Desde Xerais:
“A escritora e activista María Reimóndez recibiu o Premio Dora Vázquez 2012 polo seu artigo Desobediencia. Reproducimos o vídeo do discurso da autora de libros como O club da calceta ou Pirata na recollida do premio en Arteixo, que lle foi entregado pola concelleira da Muller, Fina Zas.”
O Burgo, Culleredo: presentación de Xaime Quintanilla Martínez, de Carlos Pereira e Ana Romero
O
venres 16 de marzo, ás 20:30 horas, no Edificio de Servizos Múltiples (Rúa Ramón Cabanillas, 14) do Burgo, Culleredo, preséntase o libro Xaime Quintanilla Martínez. Vida e obra dun socialista e galeguista ao servizo da República, de Ana Romero Masiá e Carlos Pereira Martínez, Premio Luís Tilve de Investigación e Divulgación Histórica 2011. No acto participan Xesús Mosquera Sueiro, Alicia Ferreiro Varela e os autores. A presentación estará complementada cunha pequena actuación musical.
Santiago: presentación de Cráter, de Olga Novo
O
xoves 15 de marzo, ás 20:00 horas, na Fundación Granell (Praza do Toural, s/n) de Santiago de Compostela, preséntase o poemario Cráter, de Olga Novo, publicado en Toxosoutos. No acto, xunto á autora, participa Carmen Blanco.
Vigo: presentación de Luís Soto. A xeira pola unidade galega, de Xurxo Martínez González
O
xoves 15 de marzo, ás 20:00 horas, no Centro Social Bou Eva (Rúa Terzo de Fóra, 11) de Vigo, preséntase o libro Luís Soto. A xeira pola unidade galega, de Xurxo Martínez González, publicado por Xerais.
Tui: presentación de Cartografías do derrubo, de Carme Adán
O
xoves 15 de marzo, ás 20:15 horas, na Sala Félix Rodríguez (no edificio Área Panorámica) de Tui, preséntase Cartografías do derrubo: escribir no xornal, de Carme Adán, editado por Difusora de Letras, Artes e Ideas. No acto participan, xunto á autora, Marga do Val e o editor desta obra Xavier Paz.
Xosé Vázquez Pintor: “Tratáronnos como a malditos que non sabiamos escribir”
Entrevista
a Xosé Vázquez Pintor en Praza:
“(…) – Praza (P): Seara reúne 40 anos de poesía. Nótase ben como foron evolucionando os seus versos. Os primeiros riman…
– Xosé Vázquez Pintor (XVP): Os do principio son, si, os da frescura. Xa digo no limiar que daquela eu era analfabeto en metáforas. Despois fun aprendendo e perdendo medos. Escribiamos o mellor que sabiamos. María Victoria Moreno reuniu nun libro a dez poetas daquel tempo, e chamounos os Novísimos. Pero xurdiron críticas, comezouse a dicir que o noso traballo tiña eivas… Tratáronnos coma a uns malditos que non sabiamos escribir. Pero fomos quen de seguir, en territorio hostil. Isto foi nos 70. Despois viñeron os 80, nos que os da poesía social xa chegabamos tarde, xa a moda era outra. Pero seguimos, cada un polo seu lado. (…)
– P: Os dous últimos libros de Seara eran ata agora inéditos. O primeiro, Anuncian aves, reflicte as súas sensacións ante obras de arte de pintores e escultores. O segundo, Os versos do zapateiro, son eses poemas encargados. Pero volve falar de deserción da nosa identidade, da nosa historia… e do “desgoberno” que esmaga a lingua, a cultura, a paisaxe…
– XVP: O primeiro é resultado de interpretar o mundo dos nosos pintores e escultores. A algúns coñecinos, como a Díaz Pardo, e a outros non. O libro é como unha crónica do que me transmitiron. Por sorte din con Espiral Maior, que edita os meus poemarios desde Rotación violeta. En Os versos do zapateiro está por exemplo o poema a Balbino. Un día chamoume Neira Vilas e pediumo. Ten que ver co risco de perder a lingua… O de zapateiro é ademais un oficio que sobrevive grazas aos encargos. Falo de desgoberno, si, porque só hai que ollar a actualidade. Teño un poema dedicado a Man de Camelle, polo do Prestige, e aí está a destrución do medio. Do mesmo xeito que no de Balbino está a perda da lingua, da cultura… os malos camiños polos que os políticos nos están a levar.”
Pontedeume: charla-coloquio sobre Celso Emilio Ferreiro, con Ramón Nicolás e Luís Ferreiro
O
xoves 15 de marzo, ás 20:00 horas, no Centro de Maiores (Rúa Ferreiros, 20) de Pontedeume, terá lugar unha charla-coloquio sobre Celso Emilio Ferreiro, coa presenza de Ramón Nicolás e Luís Ferreiro, fillo do escritor. O acto está organizado pola Lonxa Literaria do Ateneo Eumés Fernán Martís, e, dentro del, leranse poemas de Viaxe ao país dos ananos.
Vigo: novo combate dos Poetas da Hostia
O
mércores 14 de marzo, ás 16:30 horas, no Bar Leonardo da Vinci (antigo Universitas, Praza Miralles) de Vigo, terá lugar un novo combate dos Poetas da Hostia. Nesta ocasión, enfrontaranse os poetas de Ferdinand de Saussure contra os poetas de Noam Chomski, nun recital organizado pola Asociación Trabalingua.
Lugo: recital poético de Susana Sánchez Arins
O
xoves 15 de marzo, ás 19:30 horas, na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos (sede da Deputación de Lugo), e dentro das actividades de A arte de ser muller nun mundo por compartir 4.0, organizada pola Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo, terá lugar un recital poético a cargo de Susana Sánchez Arins.
