Convocadas as bases do III Certame Literario Voces da Terra

Os Comités da Facultade de Filoloxía da USC, presentan a terceira edición do Certame de poesía e relato curto Voces da Terra. Este ano, co gallo do centenario do nacemento de Celso Emilio Ferreiro, o material editado para este certame literario presentará vinculación con dita temática. Coa convocatoria deste Certame pretendemos darlle voz a todas e todos aquelas novas/os escritores que utilizan o galego para expresar a través das letras e que, desgrazadamente, non teñen os medios necesarios para darse a coñecer en Galiza. Estas son as súas bases:

– Idioma: Galego.
– Temática: libre.
– Idade: A partir de 16 anos:
– Modalidades:
– Poesía: composicións de extensión máxima 50 versos.
– Relato curto: extensión entre 1500 e 2500 palabras.
– Presentación: Cada participante poderá presentar un máximo de un traballo en cada modalidade (orixinais, non presentados a ningún outro certame literario pendente de resolución e inéditos).
As composicións entregaranse vía email indicando o título e a seguinte información persoal: nome, apelidos, idade, enderezo e teléfono de contacto. En ningún caso lle será facilitado aos membros do xurado. O traballo,en formato pdf, xunto aos datos anteriores serán enviados ao seguinte correo-e: filoloxia.usc@comitesabertos.org
– Prazo: do 15 de marzo ao 20 de abril.
– Premios: editaranse os dous primeiros premios de cada modalidade. Ademais, as e os gañadores recibirán diverso material da nosa organización. O xurado gárdase o dereito de declarar deserto algún dos premios se considera que os traballos recibidos non son da calidade suficiente.
– Xurado: estará composto por profesores universitarios de recoñecido prestixio.
– Fallo: Darase a coñecer nun acto especial de entrega de premios ao redor do 15 de maio de 2012.
– Outros: A presentación ao premio supón a conformidade coas presentes bases por parte dos/as concursantes.”

Leipzig, Alemaña: éxito da lectura de María Reimóndez na Feira do Libro

“Un nutrido número de persoas astiron onte á lectura e debate ao redor da novela Pirata de María Reimóndez na Haus des Buches organizada polo Departamento de Tradución e Lingüística Aplicada e o Centro de Estudos Galegos da Universidade de Leipzig. A autora foi presentada pola lectora de galego, Diana García Couso, e o catedrático de Lingüística Iberorrománica, o Prof. Dr. Carsten Sinner. Tras a lectura de varios fragmentos da obra en galego e alemán houbo un animado debate entre a autora e o público. María Reimóndez ficará en Leipzig ata o sábado e o venres impartirá unha conferencia como actividade final do curso intensivo de galego inicial que se está a realizar nestas datas, ao que asisten máis de corenta participantes. O Centro de Estudos Galegos da Universidade de Leipzig e o seu correspondente lectorado naceron en outubro de 2010. Dende entón organizan actividades culturais de difusión relacionadas con Galicia e a lingua galega, ademais de encargarse da docencia de materias de lingua e cultura galegas, e tamén de tradución entre o galego e o alemán. Leipzig é o único lugar fóra de Galicia onde se pode estudar galego dentro da carreira de Tradución.
A autora atópase na cidade no marco da Feira do Libro de Leipzig, que é o evento literario máis importante de Alemaña despois da de Frankfurt. Esta feira conta cun programa que inclúe miles de actividades, tanto para o sector profesional como para a cidadanía ao redor do libro e da lectura. Este ano María Reimóndez é a única escritora galega presente na feira.” Vía Xerais.

Dolores Vilavedra: De memoria e memorias

Artigo de Dolores Vilavedra en El País:
“(…) Mario Regueira ensaia en Outono aquí ese xénero escorregadío que é a novela curta. Mais tanto ten neste caso: a densidade da escrita tece moitos vimbios nun cesto de aparencia enganosamente modesta mais de contido ricaz. Temas aparentemente abstractos como a memoria ou a loita por atopar a propia identidade vertébranse de xeito fluído cunha trama ben enxebre, que mestura herdanzas, liortas veciñais e violencia; no trasfondo, a alienación por mor da desvertebración das formas tradicionais de vida, rurais ou urbanas. Personaxes anódinos, que pelexan por seren eles mesmos e que atopan, sobrevivindo no cotián, a súa grandeza. O comezo da novela, fortemente climático, sementa a inquedanza e permite xa intuír a potencia narrativa que o texto agocha. (…)
Volta Rexina Vega, demostrando aos escépticos que quere ser algo máis ca unha escritora ocasional. En Dark butterfly aposta por un rexistro ben distinto, aínda que seguimos a identificar a mesma vontade literaria, parello afán de atopar voz propia e singular no actual concerto narrativo. Vega asómase agora ao mundo da esquizofrenia, ensaia a escritura como terapia, como áncora de salvación, como botella ao mar. Optando polo collage de modelos discursivos como fórmula semiotizadora para a alienación da protagonista, Vega convídanos a unha viaxe cuxa fin podemos adiviñar mais non por iso menos impactante. Descenso aos infernos pautado por alustres de esperanza, con algunha concesión ao tópico (a absenta, o ambiente da escola de Artes e Oficios), o conxunto resulta desoladamente convincente. (…)”

Pontevedra: Salón do Libro Infantil e Xuvenil 2012, coloquio sobre Os Gazafellos, de Pepe Carballude

Do domingo 4 ao sábado 31 de marzo, no Pazo de Cultura de Pontevedra, regresa o Salón do Libro Infantil e Xuvenil para achegarnos ao mundo da literatura. Este ano o Salón, que ten a Paco Martín como autor homenaxeado, indagará nas supersticións; de onde veñen estas crenzas, na importancia dos números nos contos, na boa e mala sorte e nas historias dos nosos maiores e como se trasladan á literatura infantil. Temos preparado un amplo programa de actividades no que toda a familia pode participar porque, no Salón, rapaces e maiores percorren xuntos e descobren o universo dos libros. O horario de apertura será de luns a venres de 9:30 a 13:30 h., e de 16:30 a 20:00 h., e os sábados de 10:00 a 13:30 horas. O programa completo pódese descargar aquí: programa_salon_libro_2012.

– O luns 19 de marzo, ás 20:00 horas, no Salón de actos, coloquio arredor dos Gazafellos, con Pepe Carballude e Xosé Miranda, moderados por Quico Cadaval.

Muxía: coloquio e presentación de Mulleres na guerrilla antifranquista galega, de Aurora Marco, e As silenciadas, de Pablo Ces

O sábado 17 de marzo, ás 19:00 horas, no Salón de Actos de Muxía, e dentro das actividades da Galería de Mulleres de Muxía, proxéctase o documental de Pablo Ces As silenciadas, con guión de Aurora Marco e baseado no seu libro Mulleres na guerrilla antifranquista galega. Neste acto van estar presentes os propios Pablo Ces e Aurora Marco, que nos falarán da película e do libro, e actuará en directo o compositor que fixo a banda sonora.

Manel Cráneo: “O cómic en Galicia está mellor que hai 20 anos, pero queda moito por percorrer”

Entrevista a Manel Cráneo en Galiciaé:
“(…) – Galiciaé (G): ¿Onde reside o éxito da novela gráfica histórica?
– Manel Cráneo (MC): É un formato que atrae os consumidores de novela histórica e de certos xéneros fóra do cómic e máis a aos que leen banda deseñada que está acostumada a todo tipo de temática.
– G: ¿A que se debe o auxe actual da banda deseñada?
– MC: Agora temos grandes talentos de diferentes xeracións, que traballan aquí ou fóra, nas editoriais máis importantes do mundo. Ademáis temos máis editoriais avanzamos moito desde hai 20 anos, pero aínda queda moito por percorrer, hai que ir pasiño a pasiño.”

O outro tabú sobre Carvalho Calero

Artigo de Helena Miguélez en El País:
“Aparece con frecuencia nos medios e no discurso académico a referencia ao nome de Ricardo Carvalho Calero como presenza incómoda, mesmo como tabú. A explicación de por que isto é así adoita a non se dar, ou cando si aparece, resulta somera ou críptica. Sorprende que nisto sexan coincidentes tanto os artigos de opinión xornalísticos como os académicos, cando o segundo tipo de texto podería permirtirse maior delonga á hora de xustificar por que, á altura de 2012, resulta aínda necesario referírmonos a un participante histórico da cultura galega en termos de censura. As que lemos o discurso do nacionalismo cultural galego en tanto que narrativa histórica houbemos de remexer nos propios códigos da crítica carvalhocaleriana (refírome aos traballos sobre el, non aos escritos por el) para entendermos qué está en xogo cando se di que mentar a Carvalho Calero constitúe en por si un acto transgresor. Ditos códigos inclúen, por exemplo, a referencia ao autor como exemplo dunha humildade e modestia portentosas, a prevalencia do método científico que caracteriza a súa historia literaria, a súa vocación de servizo desinteresado á construción nacional, servizo que a Galicia autonómica lle compensou pobremente, ou mesmo do cal renegou. Sobre todo, as referencias a Carvalho Calero oscilan entre os arquetipos do mártir ou do mentor total, e por iso, os e as que reclaman unha meirande visibilidade do seu legado se pronuncian, antes que nada, na estela dunha débeda impagable. (…)”

Ribadeo: presentación de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón

A sexta feira 16 de marzo, ás 20:30 horas, na Casa das Letras (Rúa Rodríguez Murias, 8) de Ribadeo, preséntase Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón, publicado en Xerais. No acto, organizado pola Mesa pola Normalización Lingüística, intervén, xunto ao autor, Dores Fernández Abel.