Cangas: presentación de Loita de clases e represión franquista no mar (1864-1939), de Dionísio Pereira

O sábado 21 de maio, ás 20:00 h., na Casa do Pobo (Avenida de Bueu, 14) de Cangas, preséntase o libro Loita de clases e represión franquista no mar (1864-1939), de Dionísio Pereira, publicado en Xerais. No acto participan Iago Santos Castroviejo, Manuel Bragado e o propio autor.

Santiago: recital poético de Chus Pato e Xosé María Álvarez Cáccamo

O venres 20 de maio, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, terá lugar a presentación e posterior recital dos libros publicados até agora na colección Antoloxía poética sonora, de Edicións do Cumio. Nacer é unha república de árbores é o título da antoloxía de Chus Pato, mentres que De sombras e poemas que son casas dá nome á de Xosé María Álvarez Cáccamo.

Allariz: presentación de O segredo de Marco Polo, de Francisco Castro

O venres 20 de maio, na Librería Aira das Letras (Rúa Emilia Pardo Bazán, 5) de Allariz, preséntase a novela O segredo de Marco Polo, de Francisco Castro, publicada en Galaxia. No acto o autor estará acompañado pola dramaturga, actriz e escritora Nati Borrajo.

A Coruña: Unha tarde con Lois Pereiro, conferencia de Mercedes Queixas e actuación de Manu Clavijo

O venres 20 de maio, ás 20:00 horas, na Biblioteca Municipal de Estudos Locais (Rúa Durán Loriga, 10, 1º) da Coruña, terá lugar a conferencia Unha tarde con Lois Pereiro, na que Mercedes Queixas falará sobre a figura do autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas e presentará o seu libro Lois Pereiro, a urxencia poética dun futuro alleo, publicado en Laiovento. Despois actuará o cantautor Manu Clavijo, quen ofrecerá parte dos seus traballos sobre Lois.

A Coruña: espectáculo poético-musical O meu gato é un poeta, con Fran Alonso e Xurxo Souto

O venres 20 de maio, ás 18:30 horas, na Biblioteca da Asociación de Veciños de Monte Alto (Campo de Marte, s/n.) da Coruña, Fran Alonso e Xurxo Souto presentan o espectáculo poético-musical O meu gato é un poeta, dirixido a nenos e nenas a partir de 4 anos e tamén, por suposto, a adultos. Durante a sesión, a poesía converterase en maxia, música e xogo e soará o acordeón. O acto está organizado pola Librería Sisargas e Edicións Xerais.

A Coruña: presentación de Cambio de estrela, de Iria Anido Pedreira

O venres 20 de maio, ás 19:30 h., na Libraría Couceiro (Praza do Libro) da Coruña, preséntase o libro de poemas Cambio de estrela, de Iria Anido Pedreira, publicado en 3C3, onde os textos dialogan coas ilustracións de Xan Eguía. No acto intervirán Xulio López Valcárcel, X. Amancio Liñares Giraut e a autora. Haberá tamén unha actuación musical de Xan Eguía –saxofón–, Kace –percusión– e Julio –guitarra–.

Marisol Gándara gaña o Premio Francisco Añón de Poesía

“Marisol Gándara Sánchez, de Ordes, gañou o XV Certame Francisco Añón de Poesía, que convoca o Concello de Outes, pola súa obra Manuscrito segundo da poeta caníbal. O premio está dotado con mil euros e a publicación do poemario. A casa de cultura da Serra de Outes vestiuse de gala para acoller a gala de entrega de galardóns do certame de poesía nas súas distintas categorías. Na de 6 a 7 anos, o xurado declarou os premios desertos. No apartado de nenos de 8 a 9 anos, o galardón foi para Iago Santos Moledo polo seu traballo titulado A natureza. Na categoría de 10 a 11 anos, o premio recaeu en Lucía Valle-Inclán pola súa obra A mosca chosca. Mentres que en 12 a 14 anos gañou Marcela Porto Mato con A ti, e en 15 a 17 anos, o galardón foi para Lara Porto Mato por Doce cafés. Cada un deles recibiu vales de 120, 150, 180 e 230 euros para a compra de libros, respectivamente. O xurado, integrado por María Reimóndez, Román Cerqueiro, María Golán e Manuel García, tamén decidiu conceder varios accésits nas distintas categorías, que teñen como premio a súa publicación.
Por outra banda, o Concello de Noia rendeulles homenaxe aos escritores da localidade María Mariño e Antón Avilés de Taramancos. O acto, presidido polo alcalde, Rafael García Guerrero, consistiu nunha ofrenda floral diante dos bustos que ambos teñen na Alameda da vila.” Vía Galicia Hoxe.