Celia Díaz Núñez e Natalia Alonso Ramos, gañadoras dos Premios O Facho 2019

O pasado 31 de maio Celia Díaz Núñez gañou o Premio de Teatro Infantil O Facho 2019. O xurado, composto por Manuel Lourenzo, Diana Varela, Carmen Martínez e Henrique Sánchez, acordou por unanimidade outorgar o premio á obra Unha estrela para Amina.
A xornalista Natalia Alonso Ramos foi a gañadora do Premio O Facho de poesía, coa obra A síndrome de Hayworth, que será publicada por Medulia. O xurado, integrado por Xulio López Valcárcel, Fernando Díaz-Castroverde e Henrique Sánchez, fallou o premio por unanimidade.

A Coruña: entrega do Premio Repsol 2011 a Fernando Díaz-Castroverde

O martes 29 de novembro, ás 20:00 horas, na Fundación Paideia Galiza (Praza de María Pita, 17) da Coruña, Fernando Díaz-Castroverde recollerá o Premio Repsol 2011, galardón que obtivo coa súa obra Microbios e outros paquidermos, publicada recentemente por Galaxia.

Fernando Díaz-Castroverde: ‘Sempre sentín fascinación polas estruturas fugaces’

Entrevista con Fernando Díaz-Castroverde, recente gañador do Premio de narrativa breve Repsol, en Galaxia:
“(…) – Galaxia: Por que se decidiu polos microrrelatos?
– Fernando Díaz-Castroverde: O microrrelato é un xénero narrativo que, no meu criterio, ten certas concomitancias coa poesía na que tamén se procura un máximo efecto a partir dun mínimo contido. Elementos como a trascendencia, a ironía, o poder evocativo da palabra… é común a ambos xéneros e eu atópome moi cómodo nese rexistro. Esa foi, amais da fascinación que desde sempre sentín por esta estrutura fugaz, a razón da miña escolla. (…)”

Fernando Díaz-Castroverde gaña o Premio de narrativa breve Repsol con Microbios e outros paquidermos

“Fernando Díaz-Castroverde gaña o Premio de narrativa breve Repsol coa obra Microbios e outros paquidermos, dotado con 9.000 euros e a publicación da obra na Editorial Galaxia. Fina Casalderrey, membro do xurado, definiu a obra gañadora como “un libro harmonioso, relacionado cos aforismos”, destacando “o uso da a contundencia do breve, utilizando a retranca, ou absurdo, a transgresión e a crítica mordaz”. Son microrrelatos intelixentes que levan á reflexión, conseguindo un ritmo áxil que convida a facer paradas para o lector. “É un libro para pensar”, concluíu. Trinta e nove foron as obras orixinais e inéditas que, cunha extensión mínima de 50 folios e máxima de 120, se presentaron a este premio que chega á súa quinta edición. O xurado, formado por prestixiosas personalidades das letras galegas, estivo composto por cinco membros: Dolores Vilavedra, Darío Xohán Cabana, Carlos Lema, Xabier López e Fina Casalderrey. A entrega do Premio terá lugar antes do final do ano, nun acto público que se celebrará na cidade da Coruña.” Vía Galaxia. Entrevista en La Voz de Galicia, e reseñas en Xornal, La Opinión, Fervenzas Literarias e El País (Galicia).