“O
colectivo Letra en Obras pon a funcionar hoxe un proxecto web homónimo para promocionar os escritores novos. O primeiro proxecto é o libro 17 letras sen día (en formato pdf e epub e con licenza Creative Commons), con 17 relatos de autores novos, que se presentou o 17 de maio na Libraría Couceiro de Compostela. A autoría dos dezasete textos correspóndelles a Samuel L. Paris, David Pobra, Iria Ameixeiras, Brais Lamela, Elena Veiga, Andrés Carrasco, Raquel Boo, Paulo Martínez Lema, Alba Payo Froiz, Xurxo Martínez, Mónica Fernández, Brais Zas, Alberto Rodríguez, Celia Parra, Vidal, Paloma Calvo e Eva Moreda.” Vía Galicia Hoxe, Galicia Confidencial e Culturagalega.
Publicado o número 45 da revista Foeminas (Revista Virtual de Xénero)
Xa
está dispoñible online o número 45 da revista Foeminas (Revista Virtual de Xénero), editada pola Concellería de Muller e Servizos Sociais de Lugo. Neste número especial e aniversario preséntanse diversos artigos de gran actualidade, con traballos de Marica Campo, Andrea Inocêncio, Jose Lemur, Luísa Brandt, Esther Vivas, Coral Herrera Gómez, Luís Valle Regueiro e Hugo Huberman.
Manuel Rivas: “O home que dixo o indicible”
Vivir un soño repetido. Libro homenaxe da AELG a Lois Pereiro
Co
n motivo do Día das Letras Galegas a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega edita un libro electrónico coas colaboracións dos seus asociados e asociadas, Vivir un soño repetido. Os participantes son: Francisco Álvarez-Koki, Ana Arias Saavedra, Afonso Becerra de Becerreá, Concha Blanco, Lino Braxe, Ramón Caride, Arturo Casas, Francisco Castro, Marta Dacosta, Xoán Carlos Domínguez Alberte, Rosa Enríquez, Estíbaliz Espinosa, Alfredo Ferreiro, Salvador García-Bodaño, Álvaro Lago, María Xosé Lamas, Rafael Lema, Siro López, Lourdes Maceiras, Tati Mancebo, Verónica Martínez Delgado, Rosa Méndez Fonte, Carlos Negro, Lucía Novas, Toño Núñez, Olga Patiño, Claudio Pato, Ana María Pérez Cerviño, David Pobra, Xavier Queipo, Baldo Ramos, Mario Regueira, Cesáreo Sánchez, Xavier Seoane, Chelo Suárez, Alberte Suras, Xulio L. Valcárcel, Diana Varela Puñal, Xosé Vázquez Pintor e Helena Villar.
As colaboracións, inéditas e orixinais, responden a un duplo formato:
* Poemas inéditos inspirados en Lois Pereiro (incluíndo versións elaboradas)
* Obra gráfica (ilustración, fotografía, poesía experimental, etc.) inspirada en poemas de Lois Pereiro.
Da conxunción de todas as achegas nace este libro electrónico en formato epub de descarga gratuíta accesíbel no apartado de publicacións da web da AELG.
Para visualizar o libro no computador recomendamos o software gratuíto Calibre, que se pode descargar aquí.
Reseñado en Culturagalega.org e Fervenzas Literarias.
Vilaboa (Culleredo): presentación de A frecha azul do teixo, de Eva Veiga
O mércores
18 de maio, a partir das 20:00 h., na Biblioteca de Poesía Uxío Novoneyra (Pazo de Vila Melania, Vilaboa, Culleredo), preséntase o libro de poemas A frecha azul do teixo, de Eva Veiga, publicado en Espiral Maior. No acto intervirán, coa autora, Miguel Anxo Fernán-Vello, Celestino Poza e Carlos Pereira.
Pontevedra: presentación de O ano que chimpamos o cacique. Crónica do agrarismo en Cerdedo, de Calros Solla
O
xoves 19 de maio, ás 20:00 horas, na Galería Sargadelos (Rúa da Oliva, 24) de Pontevedra, terá lugar a presentación do libro O ano que chimpamos o cacique. Crónica do agrarismo en Cerdedo, de Calros Solla, publicado por Edicións Morgante. O acto está apradiñado pola Asociación Amigos da Cultura de Pontevedra e, canda o autor, intervirá o escritor e investigador mindoniense Xe Freire.
Madrid: mesa redonda Lois Pereiro: Nas libres coordenadas do futuro
O
xoves 19 de maio, ás 19:30 horas, na Sala Ramón Gómez de la Serna do Círculo de Bellas Artes de Madrid, terá lugar unha mesa redonda titulada Lois Pereiro: Nas libres coordenadas do futuro, coa participación de Alfonso Armada, Fermín Bouza, Mercedes Monmany, Antón Patiño e Xosé Manuel Pereiro.
A Coruña: presentación de O complemento preposicional en galego, de Xosé Manuel Sánchez Rei
O xoves
19 de maio, ás 20:30 horas, na A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º) da Coruña, preséntase o libro de Xosé Manuel Sánchez Rei O complemento preposicional en galego. Análise desde a gramática de valencias. Acompañará ao autor Xosé Ramón Freixeiro Mato.
Xulio López Valcárcel: “A cadencia en voz baixa”
Entrevista
de Lupe Gómez a Xulio López Valcárcel en Galicia Hoxe:
“- Galicia Hoxe (GH): Por que o libro Herba aquí e acolá de Cunqueiro te marcou tanto?
– Xulio López Valcárcel (XLV): Certamente Herba aquí e acolá é un dos libros que máis me interesan da nosa poesía. Lino, relino, volvín e volvo a el, e sempre o atopo vivo, vizoso, fondo. Non envellece. Creo que é un libro de madurez, de sabedoría, cando o autor xa está de volta de soflamas e vaidades e fai un reconto do vivido, amosando a nudez, a tenrura, a piedade extrema, a comprensión do derrotado, que é el mesmo, que somos todos, a través dunha elegante distancia, da lenda, do mito… Pero hai outros libros marabillosos nas nosas letras. Velaí están Follas novas, de Rosalía; De catro a catro, de Manuel Antonio, Mesteres, de Arcadio López-Casanova, Os Eidos de Novoneyra… e tantos outros.
– GH: Como eran aqueles paseos vosos -de estudantes que queren ser poetas- por Compostela cando queriades formar o colectivo Cravo Fondo? De que falabades? Que preocupacións e que ilusións tiñades?
– XLV: A maior relación foi con Fiz Vergara e Xavier Rodríguez Barrio, en Lugo. Despois en Santiago relacioneime con Helena Villar e Xesús Rábade, mais xa estaban casados e tiñan, como é lóxico, outras obrigas. De maneira que por razóns de idade e de estudos cos que máis andei foi con Ramiro Fonte e co meu irmán Xesús. Eramos novos, moi ilusionados e entusiastas e creo que o tempo se encargou de demostrar que en nós había unha verdadeira vocación literaria. Unha cousa que tiñamos clara, xa daquela, era a nosa adscrición monolingüe, expresarnos en galego, escribir en galego, pois estimabamos que nunha situación de-sharmónica e desequilibrada, apostar pola lingua dominante contribúe a manter oprimida a cultura sometida, neste caso a propia!
– GH: Por que Antón Tovar é un mestre para ti? Que é o que admiras del como persoa e como poeta?
– XLV: O que máis me gusta de Tovar é a súa expresión sinxela, directa, cunha fonda emoción e cunha gran nudez. Non vai de nada, ao contrario, desactiva, rebaixa a énfase, rexeita a retórica vacía, é verdadeiro. Coincido tamén con el na preocupación existencial. Admiro a moitos outros poetas, galegos e non galegos, pero de Tovar aprendín o ton menor, a cadencia en voz baixa, a intensidade concentrada. Se me parei nel foi porque, ao meu xuízo, nunca se lle deu a importancia que merece.”
Fallos dos xurados do Concurso de contos de nenos para nenos Carlos Casares e do Concurso de Teatro Infantil, da A. C. O Facho
CONCURSO LITERÁRIO DE CONTOS DE NENOS PARA NENOS CARLOS CASARES:
“A
Agrupaçom Cultural O Facho tem a honra de comunicar-lhes o falho do concurso literário Contos de nenos para nenos Carlos Casares na convocatória ano 2011, segundo acordo do jurado formado polos escritores Xabier P. DoCampo, Breogán Riveiro Vázquez, Xosé Manuel Martínez Oca, e Soledad González Maside, directiva d’O Facho (sem voto):
1º.- Prémios da categoria A (Nenos e nenas de 9 a 12 anos):
– Primeiro prémio: Pesadelo, de Ignacio Mañá Mesas, aluno do IES Europa (Ponferrada, O Berzo).
– Segundo prémio: Un día feliz na vida de Xoán de Alva Pensado Ferreiro, aluna do CEIP San Xosé Obreiro (Meicende, A Corunha).
2º.- Prémios da categoria B. (Rapaces e rapazas de 13 a 16 anos):
– Primeiro prémio: Folga xeral, de Matías Núñez Gil, aluno do IES Celanova (Ourense).
– Segundo prémio: Amor e maltrato, de Ana María Gil Rey, aluna do C.P.I. de Zás (A Corunha).
Agradecemos a participaçom de todos os concursantes e felicitamos mui especialmente aos ganhadores. Também queremos recordar que o acto de entrega de diplomas e prémios será o dia 21 de Maio as 20 horas, na sala de conferencias do Centro Social Nova Caixa Galicia (Avenida da Marinha, s/n.) da cidade da Corunha.
Parabéns e cumprimentos.
A Corunha, Maio de 2011.
Assinado: Soledade González Maside, da Agrupaçom O Facho e Secretária do Júri.”
CONCURSO DE TEATRO INFANTIL:
“Depois de ter lido as obras apresentadas ao Concurso de Teatro Infantil convocado pola Agrupaçom Cultural O Facho, o júri conformado por pessoas de reconhecido prestigio no âmbito teatral galego, Susana Alejandra Longueira Regueiro, Xosé Manuel Rabón Lamas e Francisco Pillado Maior, tomou o acordo de declará-lo Deserto como resulta da análise dos textos. Os originais nom premiados poderám ser retirados, no prazo de 30 dias, no local de O Facho, prévio correio dirigido ao endereço postal da Agrupaçom (Rua Federico Tapia, 12-1º, 15005 A Corunha). No caso de que o autor ou autora nom resida na Corunha poderá solicitar que lhe sejam enviados por correio postal.
Na cidade d’A Corunha, 13 de Maio 2011.
Asso. J. Alberte Corral Iglesias
Secretário d’O Facho.”