Santiago: Roteiro Rosalía en Compostela, con Francisco Rodríguez Sánchez

A Agrupación Cultural O Galo organiza o Roteiro Rosalía en Compostela, guiado por Francisco Rodríguez Sánchez, o sábado 19 de febreiro, ás 11:00 horas, desde a Estatua de Rosalía de Castro da Ferradura. Ás 10:45 h. entregaranse as audioguías individuais. Haberá a actuación do Trío Molime no Salón de actos do Museo do Pobo Galego ás 13:30 h. Os soci@s da A. C. O Galo teñen preferencia na admisión e poden levar unha persoa acompañante. O roteiro terá lugar polas rúas de Santiago con paradas nos espazos e nas casas nas que Rosalia viviu, escribiu algunha das súas obras ou cita ou a inspiraron. Entrarase na igrexa de San Martiño Pinario (fechada desde moito antes do COVID19, e continuará) para ver a imaxe de Stª Escolástica, esculpida por Xosé Ferreiro, á que lle adicou un poema. E tamén no patio do C. M. San Agostiño, onde Rosalía representou pezas de teatro. Logo de ir ao Panteón de Galegos Ilustres, onde está enterrada, teremos, ás 13:30 h. aproximadamente, un concerto a cargo do trío Molime que interpretará pezas con letras de Rosalía de Castro e ritmos ledos.

É imprescindíbel anotarse en comunicacion@ogalo.gal indicando o nome e apelidos e número de teléfono das persoas que queren asistir ao roteiro, antes do 17.02.2022 ás 14:00 h.; as admitidas recibirán confirmación por email. Gardaranse todas as normas Covid19, e usaremos máscara durante todo o percorrido e nos interiores.

A Coruña: Un día con Rosalía, o sábado 23 de outubro

Todas as actividades son abertas, ata completar capacidade, agás a visita guiada ao Arquivo Municipal e a visita nocturna ao teatro Rosalía que precisan de inscrición previa.

Identidade e afectos patrios, de Ramón Villares, Premio Mondoñedo 10 2019 de Ensaio

O mellor ensaio galego da década atópase entre 13 obras

Desde Sermos Galiza:
“Un total de 13 obras compiten por seren recoñecidas co Premio Mondoñedo 10 ao mellor ensaio da última década. Trátase dos seguintes libros: Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro, de Ramón Nicolás (Xerais, 2012); Os santos titulares de parroquia en Galiza, de Xosé M. González Reboredo (Sotelo Blanco, 2012); Para que nos serve Galiza?, de Xaime Subiela (Galaxia, 2012); Herdeiros pola forza. Patrimonio cultural, poder e sociedade na Galicia do século XXI, de Xurxo Ayán e Manuel Gago (2.0 Editora, 2012); Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria (a persoa e a obra de onte a hoxe), de Francisco Rodríguez Sánchez (AS-PG, 2013); Tastarabás. Enciclopedia de brinquedos tradicionais e uso lúdico da natureza, de Antón Cortizas (Xerais, 2013); Galiza, um povo sentimental?, de Helena Miguélez-Carballeira (Através Editora, 2015); Historia de Galicia, de Ramón Villares (Galaxia, 2016); Enfermos pobres, médicos tristes: Historia crítica da medicina rural en terras esquecidas, de Roberto Fernández Álvarez (Urco, 2017); Identidade e afectos patrios, de Ramón Villares (Galaxia, 2017); Rosalía de Castro. Cantos de independencia e liberdade (1837-1863), de María Xesús Lama (Galaxia, 2017); Memorias dun loitador antifranquista. O testemuño do comunista David Álvarez Carballido, de Anahí Almasía, Mariela Sánchez e Antón Santamarina (Alvarellos, 2018) e As orixes da fotografía en Galicia. Estudios composteláns do s. XIX, de Carlos Iglesias Castelao (Alvarellos Editora-Consorcio de Santiago, 2018).
O xurado reunirase en Mondoñedo o domingo, 13 de outubro de 2019, ás 12 horas, e a entrega do premio terá lugar nun acto público que acollerá o Auditorio Pascual Veiga de Mondoñedo o domingo 20 de outubro. O premio consistirá nun diploma acreditativo e unha obra artística orixinal e única, creada para esta ocasión polo artista mindoniense, José Pedro Gómez.
Forman parte do xurado: Antonio Reigosa (presidente, sen voto), cronista oficial de Mondoñedo; un vogal designado polo Consello da Cultura Galega; outro pola Real Academia Galega; outro pola Asociación de Escritores/as en Lingua Galega; outro pola Asociación Galega de Editoras; outro polo Instituto Galego de Historia; outro pola Facultade de Humanidades de Lugo (USC) e outro polo Concello de Mondoñedo. Actuará como secretario (sen voto) Fran Bouso, designado pola asociación convocadora deste premio.”

Guitiriz: presentación de Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria, de Francisco Rodríguez

O sábado 3 de novembro, ás 20:00 horas, na Escola Habanera de Guitiriz, preséntase Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria, de Francisco Rodríguez, publicado pola AS-PG, nun acto organizado pola A. C. Xermolos e a A. C. Rosalía de Castro de Barakaldo, e no que intervirá o propio autor.

Ribeira: presentación de Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria, de Francisco Rodríguez

O martes 29 de maio, ás 20:30 horas, na Aula Multimedia (baixo da Confraría) de Ribeira, a Asociación Altofalante e Barbantia presentan o libro Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria, de Francisco Rodríguez, publicado pola AS-PG. No acto, xunto ao autor, participa Xesús Laiño.

Vinte e seis obras finalistas compiten polos Premios AELG 2012, que chegan á súa XIII edición

Os 417 socios e socias da AELG xa escolleron os finalistas aos premios á mellor obra publicada no 2011 nas modalidades de ensaio, poesía, narrativa, tradución, teatro, blog literario, literatura infanto-xuvenil e traxectoria xornalística. Nestes dous últimos casos tamén participan na elección os asociados de Gálix e os membros do Colexio de Xornalistas respectivamente.
As obras gañadoras daranse a coñecer na Cea das Letras, un dos actos máis importantes na vida da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, que terá lugar o vindeiro 5 de maio en Santiago de Compostela.

Así pois, da conxunción de votos emitidos nunha primeira quenda resultaron finalistas:

Narrativa:
Extramunde, Xavier Queipo, Xerais.
Laura no deserto, Antón Riveiro Coello, Galaxia.
Non hai noite tan longa, Agustín Fernández Paz, Xerais.

Ensaio:
Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, Carlos Callón, Xerais.
Rosalía de Castro. Estranxeira na súa patria (a persoa e a obra de onte a hoxe), Francisco Rodríguez, Asociación Socio-Pedagóxica Galega.
Vivir, unha aventura irrepetíbel. Biografía de Mª do Carme Kruckenberg, Mercedes Queixas Zas, Galaxia.

Poesía:
balea2, Estevo Creus, Positivas.
Leopardo son, Pilar Pallarés, Espiral Maior.
Todas as mulleres que fun, Andrea Nunes Brións, Corsárias.

Teatro:
A función do tequila, Manuel Guede, Deputación da Coruña.
Chegamos despois a unha terra gris, Raúl Dans, Xerais.
Fábula galénica, Inácio Vilariño, Baía.

Mellor traxectoria de Xornalismo Cultural en 2011:
Anxo Tarrío.
Bieito Iglesias.
Iago Martínez.
Ramón Chao Rego.
Santiago Jaureguizar.

Literatura Infanto-Xuvenil:
Fantasmas de luz, Agustín Fernández Paz, Xerais.
Noutra dimensión, Marica Campo, Galaxia.
O meu gato é un poeta, Fran Alonso, Xerais.

Tradución:
Os trobadores de Occitania, Darío Xohán Cabana, Edicións da Curuxa.
Sonetos de Shakespeare, Ramón Gutiérrez Izquierdo, Xerais.
Versos escollidos (de Wisława Szymborska), Lucía Caeiro, Positivas.

Mellor Blog Literario:
As crebas, Miro Villar.
Caderno da crítica, Ramón Nicolás.
Criticalia, Armando Requeixo.

Na segunda fase, xa en andamento, os asociados e asociadas decidirán as obras gañadoras.

Alén destas categorías, os Premios AELG constan doutros dous galardóns outorgados pola Asemblea de Socios e Socias da AELG: o premio para a Institución que se caracterizase pola súa contribución á divulgación da literatura galega, que este ano será para os Equipos de Normalización Lingüística dos centros de ensino e Servizos de Normalización Lingüística dos concellos; e mais o Premio AELG 2012 Escritor Galego Universal, outorgado pola Asemblea ao escritor José Luis Sampedro, galardón que o distingue como autor que combina a excelencia literaria co compromiso ético que o converte en referente na defensa da dignidade humana; a AELG agarda contar coa súa presenza na Cea das Letras.

Noia: presentación de Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria, de Francisco Rodríguez

O venres 26 de agosto, ás 20:30 h., no Edificio Administrativo do Espírito Santo (antigo matadoiro) de Noia, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) presenta o libro Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria (a persoa e a obra de onte a hoxe), de Francisco Rodríguez, editado pola propia AS-PG. No acto, acompañando ao autor, participa Xavier Castro. Crónica posterior en Certo.

Santiago: actividades literarias do luns 25 no Festigal 2011

Na Galería das Letras do Festigal 2011, que se celebrará no Campus Universitario Sul de Santiago de Compostela, terán lugar as seguintes actividades literarias o luns 25 de xullo:

16:00 h. Presentación do libro Todas as mulleres que fun, de Andrea Nunes Brións. Falan: Maria Rosendo, Pepe Árias e Andrea Nunes.
16:45 h. Presentación da novela In vino veritas, de Francisco Castro, publicada en Galaxia. Participan Víctor F. Freixanes, Malores Villanueva e o autor.
17:20 h. Presentación de Ártico 2.0, de Xavier Queipo, publicado en Galaxia. Participan Víctor F. Freixanes, Alfonso Álvarez Cáccamo e o autor.
17:55 h. Presentación da iniciativa Sermos Galiza, coa intervención de Teresa Moure, Xosé Ramón Freixeiro Mato e Marga Romero.
18:15 h. Presentación do libro Rosalía, estranxeira na súa patria, de Francisco Rodríguez, editado pola AS-PG.
20:30 h. Presentación de Cociñando ao pé da letra, coordinado por Yolanda Castaño e Andrea Costas, publicado en Galaxia, coa participación de Marga do Val, Francisco Castro e as coordinadoras do libro.
21:15 h. Presentación do libro Falar com Jeito, de Fernando Corredoira, publicado en Através. Participa o autor acompañado por Valentim R. Fagim.

Betanzos: presentación de Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria, de Francisco Rodríguez

O xoves 28 de abril, ás 20:30 h., no Salón Azul do Edificio Liceo de Betanzos, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) e a A. C. Eira Vella presentan o libro Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria (a persoa e a obra de onte a hoxe), de Francisco Rodríguez, editado pola propia AS-PG.