O
próximo martes 10 de maio, ás 20:00 h. na Aula de Cultura Ponte de Rosas de Gondomar, sede do Instituto de Estudos Miñoranos, o xornalista Iago Martínez, xefe de Cultura de Xornal de Galicia, presentará o seu libro Lois Pereiro. Vida e obra, publicado en Xerais, e o guionista e director Alexandre Cancelo falará do documental Contra a morte. Unha aproximación a Lois Pereiro que escribiu e dirixiu xunto a Iago Martínez.
Vigo: presentación de A memoria e o esquecemento, de Gonzalo Amoedo
O
martes 10 de maio, ás 20:00 horas, na Casa do Libro de Vigo (Rúa Velázquez Moreno, 27), preséntase o libro A memoria e o esquecemento. O franquismo na provincia de Pontevedra, de Gonzalo Amoedo López. O acto, organizado pola Asemblea Republicana de Vigo, a Casa do Libro e Edicións Xerais, contará coa participación de Celso López Pazos, Xosé Manuel García Crego e do propio autor.
En marcha unha proposta para encher a Rede de cancións en galego no 17 de maio
Santiago: presentación de Deus xogando aos dados, de Fernando Méndez
O
luns 9 de maio, ás h., na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase o libro Deus xogando aos dados, de Fernando Méndez, publicado en Sotelo Blanco, obra gañadora do Premio Vicente Risco de Creación Literaria 2010.
Edición facsimilar, con estudo crítico, da revista Loia, polo Consello da Cultura Galega
Os
catro números da revista Loia, que acolleu os primeiros textos de Lois Pereiro, saen á luz agora nunha edición facsimilar da man do Consello da Cultura Galega. A institución segue así a súa tradición de homenaxear con este tipo de publicacións os protagonistas do Día das Letras. A edición inclúe un estudo crítico da revista coordinado por Xosé Manuel Pereiro no que se poden atopar artigos del mesmo, Ramón Villares, Helena González, Antón Patiño e Manuel Rivas. A edición completa está dispoñible na rede para a libre descarga.
Small stations traduce ao inglés os poemas de Pereiro
(Xornal)
Braga: Dia Galaico-Minhoto na Feira do Livro
O
sábado 7 de Maio desenvólvese o Dia Galaico-Minhoto na Feira do Livro de Braga, co seguinte programa:
– 15:00 h. Presentación da obra Ayes de mi País, o primeiro e até agora inédito cancioneiro de música popular galega, unha compliación feita por Marcial de Valladares a mediados do século XIX. Editado e presentado por José Luís do Pico Orjais e Isabel Rei Sanmartin.
– 16:00 h. Mesa de escritoras e escritores da Galiza, que darán visibilidade á literatura galega na Feira. Coa presenza de Carlos Quiroga, Séchu Sende, Lucía Novas, Andrea Nunes Brións, Raquel Miragaia, Román Raña, Marilar Aleixandre, Mario Regueira e Marta Dacosta, esta última como representante da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Coa intervención musical da cantora galega Uxía e o músico brasileiro Sérgio Tannus.
– 20:00 h. Encontro de escritoras e escritores da Galiza e do Minho nunha cea ofrecida pola Feira do Livro e que permitirá estabelecer e estreitar relacións aos dous lados da Raia. Neste encontro participarán os profesores Elias Torres Feijóo pola Universidade de Santiago de Compostela e Carlos Cunha pola Universidade do Minho. Estará amenizado por Uxía e Sérgio Tannus.
– Ás 18:30 h., no Salão Nobre do Edifício dos Congregados, terá lugar unha conferencia-concerto de José Luis do Pico Orjais e Isabel Rei Sanmartin sobre a edición crítica do primeiro e até agora inédito cancioneiro de música popular galega, Ayes de mi País, unha compilación feita por Marcial de Valladares no século XIX e da que interpretarán algúns temas.
María Goretti Fariña, gañadora do premio Cidade de Ribeira, por Orlando pendurado
“O salón de plenos do consistorio de Ribeira acolleu a entrega do premio da terceira edición do concurso de relato curto Cidade Centenaria de Ribeira, de carácter bienal, ó que se presentaron 11 obras. A gañadora foi María Goretti Fariña Caamaño, de Vilanova, pola obra Orlando pendurado. O xurado estivo formado por Manuel Bragado, director da Editorial Xerais; polos escritores Antonio Piñeiro e Xabier López Marqués, e pola profesora María Ángela Rodríguez. Alicia Padín, do servizo de Normalización Lingüística do Concello, actuou como secretaria, con voz e sen voto. A gañadora recibiu o premio de 3.000 euros e o diploma acreditativo.” Vía Galicia Hoxe.
VENTO LOIS no Monte Xalo (Cerceda), o domingo 8 de maio
O
domingo 8 de maio ás 17:00 horas, no Petón do Monte Xalo (Cerceda), adianto do VENTO LOIS, organizado pola Asociación Cultural Lucerna, coa participación de Estibaliz Espinosa, Miguel Mato, Ramón Vilar e Samuel Paris, entre outros.
“‘O obxectivo ha ser sempre un Universo que se expande’, escribiu Lois Pereiro. Mais, por onde comezar a expandilo? Velaí a cuestión á que lle queremos poñer resposta desde a Asociación Cultural Lucerna, de Cerceda.
O Vento Lois anda soprando con forza en todos os recunchos do país. Ao noso concello tamén chegou algo desa brisa e empurrounos a artellar un novo xeito para expandir o universo. O lugar escollido? O Monte Xalo, un deses espazos onde peta ben o vento e desde o que polinizar o aire con palabras xeitosas para contribuír á expansión do universo.
En que consistiría exactamente o acto? Apoiándonos no vendaval que percorrerá o mundo o vindeiro 12 de maio convocado pola seita loisista leremos o Manifesto Loisista no Petón do Monte Xalo. De seguido abrirase un recital para compartir coas persoas que asistan e cos grandes bolos graníticos do Xalo poemas de Lois Pereiro, textos propios, mensaxes a/sobre Lois… Logo, a música pechará o acto para impulsar as mensaxes lanzadas ao vento do Xalo, contribuíndo así á expansión do Universo…
A devandita expansión do universo será gravada para compartila o 12 de maio con todo o planeta.
Gustariamos de contar coa túa presenza nesta homenaxe para participar na lectura do manifesto e no posterior recital. Agardamos a túa presenza para conseguir unha expansión do Universo potente e duradeira.’