, e a data límite para presentar os traballos é o 20 de decembro de 2012. O xurado do X Premio Pura e Dora Vázquez de Narración estivo presidido por Avelino García Ferradal, e integrado por José Manuel Fernández López, José Antonio Santos Guede, Isabel Almuíña González e Celia Díaz Núñez (gañadora da edición 2011), actuando como secretario Fernando R. Méndez, responsable de Comunicación da Deputación de Ourense.” Desde a Deputación de Ourense.

Convocado o I Premio de Poesía Manuel Lueiro Rey

O Concello de Fornelos de Montes e a Asociación de Veciños O Cruceiro da Laxe, para honrar a memoria do seu ilustre poeta e contribuír á promoción da poesía galega, convoca a I edición do Premio de poesía Manuel Lueiro Rey. O prazo remata o 31 de decembro de 2012. As bases completas poden descargase aquí.

Poemas en mancomún para o Monte Pindo

“A Asociación Monte Pindo Parque Natural bota a andar a iniciativa de editar un volume con todos os textos literarios escritos en todos os tempos arredor do Olimpo Celta. Canda eles, publicaranse no libro novas aportacións inéditas que se sumarán a un volume enmarcado dentro da súa campaña na promoción e defensa do singular espazo. Para que o libro vexa luz artellaron a fórmula da suscripción popular de maneira que a publicación só se fará efectiva se se garante con antelación a venda de 105 exemplares ao prezo de 10 euros, cinco menos do que costará en librarías. Unha vez garantida eses primeiros encargos, darase paso a publicación do libro, que recollerá nos seus agradecementos o nome das persoas que fixeron a merca anticipada que permitiu publicar o volume. De non conseguilo, devolveríanse os cartos adiantados a quen os puxera e suspenderase o proxecto. Para partillar da suscrición popular compre entrar na plataforma Goteo.org para facer a reserva. Os escritores Miro Villar e Francisco X. Fernández Naval coordinarán o volume cos textos literarios arredor do Monte Pindo. (…)”. Desde Sermos Galiza (tamén aparece en Que pasa na Costa).

Polo dereito a sermos escritoræs en lingua galega

PRONUNCIAMENTO DA ASOCIACIÓN DE ESCRITORAS E ESCRITORES EN LINGUA GALEGA (AELG) ANTE DAS ELECCIÓNS AO PARLAMENTO

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega quere facer pública a súa demanda de implicación dos partidos e organizacións políticas que concorren a estas eleccións co obxecto de incluíren nos seus programas de goberno a defensa activa e efectiva dun sistema literario galego e en galego.

Demandamos, dos partidos e organizacións políticas que presentan candidaturas ao Parlamento, que inclúan nos seus programas as xustas reivindicacións do colectivo de escritoras e escritores en lingua galega no referente á irrenunciábel defensa e promoción da lingua e da cultura propias de Galiza en todos os ámbitos de actuación e responsabilidade gobernativa.

A literatura, e o idioma que a expresa, debe ser comprendida como un factor de desenvolvemento sociocultural favorecedor do autocoñecemento como corresponde a Galiza, nación cunha das máis antigas culturas de Europa.

Concibimos a literatura e a lingua galega como creadoras de cidadanía con valores democráticos, como depositarias e defensoras da nosa identidade como pobo, como instrumentos necesarios e irrenunciábeis para conseguirmos maiores espazos de decisión propios, que permitan o desenvolvemento cultural e social en función unicamente dos intereses do pobo galego e que doten a Galiza dun maior status político e xurídico, único xeito de non sermos varridos polo mal vento da globalización, que pretende unha homoxeneización e uniformización dos valores culturais e lingüísticos dos pobos a conta de amolecer e engulir toda diversidade cultural e plural.

Entendemos que a literatura e a lingua consolidan os dereitos dos pobos e son a vacina protectora para a consecución dunha democracia coa suficiente calidade e eficacia como para que mereza ser así chamada, que nos converte en individuos dun pobo cunha cultura e un idioma senlleiros.

Defendémolo nun momento en que, de continuar a asfixia económica programada que está a padecer o tecido cultural da Galiza e tamén as industrias culturais, pode levar á súa invisibilización e, na práctica, á súa ilegalización social.

É por isto que demandamos dotación económica, verdadeiramente comprometida e en clave de aposta de futuro, nos orzamentos da administración galega, posto que a cultura tamén forma parte da economía produtiva do noso país. Asemade, requirimos da administración galega instrumentos de xestión para o achegamento da literatura e polo tanto tamén dos escritores e escritoras á sociedade galega e de xeito transversal, sexa a través do ensino do galego e en galego, así como da visibilización da literatura en galego, desde as actividades de goberno como son o turismo cultural, ou os servizos sociais, até aquelas actividades dirixidas á formación dunha xuventude crítica e educada para o respecto, a paz e a solidariedade.

Como primeiras medidas do novo goberno, solicitamos:

1. Reposición da desaparecida Consellaría de Cultura.
2. Creación dunha Dirección xeral do libro.
3. Creación dun Instituto de promoción da cultura galega no exterior.
4. Participación das escritoras e escritores galegos e do sistema editorial que difunde e amplifica a súa creación nas feiras e mercados internacionais.
5. Apoio ao teatro galego.
6. Promoción para a recuperación da memoria histórica da literatura oral.
7. Recuperación e posta en valor dos Premios Nacionais da Cultura Galega.
8. Elaboración dun plan da lectura.
9. Apoio efectivo aos medios de comunicación en galego.
10. Elaboración dun plan director da cultura galega, e en concreto do libro en galego, que desenvolva a lei do libro na súa condición de industria estratéxica.
11. Restitución do uso do galego no ensino de todas as áreas de coñecemento técnico ou científico (Matemáticas, Física e Química e Tecnoloxía), dada a importancia da escrita e da creación científica no desenvolvemento dunha cultura plena.
12. Expropiación da Igrexa de Bonaval e acceso libre ao espazo público e laico que para as galegas e galegos debe ser o Panteón de Galegos Ilustres.

Así mesmo, trasladamos á cidadanía a nosa preocupación polo progresivo deterioro tanto do prestixio social como do uso oral e escrito da nosa lingua, polo que lles rogamos que, á hora de decidiren a opción política que a vai representar durante os próximos catro anos, preste especial atención ás propostas e intencións ao respecto expresadas nos seus programas electorais.

O Consello Directivo da AELG
11 de outubro de 2012

Allariz: II Festa do Libro Galego, do 12 ao 14 de outubro

Allariz acollerá esta fin de semana a segunda Festa do Libro Galego na que se porán á venda as últimas novidades en galego. Organizada polo Concello de Allariz, a Fundación Vicente Risco, a Fundación Anselmo Lorenzo e a libraría Aira das Letras. Desenvolverase na Praza de Abastos, cun horario de 11:30 a 14:00 h. e de 17:00 a 20:00 h. (o sábado pola mañá, se chove, non haberá feira). O programa literario é o seguinte:

Venres 12 de outubro:
13:00 h. Inauguración da Festa por Miguel Anxo Fernández e entrega dos premios do concurso de micro-relatos Aira das Letras.
19:00 h. Presentación do libro Olladas, de Adelaida Vidal, Premio Vicente Risco de Creación Literaria 2011.
Sábado 13 de outubro:
18:00 h. Presentación do cómic Titoán, premio Castelao de banda deseñada 2011.
19:00 h. Presentación do libro Queer-mos un mundo novo, de Teresa Moure. Premio Ramón Piñeiro de ensaio 2011.
Domingo 14 de outubro:
13:00 h. Presentación do libro infantil O cullarapo Croque, de Miguel Ángel Alonso e Luz Beloso, e lectura contada do mesmo.

Agustín Fernández Paz: “O desexo de ler, o oficio de escribir”

Entrevista de Ramón Nicolás a Agustín Fernández Paz en Qué leer, desde o seu blogue, Caderno da crítica:
“(…) – Ramón Nicolás (RN): Rendéuselle unha emocionante e multitudinaria homenaxe hai uns meses en Vigo. Como xulga este recoñecemento?
– Agustín Fernández Paz (AFP): Foi unha demostración de cariño -seguramente, excesiva- por parte dos meus amigos e amigas. «Escribo para que me queiran máis», afirmou García Márquez nalgunha entrevista; unhas palabras que agora comprendo moi ben, aínda que a miña obsesión pola escritura teña outras orixes. Para min, foi conmovedor recibir o afecto explícito de tantas persoas. Nunca o esquecerei.
– RN: En Non hai noite tan longa, a súa primeira novela especificamente para adultos, hai moito de memoria persoal e colectiva….
– AFP: Aínda que adopte a estrutura de thriller, cunha trama que busca engaiolar ao lector, esta novela responde a un axuste de contas coa España da etapa final da ditadura, a dos anos de xuventude da miña xeración. Un repaso á mentira, á represión, á crueldade, á inxustiza, á diferenza de clases… dunha etapa que tende a xulgarse de forma benévola. Benévolos aqueles anos, que culminan coas execucións de setembro do 75? Que estafa!
– RN: En Fantasmas de luz hai unha mirada crítica ao noso tempo…, talvez máis necesaria que nunca?
– AFP: Ademais dunha imprescindible homenaxe ao cine, tan importante na miña formación, neste libro abordo a inxustiza e a voracidade do sistema capitalista no que vivimos. Damián, un proxeccionista de cabina que queda no paro ao pechar o cine onde traballaba, e Marga, a súa muller, tamén desempregada, vanse facendo cada vez máis transparentes. Algo que vemos a diario nesta sociedade, que segrega e invisibiliza ás persoas máis débiles, como acontecía en As uvas da ira de John Ford, unha das referencias do libro. Introducir un elemento fantástico nun contexto realista, axúdame a falar con maior hondura da realidade.
– RN: Ten a punto de publicarse O rastro que deixamos
– AFP: Creo que o título -tomado dunha novela magnífica de Siri Hustvedt, Todo canto amei– reflicte ben o contido do libro. Nel repaso, con moitos elementos autobiográficos, algunhas facetas da miña vida e da da miña xeración: un percorrido polas paisaxes da memoria e pola miña educación sentimental, que diría Vázquez Montalbán. Ao tempo, como ler e escribir son indisociables como as dúas caras dunha moeda, falo do desexo de ler e do oficio de escribir, dúas facetas moi importantes na miña vida.
– RN: Algún proxecto narrativo entre mans?
– AFP: Durante os últimos meses, estiven a documentarme sobre a vida na España dos anos sesenta e, ao tempo, sobre a carreira espacial que se inicia co Spútnik e remata co Apolo XI. Ese será o marco no que se desenvolverá a miña próxima novela.”

Ponteceso: presentación da escolma poética Versus

O sábado 13 de outubro, a partir das 17:00 horas no local da Fundación Eduardo Pondal (O Couto, Ponteceso), dentro dos actos enmarcados no Outono Pondaliano 2012, preséntase a escolma poética Versus. No acto participan Antón Borrazás, Miguel Queipo e Óscar de Souto, autores de parte dos textos recollidos no volume, e que recitarán algúns poemas dos incluídos no libro.