Boiro: II Romaría das Letras no Barbanza

O xoves 17 de maio, en Boiro, terá lugar a II Romaría das Letras no Barbanza, organizada pola A. C. Barbantia e a Agrupación O Faiado-2, que contará con diversas actividade. Entre elas, destacamos as seguintes de carácter máis literario:

No Pazo de Goiáns (Lampón-Boiro):
16:00 h. Recital de textos de Valentín Paz Andrade, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2012 e discursos institucionais.
16:30 h. Presentación do libro O alento nas costas, da escritora boirense Natalia Carou, con presencia da directora de Baia Edicións, Belén López Vázquez.

Ourense: recitais poéticos de Celsa Barja

Con motivo da celebración do Día das Letras Galegas, Celsa Barja ofrecerá o mércores 16 de maio dous recitais consecutivos: Un, dous tres… Paz-Andrade é!!!, no Salón de Actos do Centro Cívico A Ponte, ás 18:00 horas; e Pranto Matricial, na mesma ubicación, ás 20:00 horas. Este último recital será ofrecido novamente, o xoves 17 ás 12:30 horas, no local da Asociación Queixumes dos Pinos (Rúa Zurbarán, Ourense), con algunha variante.

Muxía: actos arredor do Día das Letras Galegas

A Fundación López Abente organiza os seguintes actos arredor do Día das Letras Galegas:

Xoves 17 de maio. A partir das 12:00 horas: Homenaxe a López Abente. Os actos comezarán cunha ofrenda floral diante do monumento ao poeta, acompañada das intervencións de Félix Porto e Xesús Sambade. Logo X. H. Rivadulla Corcón lerá un texto de Abente sobre a lingua galega. A continuación os participantes desprazaranse ata a casa na que viviu López Abente, para inaugurar unha lousa conmemorativa, coa intervención de Xan Fernández e lectura de poema a cargo de Viki Rivadulla; finalmente os actos continuarán no Cabo da Grixa, lugar de nacemento do poeta muxián; alí descobrerase unha placa co texto no que o propio Abente fai mención ao seu nacemento neste lugar da vila. Intervirán no peche dos actos Manuel Vilar e Rosalía Fernández Rial, facendo a lectura do poema dedicado ao cruceiro do Cabo da Grixa.

Venres 18 de maio, ás 18:45 horas: na Biblioteca Municipal de Muxía, presentación do libro Un mar de sensacións. Rutas e poemas para descubrir a Costa da Morte, de Xan Fernández e Rosalía Fernández Rial.

Santiago: manifestación convocada por Queremos Galego, o 17 de maio

O xoves 17 de maio, ás 12:00 horas, desde a Alameda de Santiago de Compostela, terá lugar unha manifestación convocada pola Plataforma Queremos Galego! baixo o lema Pola lingua que nos une. Paremos os ataques contra o galego. Haberá autobuses desde diferentes puntos do País.
Damos a coñecer o manifesto elaborado por Agustín Fernández Paz:

VOARES DE ESPERANZA

“Don Ramón Otero Pedraio, para loar o labor entusiasta da imprenta de Ánxel Casal e de María Miramontes, chamoulle a aquel obradoiro «pombeiro de voares de esperanza». Pombeiro de voares de esperanza!  A frase era o tal, pois desde alí botaban a voar os libros que recollían o mellor do pensamento e da creación en galego. Aqueles non eran tempos doados, mais os azos dos homes e mulleres das Irmandades da Fala foron enchendo de luz as vilas e cidades de Galiza e conseguiron facer visible socialmente a lingua de nós.
Nesas persoas están as nosas raíces, somos elos dunha cadea que vén de lonxe. Rosalía de Castro e tanta outra xente que traballou pola recuperación e o prestixio da lingua e da cultura conforman o ADN onde nos debemos recoñecer. Un ADN que ten algúns tramos da dobre hélice especialmente fértiles, coma o das Irmandades, semente das ideas que hoxe constitúen a nosa cerna: Galiza, célula de universalidade. A vontade de sermos unha peza máis, en pé de igualdade, no mosaico mundial das culturas.
Non foron fáciles as épocas pasadas e tampouco non o son os tempos que nos toca vivir. Non é preciso reiterarmos aquí as agresións destes últimos anos, cunha boa parte das elites políticas, financeiras e mediáticas obsesionadas por esborrallar os avances que traballosamente foramos acadando. O seu obxectivo: facer do galego unha lingua socialmente invisible, que permaneza recluída no gueto e non acade un uso normalizado. Que o castelán sexa a lingua por defecto e o galego, a rareza, a lingua oculta. Tratala coma un bonsai ao que cómpre retallarlle as pólas que se obstinan en medrar máis do permitido.
Que ilusos! Non coñecen as palabras do sociolingüista Colin Baker: «A substitución dunha lingua non é un proceso evolutivo natural. Alí onde a xente está determinada a manter viva unha lingua, parece imposible destruíla.» Non saben que as agresións nos fan máis fortes, que nos impulsan a ampliar o tamaño da nosa esperanza, que medra en nós a vontade de construírmos espazos de encontro e mais de unión.
Na súa novela 1984, George Orwell describe unha sociedade oprimida por unha minoría, onde a neolingua é o instrumento utilizado para construír a realidade deformada que lle interesa ao poder: baléiranse de significado as vellas palabras e énchense con outros que mellor conveñan. Como non lembrar a Orwell cando vemos como se retorce o significado de palabras como imposiciónliberdadebilingüe,normalización ou, ultimamente, plurilingüe? Do mesmo xeito que a Policía do Pensamento obrigaba o protagonista da distopía de Orwell a aceptar que 2 + 2 = 5, a quen controlan os fíos do poder válelles todo para ofreceren unha falsa visión da realidade.
Contra as mentiras, non cansaremos de lembrar o evidente: a lingua que naceu hai máis de mil anos neste país é de todas as persoas que vivimos e soñamos nel. Tamén é das persoas que chegan a Galiza desde calquera lugar do mundo, empuxadas polo desexo dunha vida mellor, e deciden quedar aquí. E tamén, xaora, de tanta xente que ten na nosa terra as súas raíces e anda espallada polo mundo adiante, pois nós fomos –aínda o somos, e ben que nos doe- un país de emigración.
Do mesmo xeito que unha planta precisa dunhas condicións ambientais determinadas para medrar, tamén as necesita unha lingua que se encontre nunha situación minorizada, como lle ocorre ao galego. Por iso urxe crear as medidas precisas facer realidade un “nicho ecolóxico” favorable á lingua. Unhas medidas nas que nunca deben faltar dúas constantes: o exemplo práctico de que o galego é útil en calquera ámbito e para todas as funcións e a vontade de crear actitudes positivas cara á lingua. Para que na sociedade non haxa cidadáns de primeira e de segunda, deben crearse as condicións para que se poida vivir en galego con normalidade. Cousa que hoxe non ocorre, como constatamos día tras día.
Como ten reiterado Xabier DoCampo, «nós non mentimos». Imos sempre coa verdade por diante, conscientes da xustiza das nosas ideas e propostas. Con alegría, desmontando na práctica os insidiosos prexuízos que outros sementan na sociedade e nas familias, impulsando actividades que fagan posible vivir en galego. Porque amamos e defendemos a pluralidade lingüística, xaora que si, mais non a costa de deixar arrombada a nosa lingua no faiado.
Somos conscientes do labor que nos agarda. Mais tamén sabemos que paga a pena empregar todas as nosas enerxías nel, e que non hai lugar para o desánimo. Como escribiu Bertolt Brecht, nos anos da longa noite de pedra que asolagaba Europa: «Quen aínda estea vivo non diga “xamais”. / De quen depende que siga a opresión? De nós. / De quen que remate? De nós tamén. / Pois os vencidos de hoxe son os vencedores de mañá / e o xamais convértese en hoxe mesmo.»
Todas as persoas que amamos o galego temos que erguer un pombal no noso interior, un pombal do que xurdan os voares de esperanza que encherán de vida os ceos da patria da lingua que nos une.”

Santiago: presentación de O neno can, de Fina Casalderrey e Francisco Castro

O mércores 16 de maio, ás 12:30 horas, na Biblioteca Ánxel Casal de Santiago de Compostela (Avenida Xoán XXIII, s/n), preséntase o libro O neno can, con textos de Fina Casalderrey e Francisco Castro, publicado en Galaxia. No acto, xunto aos autores, intervirán Víctor F. Freixanes e Manuel Sández Macho.

Lugo: recital poético Letras Galegas

O mércores 16 de maio, ás 20:00 horas, no Refectorio do Museo Provincial de Lugo, terá lugar un recital poético dedicado ás Letras Galegas de 2012. Interveñen: Xosé Blázquez, Joaquín Carballido Parra, Marina Cillero, Jesús Corredoira López, José Estévez López, Adela Figueroa, Antón Fortes, Ana María Fraga, Juan José Lomarti, Luís L. Alonso, Manuel C. Matalobos, Enrique Mora Morandeira, Manuel Xosé Neira, Isidro Novo, Toño Núñez, Xosé Otero Canto, Pepa Prado, Xerardo Quintiá, Ramón Rodríguez Porto, Iago Rodríguez Yánez, Jacobo Sánchez e Elvira Veloso. Presentan: Toño Núñez e Xosé Otero Canto.

Arteixo: presentación de Tres logomonos: Colgados, Pisados, Esnakizados, de Gustavo Pernas

O mércores 16 de maio, ás 20:30 horas, no Centro Cultural de Arteixo, preséntase o libro Tres logomonos: Colgados, Pisados, Snakizados, de Gustavo Pernas, publicado en Laiovento. No acto, no que participan  Francisco Pillado, Miguel Anxo Fernán-Vello, Celina Varela Suárez e Ánxela Abalo, o autor fará unha lectura dramatizada de Snakizados. No mesmo espazo, o venres 18 de maio ás 20:30 horas, represéntase Pisados, de Áncora Produccións.

Carballo: festival Vitaminas para o galego, con entrega do Premio a artigos xornalísticos normalizadores a Carlos Callón

O mércores 16 de maio, ás 21:00 horas, no Pazo da Cultura de Carballo, dentro da programación do Mes das Letras do Concello de Carballo, terá lugar o festival Vitaminas para o galego. A entrada é libre e gratuíta e o acto tamén serve de marco para entregar o Premio a artigos xornalísticos normalizadores, que recaeu en Carlos Callón por Fai o teu galego e que tamén supuxo un accésit para Alba Cid. A cita será presentada pola actriz, escritora e contacontos, Xograresa de Outono, Paula Carballeira; e contará coa actuación en acústico de Sés, grupo formado por María Xosé Silvar e o guitarrista Tito Calviño.

Vítor Vaqueiro: cando todo comezaba

Desde Galaxia:
“Hoxe recollemos, en formato PDF, unha entrevista que, polo seu valor documental, convén recuperar. Trátase da que, na extinta La hoja del lunes de Vigo, Víctor F. Freixanes lle fixo a un Vítor Vaqueiro que viña de recibir o premio Esquío de poesía. A conversa é do ano 1981 e podes descargala aquí.