Os Premios da Crítica Galicia 2012 ditaminaranse o sábado 17 de novembro

O ditame dos xurados desta 35ª edición dos Premios da Crítica Galicia será coñecido o sábado 17 de novembro de 2012 no decurso dunha cea que se celebrará en Vigo, no Hotel Os Escudos, a partir das 20:30 horas. A xunta directiva da Fundación Premios da Crítica Galicia nomeou xa os membros dos xurados de cada unha das modalidades, Creación Literaria, Investigación, Música, Iniciativas Culturais, Artes Plásticas e Visuais e Artes Escénicas e Audiovisuais.
O xurado da modalidade Creación Literaria está composto por Ana Romaní (escritora, gañadora da edición 2011 de Creación Literaria), Fina Casalderrey (escritora, Premio Nacional de Literatura Infantil), Olivia Rodríguez González (profesora da UDC, Sección de Crítica da AELG), Xavier Lama (escritor e xornalista), Isabel Mociño González (Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, profesora da UDV), Luciano Rodríguez (profesor da UDC), e Blanca-Ana Roig Rechou (secretaría, Fundación Premios da Crítica Galicia).

Antonio Seijas: “Non son moi amigo das adaptacións, pero isto apetecíame desde que lin o libro”

Entrevista a Antonio Seijas en Galiciaé:
“Antonio Seijas é un debuxante de banda deseñada que vén de levar ao cómic a novela Cartas de Inverno, de Agustín Fernández Paz. Unha obra gráfica que, prologada polo escritor, verá a luz este outono.
– Galiciaé (G): ¿De cal dos dous foi a idea, de Fernández Paz ou súa?
– Antonio Seijas (AS): A idea foi miña. Hai uns anos encargáronme as cubertas dunha nova edición do libro e, mentres as facía, dinme de conta de que sería unha gran idea levar esa historia á banda deseñada. Con todo, fixen as cubertas e esa idea quedou aparcada por un tempo. Ao ano seguinte, coincidín con Agustín no xurado do Premio Castelao, que eu gañara o ano anterior; comenteillo e gustoulle a idea. Cando tiven un oco para levalo adiante, puxémonos a con el.
– G: Semella que as historias de Fernández Paz teñen unha aura mística que, de por sí, evoca á imaxinación. ¿Facilita o traballo, por así dicilo, este tipo de narrativa?
– AS: Xustamente, o feito de ter esa mística especial e de ser tan subxectivo dificulta o traballo do debuxante, porque é moito máis difícil coincidir coa imaxe mental que cada un se crea da historia, chegar a un punto en común co lector. Eu interpreto o libro, como todos.
– G: ¿Como é o proceso? Cando le o libro un imaxina as imaxes, pero ¿rematan sendo esas figuras o poducto final, feito cómic, ou termina por facer algo totalmente diferente?
– AS: Neste caso, volvín ler o libro para facerlle as imaxes na cuberta. Si mo estaba imaxinando, pero non estaba pensando en levalo ao cómic: unhas figuracións e outras sempre son diferentes. Cando me puxen en serio a fabricar a novela en banda deseñada, tiven que lela moitas máis veces. Aí si fun pensando como plasmala. (…)”.

Barcelona: seminario Novel.la criminal i gènere a Galícia, o luns 29 de outubro

O luns 29 de outubro, de 16:30 a 19:30 horas, Aula Gabriel Oliver, Edificio Josep Carner, andar 1, da Facultat de Filologia da Universitat de Barcelona (Rúa Aribau, 2), terá lugar o seminario Novel·la criminal i gènere a Galícia, coordinado por María Xesús Lama e Elena Losada, e que ten como obxectivo abrir unha reflexión sobre a novela criminal en Galicia desde unha perspectiva de xénero. Este seminario enmárcase no convenio de colaboración asinado este ano entre o Centre Dona i Literatura e mais a Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega. Do programa, que pode ser descargado aquí, destacamos o seguinte:
De 17:00 a 18:00 h. Sesión 1: Violencia, novela criminal e xénero. Modera María Xesús Lama:
* María Xosé Agra. Dar e quitar a vida: a violencia das mulleres.
* Shelley Godsland, Novela criminal escrita por mulleres en España.
De 18:30 a 19:30 h. Sesión 2: Novela criminal en Galicia. Modera Elena Losada.
* María Xesús Lama: Personaxes femininas na novela criminal galega.
* Laura Caveiro: Os caprichos dunha inmensa e allea fortuna.

A facturación editorial caeu catro millóns de euros só no último ano

Reportaxe de Camilo Franco en La Voz de Galicia:
“Os informes da situación do sector editorial en Galicia son unánimes nas perdas de facturación do sector desde o ano 2009. O estudo realizado pola Federación de Gremios de Libreros indica que en Galicia a facturación do sector pasou de facturar 31 millóns de euros no 2010 a quedarse por debaixo dos 27 durante o 2011. Esta perda de catro millóns de euros na facturación do sector en Galicia non é a primeira que se rexistra. No 2009, o exercicio no que os editores galegos alcanzaron o seu pico máximo de facturación, a cifra rexistrada roldou os 34 millóns de euros. Pero os datos do último exercicio rexistrado son especialmente malos, posto que supoñen unha caída do 13,3 % con respecto ao ano anterior e sitúan a facturación por segundo ano consecutivo por debaixo mesmo da primeira cifra rexistrada do sector en Galicia: 31,89 durante o ano 2007. (…)”.

IX Premio Luísa Villalta a iniciativas normalizadoras

1. OBXECTIVOS
O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña, o Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela e a Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, convocan o IX Premio Luísa Villalta a Iniciativas Normalizadoras cos seguintes obxectivos:
– Desenvolver iniciativas innovadoras, relacionadas coa planificación e a normalización lingüística, creadas por persoas e/ou grupos que pertencen ao ámbito universitario.
– Elaborar propostas que presenten rigorosidade planificadora e normalizadora para incentivar, deste xeito, a investigación nos ámbitos da sociolingüística e da planificación lingüística.
– Promover a reflexión e a implicación da comunidade universitaria galega a respecto da situación da nosa lingua dentro das súas institucións e no contorno en que se desenvolven as súas actividades.
– Aproveitar as potencialidades técnicas e científicas e os recursos humanos existentes nas tres universidades, así como outros recursos externos a elas.
2. PARTICIPANTES
O concurso está dirixido a todos os membros da comunidade universitaria galega (Universidade da Coruña, Universidade de Santiago de Compostela e Universidade de Vigo), así como aos seus respectivos centros adscritos. Poderanse presentar todas aquelas persoas que o desexaren de xeito individual ou en grupos. Coa constitución de equipos preténdese favorecer a participación dos colectivos que teñen entre os seus obxectivos pular pola normalización do galego, como as comisións de normalización lingüística, as asociacións estudantís etc. Dadas as características do concurso fica excluído de participar todo o persoal que traballe nos servizos lingüísticos destas tres institucións.
3. CARACTERÍSTICAS DA INICIATIVA
O premio consta de dúas modalidades:
a) Premiarase o deseño dunha campaña normalizadora que desenvolva unha iniciativa orixinal que teña como obxectivo fomentar o uso do galego no ámbito universitario.
A iniciativa poderá presentar enfoques diferentes dependendo de cales foren os ámbitos de aplicación, os obxectivos que se perseguiren, os destinatarios a que for dirixida a acción etc. Neste sentido, é posible ben deseñar unha campaña dinamizadora para un centro en concreto de calquera dos existentes nas tres universidades galegas, de modo que se oriente cara a un ámbito de coñecemento específico (informática, dereito, ciencia, deporte etc.) ou ben deseñar unha campaña dinamizadora para as tres universidades galegas que se poida desenvolver simultaneamente ou non.
En todas as campañas poderá procurarse a implicación de institucións, asociacións e organismos alleos ás universidades que teñan como unha das súas responsabilidades o fomento da lingua galega así como doutras entidades que se puideren implicar dalgún xeito no proceso normalizador.
A campaña que se propuxer debe ter uns destinatarios concretos, débese saber onde se pretende actuar, e sobre todo que se espera obter con ela, cales son os obxectivos. Para iso o documento en que se recolla deberá contar, cando menos, coas seguintes epígrafes:
– O punto de partida onde figure a situación do galego no ámbito en que se centrar: referencias ao status legal da lingua nese ámbito, utilización de diagnoses e análises previas se as houber, grao de coñecemento do medio sobre o que se vai traballar, ter en conta o traballo previo de tipo normalizador feito no mesmo ámbito etc.
– Os obxectivos que se perseguen: explicación do que se pretende e reflexión sobre a súa conveniencia, nomeadamente sobre os obxectivos que se perseguen e sobre a importancia que tería de se cumpriren estes así como sobre a repercusión que poderían acadar.
– A metodoloxía: análise dos procedementos e estratexias que se van seguir para acadar os obxectivos que se perseguen, cunha breve reflexión sobre a metodoloxía escollida e a súa conveniencia.
– As actividades que se pretenden desenvolver: descrición das actividades concretas que se han desenvolver e especificación da súa relevancia dentro dos obxectivos que pretende conseguir a campaña.
– A planificación temporal da campaña: configuración dun calendario de execución da campaña o máis detallado que for posible.
– As persoas implicadas e persoas a que implica: relación de persoas as que vai dirixida a campaña, así como as diferentes actividades (no caso de variaren), así como a relación de persoas ou axentes normalizadores que se han implicar no seu desenvolvemento.
– A estimación orzamentaria para o desenvolvemento da campaña: deberase presentar unha estimación orzamentaria o máis axustada posible á realidade, co que se poden incluír memorias económicas con base nuns orzamentos previos.
b) Premiarase unha idea para a promoción do galego que explique razoadamente unha proposta cuxo obxectivo for fomentar o uso do galego no ámbito universitario. A entrega desta iniciativa constará obrigatoriamente dun pequeno informe razoado sobre a idea que se presenta, a súa motivación, os seus obxectivos e a súa incidencia social. Poderá acrecentarse este informe con calquera material e/ou soporte que complemente, reforce ou desenvolva a iniciativa xa fundamentada previamente.
Os criterios que rexerán nesta modalidade son os seguintes:
– As posibilidades reais de se pór en práctica e a súa capacidade de incidencia social.
– A coordinación entre distintos axentes dinamizadores: colaboración entre distintos departamentos, servizos, institucións etc., e sobre todo que se poida contar co apoio dun amplo tecido social.
– A multidisciplinaridade e o carácter transversal do proxecto.
– A novidade e a orixinalidade da iniciativa.
Para alén destes criterios básicos, valoraranse tamén o aproveitamento dos recursos humanos e económicos e a calidade lingüística que presentaren os materiais no seu conxunto, tanto no informe obrigatorio como naqueles materiais e/ou soportes que complementaren a proposta.
4. TRAMITACIÓN
As solicitudes presentaranse a través do Rexistro Xeral das tres universidades e dirixiranse ao Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña, ao Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela ou á Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo.
Deberanse presentar dous sobres:
O primeiro sobre, que deberá estar pechado, incluirá a campaña de promoción do idioma ou a idea para a promoción do galego, en papel e en versión electrónica (formato word ou pdf).
No anverso deste sobre figurarán os datos que seguen:
1. Lema do traballo.
2. A denominación do premio: IX Premio Luísa Villalta a Iniciativas Normalizadoras.
3. A modalidade a que se concorre: a) deseño dunha campaña normalizadora; b) idea para a promoción do galego.
No segundo sobre, que se deberá entregar tamén pechado e baixo o mesmo lema escrito no anverso, incluirase a identidade e os datos académicos completos da/s persoa/s participante/s ou do colectivo, así como un teléfono e un correo electrónico de contacto. Deberá, asemade, achegarse unha fotocopia do DNI/NIF/CIF.
5. PRAZO DE PRESENTACIÓN
O prazo fixado para a presentación de solicitudes será até as 14:00 h. do día 9 de novembro de 2012.
6. PREMIOS
Concederase un único premio por modalidade e o xurado poderá deixar deserta unha ou as dúas modalidades de xulgar que os traballos presentados non responden aos criterios que se indican nesta convocatoria.
A dotación económica será a seguinte:
Modalidade a) Deseño dunha campaña normalizadora:
2 000 € para a persoa ou grupo de persoas que a elaboraren.
Modalidade b) Premio a unha idea para a promoción do galego:
1 000 € para a persoa ou grupo de persoas que a elaboraren.
Por outra parte, as tres universidades valorarán desenvolver a campaña que resultar gañadora ao ano seguinte ao da resolución do premio (ou ben en anos posteriores).
Os dereitos que derivaren do seu uso serán propiedade das institucións organizadoras.
No caso de que, definitivamente, a campaña gañadora se executar, as institucións organizadoras poderán consultar a persoa ou as persoas gañadoras ou requirir a súa participación voluntaria.
A dotación destes premios financiarase con cargo á aplicación orzamentaria 9855.9995.422D.480.08 (Premios. Servizo Normalización Lingüística).
7. SELECCIÓN
O xurado estará composto polas seguintes persoas:
a) Manuel Bermúdez Blanco, responsable de Área de Asesoramento do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela.
b) María Dolores Candedo Gunturiz, profesora da UDC e presidenta de Nova Escola Galega.
c) Beatriz Corral Sánchez, gabinete da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
d) Cristina Rodríguez Ricart, técnica da Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo.
e) Goretti Sanmartín Rei, directora do Servizo de Normalización Lingüística.
8. RESOLUCIÓN
A resolución do xurado será inapelable e terá lugar dentro dos 20 días seguintes a que finalice o prazo de entrega de solicitudes.
A data do acto de entrega do premio publicarase oportunamente e coa debida antelación.

Videocreación. Convocatoria aberta desde a AELG

O sábado 24 de novembro de 2012 celebrarase o VII Encontro de escritoras/es novas/os no Auditorio da Cidade da Cultura.

Este ano, o formato consiste na organización de grupos de traballo sitos en diferentes cidades galegas -formados por escritoras e escritores novas/os e creadores doutras disciplinas como poden ser a danza, as artes plásticas ou a música-, grupos que na actualidade xa están inmersos nun proceso de creación desenvolvido ao longo dos últimos meses, e que rematará o día da celebración do Encontro, cando teñan a oportunidade de mostraren as súas propostas creativas e falárennos de como as desenvolveron.

Con esta iniciativa, o VII Encontro de escritoras/es novas/os tratará de ser unha pequena plataforma dende a que mostrar ao vivo os diferentes xeitos de creación dun espectáculo escénico interdisciplinar, partindo das orixes ata a presentación ante o público e tendo como punto de partida o texto e a palabra. Unha oportunidade de achegarnos aos procesos de creación colectiva, rachando a soidade á que normalmente estamos acostumados e debatendo sobre eles, non só dende unha visión teórica senón tamén práctica.

Como parte da programación, asemade, queremos lanzar un convite aberto a tod@s aqueles/as creadores/as que ao longo das súas traxectorias persoais teñan realizado algún traballo de creación en vídeo onde se misturen varias disciplinas, xa sexan videopoemas, pezas de vídeo arte, videodanza…. para que as compartan con nós no Encontro do día 24 dentro dunha mostra que pechará a xornada.

As pezas de vídeo poderanse enviar ata o día 12 de novembro, ben por correo ordinario a:

Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)
Avda. Alfonso Molina, s/n
Edificio de Sindicatos, 8º andar
15008 A Coruña

ben ao enderezo electrónico encontroaelg@gmail.com.

As obras recibidas e seleccionadas subiranse ao portal da AELG, web que na actualidade está a piques de cumprir os doce millóns de visitas, sendo consultada dende multitude de puntos xeográficos de todo o mundo. Agardamos sexa do voso interese, e convidámosvos a que dende agora enviedes as vosas pezas de vídeo.

Recibide un cordial saúdo en nome do Consello Directivo da AELG,
Antía Otero, Vicepresidenta da AELG.

Agustín Fernández Paz, nominado ao Premio Astrid Lindgren

Agustín Fernández Paz atópase entre as 207 persoas candidatas ao Premio Astrid Lindgren do 2013, que leva o nome da creadora de Pippi Meiaslongas, un dos personaxes máis rebeldes e coñecidos da literatura infantil e está outorgado polo goberno de Suecia. Concédese cada ano a un autor ou autora de literatura infantil e xuvenil ou a alguén do mundo da ilustración, a edición ou a animación á lectura. A nominación coñécese xusto unha semana antes de que o próximo día 18 de outubro, Fernández Paz sexa nomeado Socio de Honra de Gálix 2012, nun acto no que a que foi compañeira súa no ensino Paz Raña Lama será encargada de ler a laudatio. Escolares de Vigo participarán nesta nova homenaxe ao escritor que está a piques de publicar O rastro que deixamos, unha obra que terá singularidade na súa sólida traxectoria literaria ao se trataren de textos de carácter autobiográfico.” Desde Sermos Galiza.

Santiago: Ramón Otero Pedrayo, no ciclo Galicia, ceo das letras

O sábado 20 de outubro, dentro do Ciclo Galicia, ceo das letras, que se desenvolven na Biblioteca da Cidade da Cultura, o protagonista será Ramón Otero Pedrayo. O programa é o seguinte:

12:00 h. Relatorio, por Ramón Villares.
13:00 h. Fidalgo (40 minutos). Peza teatral representada pola compañía Casahamlet baseada en diferentes textos de Otero Pedrayo. Interpretada por Manuel Lourenzo e Rubén Espejo, co apoio musical de Brandán Lourenzo.

Presenta: Víctor F. Freixanes, escritor e presidente da Fundación Otero Pedrayo.
Para acceder á actividade é preciso reservar previamente aquí.

Mondoñedo: Xornadas arredor de Manuel Leiras Pulpeiro, do 9 ao 11 de novembro

Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“O médico, escritor e filántropo mindoniense don Manuel Leiras Pulpeiro (1854-1912) está de aniversario. Este nove de novembro próximo cumprirase o centenario do seu pasamento. Con tal motivo, ao longo destes últimos meses estanse a desenvolver unha serie de iniciativas que culminarán na celebración dunhas ‘Xornadas arredor de Leiras Pulpeiro’ organizadas polo Concello de Mondoñedo e a Deputación Provincial de Lugo os días 9, 10 e 11 de novembro. No marco desas xornadas lembrarán a vida e obra do insigne escritor mindoniense estudos@s e analistas tan prestixios@s como Xesús Alonso Montero, Xusto Beramendi, Francisco Fernández Rei, Xe Freyre, Xosé Manuel González Reboredo, Antón Meilán García, María Camiño Noia Campos, Antonio Reigosa, Ramón Reimunde, Dolores Sánchez Palomino ou Anxo Tarrío, entre outr@s.
Tod@s aquel@s interesad@s neste evento (se clicades na imaxe do programa que figura máis abaixo poderédelo ver en grande), sabede que o prazo de matrícula para o congreso está aberto e que podedes dirixir as vosas solicitudes ao seguinte enderezo: concellodemondonedo@yahoo.es.
Nesas mesmas xornadas, tamén se presentarán novas edicións da obra do autor, pois esta levaba preto de vinte anos fóra do mercado, o que dá idea da oportunidade da súa reedición. Neste sentido, cómpre aplaudir as Poesias completas. Manuel Leiras Pulpeiro que para a serie Clássicos da Galiza da AGLP realizou o profesor Bernardo Penabade, así como dar noticia da Vida e obra de Manuel Leiras Pulpeiro. Antoloxía poética disposta para a renovada colección Letras Galegas da Editorial Galaxia por Xurxo Martínez González e Armando Requeixo. Igualmente, nesa xuntanza en homenaxe ao estimado poeta e estudoso da tradición oral farase entrega do I Premio de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro, certame que ten rexistrado unha moi alta participación que alcanzou o medio cento de orixinais. (…)”.

Crónica posterior de Armando Requeixo no seu blogue, Criticalia.