Mercedes Queixas: “Temos magníficos creadores, pero falta quen os visualice”

Entrevista a Mercedes Queixas en Galicia Hoxe:
“- Galicia Hoxe (GH): A literatura galega aínda carece dun estudo profundo e aclarador dos que se teñen feito por aí?
– Mercedes Queixas (MQ): A literatura, a arquitectura, a música, a historia, a plástica, a pedagoxía, a economía, a filosofía, a ciencia… Atreveríame a dicir que calquera área de saber, calquera ámbito do coñecemento pensado e elaborado en clave galega, con perspectiva diacrónica e personaxes principais galegos está aínda pendente de estudo e divulgación. A nosa desmemoria é grande, iniciabamos lentamente o camiño da recuperación e do autorrecoñecemento, tan necesario para que calquera comunidade social se respecte e avance, mais agora baixo pretexto de austeridade política –mais concretamente, esganamento educativo e cultural mal disimulado, tal e como eu o vexo e vivo– as fórmulas do coñecemento hai que o simplificar tamén e polo tanto para que procurar na raíz propia –radicalismo ad pedem litteram– se xa dispomos dunha historia contada por outros? Para min descubrir os trobadores, o Padre Sarmiento, Rosalía de Castro, Castelao, Álvaro Cunqueiro, Ánxel Fole ou Carvalho Calero foi unha necesidade/oportunidade urxente que me fixo medrar o orgullo de ser o que son, nin máis nin menos. E síntome moito máis rica e completa desde que accedín a eles. (…)
– GH: Podemos dicir sen medo, e cun moderado orgullo, que a literatura galega está vivir o momento máis esplendoroso da súa historia?
– MQ: Do igual xeito que podemos pensar que a mellor obra está pendente de escribir, pode ser que o momento máis esplendoroso aínda estea por vir. É difícil determinar o futuro e aínda máis predicilo. A distancia do tempo permite palparmos etapas literarias excelsas, pensemos na literatura medieval, por exemplo, ou no Rexurdimento decimonónico. Ora ben , non esquezamos algo para min determinante: o presente e o futuro da literatura galega é e será segundo o presente e o futuro da lingua que a constrúe, da sociedade que a escribe, edita, publicita e le… As etapas literarias sempre veñen determinadas polo contorno político-social-económico de cada país en cada momento. Como senón se pode explicar o existencialismo da poesía da Escola da Tebra? Ou o socialrelismo dun poeta como Manuel María? Ou a poética renovadora e transgresora dos anos 80? Ou mesmo o florecemento da literatura infantoxuvenil nas últimas décadas? Nada é casual nin fortuíto. Os proxectos callan porque hai quen traballa neles e porque previamente acredita neles. Temos magníficos axentes creadores e produtores de literatura, de cultura. Precisamos distribuidores que axuden a visualizala.

Elena Gallego: “Quería facer unha novela que afondase nas raíces galegas e que xogase coa maxia e a alquimia que agochan”

Entrevista a Elena Gallego en Galiciaé:
“- Galiciaé (G): Vostede é xornalista. Que lle moveu a escribir un libro?
– Elena Gallego (EG): Desde moi cativa sempre tiven o soño de escribir, de feito fíxenme xornalista porque me gustaba escribir, a radio, o xornalismo… Teño que confesar que o primeiro libro escribino con doce anos pero é infumable. A miña nai gardouno nun caixón, aínda mo deu hai pouco e non fun capaz de abrilo porque as cousas que se fan con doce anos, evidentemente non dan moito de si. Cando xurdiu Dragal xa tiña algunha cousiña pero esta en concreto xurdiu porque teño un fillo, que tiña daquela quince anos e a habitación chea de dragóns. Aparte diso, era un rapaz ao que non lle gustaba ler e comezou a collerlle gusto á lectura con novelas fantásticas do estilo de Harry Potter. Chega un momento no que ti dis ”é unha pena que estas cousas que está lendo sexan de fóra”. Entón empecei coa historia: un rapaz de dezaseis anos que está na aula do instituto. Mira pola fiestra e na portada dunha igrexa románica que hai enfronte ve que unha das figuras, que é un dragón, chíscalle un ollo. A partir de aí empecei a imaxinarme que acontecería se ese dragón se reencarnase, que Hadrián chegase a converterse no dragón. É un rapaz dun pobo, dunha aldea da costa galega e un dragón cunha profecía de 2000 anos de existencia agochado nun templo románico. (…)
– G: Por que escolliches contar a historia de Dragal nunha triloxía?
– EG: Non pensaba que ía ser unha triloxía, non escribín Dragal cun guión previo. Empecei por facer unha cousa curta e foi collendo vida. Claro, cando rematei a primeira novela quedaban moitas cousas por contar, rematas un libro de 265 páxinas e tes que seguir. Pero non podes seguir cun libro de 700, entón chega un momento no que teñen que ser tres. Non é que fixera algo adrede por alongalo nin porque estea de moda que sexa unha triloxía. As propias personaxes foron facendo un pouco o que eles querían. Empezou sendo unha historia moi sinxela para demostrar que se poden facer historias moi interesantes en galego e empezou a medrar ela soa.”

Convocado o Certame Literario das Letras Galegas

O Concello de Vilalba, a través da concellaría de Cultura, convoca unha nova edición do Certame Literario das Letras Galegas, no que se repartirán 780 euros en premios entre os gañadores das distintas modalidades. Haberá dous premios abertos a todos os mozos de 15 a 18 anos de toda a comarca de Terra Chá: o Manuel Mato Vizoso para o mellor traballo en prosa galega e o Xosé María Chao Ledo, para o mellor poema inédito en galego. Ambos están dotados con 210 euros e diploma. No ámbito do municipio vilalbés, na categoría de dez a 15 anos, estarán os premios Xosé Lois García Mato en prosa, dotado con 120 euros, e García Hermida, de 100 euros, en verso. Para os menores de dez anos, convócanse os premios Carmiña Prieto Rouco e Lois Pereiro, en prosa e poesía, respectivamente. O prazo para presentar as obras finaliza o 6 de maio, ás 14:00 horas. Os traballos deben remitirse ao consistorio (Praza da Constitución, 1. C. P. 27800, Vilalba), cun pseudónimo e un sobre pechado aparte cos datos persoais do autor.

Celanova: presentación de Deus xogando aos dados, de Fernando Méndez

O martes 19 de abril, ás 20:00 h., na Casa dos Poetas (Rúa Curros Enríquez, 37) de Celanova, preséntase o libro Deus xogando aos dados, de Fernando Méndez, publicado en Sotelo Blanco, obra gañadora do Premio Vicente Risco de Creación Literaria 2010.

Vigo: presentación de Laxeiro. Os escritos de Don Ramiro

O luns 18 de abril, ás 19:30 h., na Casa Galega da Cultura (Praza da Princesa, 2) de Vigo, presentación do libro Laxeiro. Os escritos de Don Ramiro, publicado pola Fundación Laxeiro, con edición a cargo de Javier Pérez Buján. Interveñen no acto Xesús López Carreira, José Manuel Figueroa Vila, Marcela Santorum, Carlos García–Suárez Otero e Javier Pérez Buján.

Fran Alonso: “A serenidade vixiante”

Entrevista a Fran Alonso en Galicia Hoxe:
“- Galicia Hoxe (GH): O traballo de editar libros é bonito e interesante como facer traxes para as palabras? Un editor é dalgun xeito un costureiro?
– Fran Alonso (FA): O editor ten moito de costureiro ou, se cadra, de xardineiro. Coida as árbores máis fermosas do xardín para que luzan e arrecendan. O editor tamén é un mediador, pero un mediador que intervén sobre o libro, sobre o seu resultado final, e sobre a creación dun estandar socioliterario. Creo que o do editor é un papel fundamental, que hoxe por hoxe está en perigo debido á voracidade do mercado, e que debe ser reforzado máis ca nunca. Ademais, esa revolución fabulosa que supón a rede e o libro electrónico tamén supón, por desgraza, unha desvalorización do seu rol. Se queremos apostar por unha literatura de calidade, é necesario reivindicalo.
– GH: O libro O meu gato é un poeta lévanos a unha páxina web. Esa é a mellor forma de achegarse aos rapaces e rapazas de hoxe en día? É como se o libro tivese distintos camiños, e así resulta máis dinámico e está máis vivo. Resulta interactivo, e o lector-a tamén participa no libro.
– FA: Non sei se é a mellor, pero si unha forma moi próxima á súa sensibilidade e ás súas inquedanzas. A web de O meu gato é un poeta posibilita que os nenos participen activamente: poden opinar, poden votar, pode escoitar os poemas en mp3, poden navegar ao seu xeito. Paréceme importante darlle un papel preponderante ao lector. Eu non quería que o libro rematase no papel; quería que continuase máis alá, para sentir a poesía a través doutras propostas, ben sexa na web ou no disco, e que os nenos puidesen percibir os poemas a través de todos os sentidos posibles. Ademais, no futuro a poesía acabará trasladándose á web, e non tardará moito. (…)
– GH: Por que comparas a poesía cun globo azul que incha e voa e desaparece no aire?
– FA: Poucas cousas hai máis fermosas para un cativo que ver como un globo desa-parece no aire, sempre que non sexa o seu, claro. Para falar da poesía, no libro eu comparo as palabras cun globo, porque na poesía as palabras hai que inchalas moito, para que signifiquen moitas cousas, máis do que significan normalmente. Así constrúense os poemas: hai que soprar moito para inchar as palabras, que son como globos, e logo esas palabras son libres para expresar o que precisen expresar. Desa imaxe da poesía como un globo tamén procede un recital-espectáculo de poesía infantil galega que levo varios anos facendo en centros de ensino e bibliotecas e aos nenos encántalles. Esa experiencia foi fundamental para min á hora de escribir O meu gato é un poeta.