A Coruña: recital poético con Estíbaliz Espinosa, Andrea Nunes, María Rosendo e Calros Solla

O xoves 16 de xuño, ás 20:00 horas, no Bar A Repichoca (Rúa Orillamar, 13) da Coruña, terá lugar un recital poético organizado por Tinta de Lura, que contará coa participación de Estíbaliz Espinosa, Andrea Nunes Brións, María Rosendo e Calros Solla.

A Coruña: conferencia de Francisco Rodríguez sobre Alexandre Bóveda

O xoves 16 de maio, ás 20:30 horas, na Agrupación Cultural Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º) da Coruña, e con entrada libre até completar capacidade, dentro do ciclo de conferencias en conmemoración do 75º cabodano do asasinato de Alexandre Bóveda, falará sobre a vixencia do seu pensamento na actualidade Francisco Rodríguez.

A Coruña: presentación de A novísima dereita e nós, de Manuel M. Barreiro

O xoves 16 de xuño, ás 20:00 horas, no Café Borrazás (Rúa do Orzán, 165) da Coruña, preséntase o ensaio A novísima dereita e nós. O bienio gris toupa, de Manuel M. Barreiro, publicado en 2.0 Editora. No acto, acompaña ao autor Xosé Manuel Pereiro.

Santiago: presentación de 1980 (ano cero), de Rubén Martínez Alonso

O xoves 16 de xuño, ás 19:45 horas, na Fundación Eugenio Granell (Praza do Toural) de Santiago de Compostela, preséntase a novela 1980 (ano cero), de Rubén Martínez Alonso, publicada en Toxosoutos. No acto acompañarán ao autor Xosé Díaz e David González Couso.

Santiago: presentación de TAZ (Zona Temporalmente Autónoma), de Hakim Bey e Chamamento

O xoves 16 de xuño, ás 19:30 horas, na Gentalha do Pichel (Rúa Santa Clara, 21) de Santiago de Compostela, preséntanse dous ensaios: TAZ (Zona Temporalmente Autónoma), de Hakim Bey e o anónimo Chamamento, os dous publicados en Axóuxere Editora. No acto intervirán Manu Cebral, Manuel del Río, Rafa Xaneiro e Roberto Abuín.

Bos Aires: homenaxe a Antón Santamarina Delgado

O sábado 18 de xuño, no Centro Betanzos de Bos Aires, terá lugar unha homenaxe a Antón Santamarina Delgado polo cincuentenario (1-xuño-1961) do seu libro Pra unha terra apremida, que foi considerado como un dos anticipadores da corrente socialrealista da poesía galega no seu tempo.

María do Carme Kruckenberg prevé editar dous novos poemarios este ano 2011

‘A editorial Barbantesa publicará este ano dous novos poemarios da escritora María do Carme Kruckenberg (Vigo, 1926). O primeiro deles verá a luz nas próximas semanas e titúlase O enigma do segredo. Esta obra reúne un feixe de cincuenta poemas que estaban no caixón á espera de seren publicados. “Son poesías que escribín na última época, entre 2007 e 2009. Estaban aquí durmindo. Espero que gusten, xa que considero que son moi importantes e do mellor que escribín” (…) Para Kruckenberg, estes versos reúnen gran parte do seu estilo poético. “Son un anaco moi importante do meu dicir poético, son moi importantes para min. Ten certas claves para que os lectores vexan que son versos que pagan a pena”, sinala a escritora, que destaca a presenza do “desacougo e a morte” nos seus poemas. Ademais, a Guerra Civil xoga un papel destacado no poemario, xa que centra un dos diversos apartados nos que se divide esta obra poética. Deste xeito, a escritora busca homenaxear e lembrar os mortos e as vítimas da contenda e da posguerra.
Cara ao final de ano, Barbantesa lanzará outro poemario da escritora María do Carme Kruckenberg. Neste caso, o tema central será o jazz, un estilo musical que a autora xa analizara dende un punto de vista poético en 1999. Aquel ano, Kruckenberg publicara un total de 17 poemas ilustrados pola artista Eva Llorens sobre os grandes nomes masculinos do jazz. Baixo o título Jazz Espido (Edicións do Castro), o libro estaba dedicado a varios compositores e os debuxos eran de mulleres espidas. Doce anos despois, Kruckenberg pecha o círculo. “Faltaban os poemas dedicados ás grandes mulleres do jazz, era algo que estaba pendente”, sinala a escritora, que considera que con esta obra “xoga co pasado” ao volver a el para enfrontarse cunha materia pendente. A escritora recoñece, ademais, que realizou estes poemas nas últimas semanas, nun “momento de enfermidade”. Non obstante, non puido deixar de traballar. “Non podo estar sen facer nada, cada noite soño cun poema”, recoñece.’. Vía Xornal.

Barcelona: presentación de Amigos e sodomitas. A configuración da homosexualidade na Idade Media, de Carlos Callón

O mércores 15 de xuño, ás 19:30 horas, na Galería Sargadelos (Carrer Provença, 276) de Barcelona, preséntase o libro Amigos e sodomitas. A configuración da homosexualidade na Idade Media, de Carlos Callón, Premio Vicente Risco de Ensaio 2011, e publicado en Sotelo Blanco. No acto participan, acompañando ao autor, Olegario Sotelo Blanco e Helena González.

O Rafael Dieste máis antifascista, por Xesús González Gómez

Artigo de Xesús González Gómez en A Nosa Terra:
“En Mirador, no número 417, correspondente ao 22 de abril de 1937, é dicir, baixo a éxida PSUC, aparece publicado un artigo de Rafael Dieste na sección Les lletres. Nesa entrega, con protagonismo na cuberta a unha homenaxe ao líder comunista alemán Ernst Thaelman, os destaques á lectura eran os artigos que non interior ofrecía a revista de man de Jean Cassou e o propio Dieste xunto a unha declaración do escritor Thomas Mann a prol da República. A colaboración, que transcribimos en galego titulouna Feixisme i cultura nacional, cun subtítulo de A propósit del Casal de la Cultura. Toda unha reflexión persoal sobre a natureza dos fascismos implantados en Europa nos anos 30 (…)”.