Santiago: presentación de Flores da Galvana, de Iria Fernández Crespo

O luns 18 de abril, ás 12:00 h., na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela preséntase o poemario Flores da Galvana, de Iria Fernández Crespo, publicado en Espiral Maior. No acto participan, ademais da autora, Ramón Chao e Miguel Anxo Fernán Vello. Crónica posterior en Xornal.

Santiago: XXI Xornadas de Lingua e Literatura o 29 e 30 de abril

Está aberto o prazo para inscribirse nas XXI Xornadas de Lingua e Literatura, a celebrar o 29 e 30 de abril en Santiago de Compostela, e que pode realizarse nas páxinas da CIG-Ensino e/ou da AS-PG. Está solicitada a homologación destas Xornadas á Consellaría de Educación por 12 horas. Para a obtención do certificado será necesario acreditar unha asistencia de, cando menos, o 85% da totalidade da actividade. Deixamos aquí o programa:

Venres 29:
– 17:00 h. Debullando a Lois Pereiro. A vida, a imaxe e o son. Por Xosé Manuel Pereiro, Manuel Rivas e Manu Clavijo.
– 19:00 h. Conferencia: Singularidade de Castelao na literatura galega. Por Manuel Rei Romeu.
– 20:00 h. O proxecto de Casa Museo para Manuel María. Pola Fundación Manuel María de Estudos Galegos.

Sábado 30:
– 10:00 Seminarios:
* Anxos Sumai: O autor fala da súa obra.
* Inma López Silva: O teatro interminábel. Ensinar en Secundaria empregando o teatro como ferramenta.
* Carlos Callón: Como defenderes os teus dereitos lingüísticos.
* Dorinda Castro Soliño: 8×8=64 propostas para traballar o tema da muller nas aulas de lingua e literatura.
– 11:15 h. Seminarios:
* Suso de Toro: O autor fala da súa obra.
* María Xesús Sarmiento Macías, Carme Gómez e Serafín Alonso Pintos: Dar oídos. Escoitar na clase de lingua.
* Xavier Gómez Guinovart: Recursos de tecnoloxía lingüística para o galego.
* Roberto Pascual: Creación dunha escola de espectadores nos centros educativos.
* Valentim R. Fagim: Ops! O português simples.
– De 12:30 a 14:00 h. Debate: Situación actual e futuro da lingua galega, con Pilar García Negro, Henrique Monteagudo e Goretti Sanmartín Rei.
– 16:00 h. Rexina R. Vega: Conferencia: Bilingüísmo e creación literaria: a vía heterodoxa de Álvaro Cunqueiro.
– 17:00 h. Olga Patiño Abeixón e Luciano Fernández Martínez. Presentación: Redes sociais para a lingua e a literatura.
– 17:30 h. Francisco Rodríguez. Conferencia: Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria.
– 18:30 h. María Lado e Lucía Aldao: Moita poesía e pouca diversión.

Xesús Manuel Marcos: “En Galiza hai veteranos de guerra menores de 30 anos”

Entrevista a Xesús Manuel Marcos en A Nosa Terra:
“- A Nosa Terra (ANT): A guerra dos Balcáns é un tema inédito na literatura galega. Por que se interesou polo tema?
– Xesús Manuel Marcos (XMM): Coido que ningunha guerra nos é allea, menos aínda unha na que xente próxima a nós participou. Coñecín xente que estivera alí e tiñan un testemuño moi diferente do que se nos “vende” a diario sobre as misións humanitarias no estranxeiro. Considerei necesario expoñer esoutra verdade fronte á idea que nos queren facer crer os grandes medios e os políticos. Quería escribir un libro que lle servise a quen o lea para formarse unha opinión real da participación do exército español na guerra dos Balcáns. (…)
– ANT: Vostede é un escritor en galego que vive en Madrid. Esa distancia favoréceo ou benefíciao?
– XMM: Para escribir, coido que me beneficia. Non só pola distancia senón polo feito de vivir en Madrid, unha cidade grande na que pasan moitas cousas e na que tes acceso a moita información que sería máis complicado obter nun lugar pequeno. Pero en xeral síntome orfo por morar lonxe de Galiza e gustaríame moito voltar se houbese posibilidade. En canto á visibilidade do teu traballo, penso que os que vivimos fóra estamos un pouco esquecidos, que os compañeiros non nos toman moi en conta.
– ANT: Unha das promesas da Consellaría de Cultura foi internacionalizar as letras galegas. Nótase esa presenza en Madrid?
– XMM: Institucionalmente, os organismos galegos culturais en Madrid teñen pouca actividade: algunha conferencia de cando en vez. A cultura galega non existe coma tal e só a través da iniciativa particular se move algunha cousa. Chama a atención a falta de apoio á tradución. Mentres ese asunto é capital na política cultural de Escandinavia –o que explica que haxa tanta literatura sueca nas nosas librarías– os esforzos de levar as nosas letras a outros mercados estaos a levar no lombo a empresa privada (caso de Pulp Books ou Faktoría K, por exemplo). E non poden pór a escusa dos cartos porque os custos da promoción son baixos. Tanto custa favorecer que se presenten libros e se asinen na Feira do Libro de Madrid? Son moitos os galegos que viven aquí e que celebrarían ver a súa cultura protexida e difundida nun acto tan popular. Eu un ano estiven, grazas á colaboración cunha libraría, e a aceptación foi grande, a pesar de ir “a pelo” coma quen di. Cando falan de internacionalización, deberían aclarar se a proposta é seria porque na práctica diso non hai nada. Fai falta unha institución que planifique a estratexia de difusión, implicando con vontade real os autores e editores. Cunha pouca ansia sería abondo. En Madrid hai a diario ciclos de autores portugueses, latinoamericanos, estadounidenses… Por que non galegos? Porque penso que o nivel de calidade é actualmente alto e si hai material exportábel pero non medios.”

Campos (Mallorca): presentación de En castellano no hay problema, de Carlos Callón

O sábado 16 de abril, ás 17:00 h., na localida de Campos (Mallorca), preséntase o libro En castellano no hay problema, de Carlos Callón, publicado en Xerais. O acto está organizado por Acampallengua e Joves de Mallorca per la Llengua.

Convocado o IV Premio de Poesía Victoriano Taibo

O Instituto de Estudos Miñoranos e a Entidade Local de Morgadáns convocan o IV Premio de Poesía Victoriano Taibo – Entidade Local de Morgadáns, ao que poderá concorrer calquera autor que envíe, antes do 30 de xullo de 2011, ao enderezo Apartado 30, 36380, Gondomar, un libro de poemas escritos en galego cunha extensión mínima de 300 versos. O premio está dotado con 3.000 euros, unha peza escultórica do artista miñorán Fino Lorenzo, creada especialmente para este certame, e a publicación da obra premiada na colección Victoriano Taibo do IEM; o galardón será entregado nun acto cultural que se celebrará no edificio das Escolas de Guillufe (Morgadáns) na 2ª semana de novembro do mesmo ano. As bases completas pódense descargar aquí: Bases IV Premio Victoriano Taibo 2011.

Camariñas: presentación de A Terra de Soneira no corazón da Costa da Morte

O sábado 16 de abril, ás 12:00 h., no Centro Cultural Casa da Pedra (Avenida da Coruña, 5) de Camariñas, preséntase o libro A Terra de Soneira no corazón da Costa da Morte, de Xosé María Lema Suárez (coord. e dir.), Evaristo Domínguez Rial, Xan Fernández Carrera, Roberto Mouzo Lavandeira e Xosé María Rei Lema, publicado en Xerais. No acto participan Manuel Bragado, Manuel Valeriano Alonso e os autores.

Ferrol: presentación de A frecha azul do teixo, de Eva Veiga

O venres 15 de abril, a partir das 20:00 h., na Galería Sargadelos (Rúa Rubalcava, 30-32, esquina rúa María) de Ferrol, e con entrada libre até completar capacidade, preséntase o libro de poemas A frecha azul do teixo, de Eva Veiga, publicado en Espiral Maior. No acto intervirán, coa autora, Miguel Anxo Fernán-Vello e Nicolás Vidal, e finalizará cunha actuación do Grupo Ouriol (Eva Veiga, Fito Ares e Bernardo Martínez).

Xosé Manuel Pacho Blanco: “Na cultura galega hai moita autocensura”

Entrevista a Xosé Manuel Pacho Blanco en Galicia Hoxe:
“- Galicia Hoxe (GH): Pois, volvendo ao tema argumental [de Paraísos, obra gañadora do V Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico], que pasou entón coas dúas mulleres que falaban?
– Xosé Manuel Pacho Blanco (XMPB): Pois a xornalista está pensando en deixar a profesión. Volven cortar a obra e un teletipo informa de que o rei non sufriu un atentado senón un accidente de coche mentres estaba en Mallorca co seu Ferrari testarossa. Vólvese cortar e aparece unha segunda historia na que un xornalista entrevista a Roberto Bolaño, o escritor chileno. Empeza cun texto que di: “O mundo está cheo de idiotas e neste sentido non hai unha diferenza de xénero. Tanto homes como mulleres comparten a mesma porcentaxe”. (…)
– GH: E o epílogo?
– XMPB: Todos os feitos e persoas que aparecen nesta peza son inventados froitos da invención do escritor: non existe ningún dos personaxes nin dos narradores; non existe un rei, iso só acontece nos contos, atentaría contra calquera democracia; tampouco existe Ciudad Juárez nin os seus mortos; tampouco Roberto Bolaño; nin a radio; nin a demencia senil; nin a tristeza; nin a felicidade; só a música e as palabras.
– GH: Entre tanta moleza e simulacro dará medrado algún día na sociedade galega o espírito punki ou provocador?
– XMPB: Eu creo que se algún sentido ten a creación é cuestionar a realidade e ser subversiva. Ten que enfrontarse ao que non gusta da sociedade e ser crítico. Penso que na cultura galega e na cultura española hai moita autocensura. É normal. Pode soar grandilocuente, pero se te paras a pensar nas editoras, nos medios de comunicación hai bastante covardía. Que un avogado se autocensure podo entendelo, pero que un artista se autocensure non. A cultura galega e a cultura española son moi condescendentes con elas mesmas.”

Antón Patiño: “Para Lois Pereiro, Monforte era como o centro do mundo”

Entrevista a Antón Patiño en La Voz de Galicia:
“- La Voz de Galicia (LVG): ¿En que medida influíu Monforte na súa [Lois Pereiro] formación vital e cultural?
– Antón Patiño (AP): Para Lois Pereiro, Monforte era como o centro do mundo, era o seu principal espazo vital e de afecto, onde vivían os amigos de sempre, cos que nin sequera era preciso falar para entenderse. Monforte tamén deixou nel unha pegada cultural moi fonda. Na súa época, a cultura humanística e literaria tiña moito peso no colexio dos Escolapios e iso foi moi importante para a súa formación como escritor. Tamén estaba o cinema, que para el tiña tanta importancia como a literatura ou a música. Neses tempos o cinema era moi popular en Monforte e nos cines Capitol e Lemos botaban filmes novos case todas as semanas. Para Lois tamén foi importante a presenza en Monforte de Manuel María, que o axudou a contactar coa tradición literaria galega. No plano literario son moi desemellantes, as súas obras teñen moi pouco que ver unha coa outra, pero entre os dous sempre houbo moito respecto mutuo.
– LVG: ¿Que interese cre que pode ter a obra de Pereiro para as xerazóns máis novas?
– AP: A súa é unha figura heterodoxa e rebelde, que non é doado asimilar, e como marchou moi novo, aínda que xa tiña uns anos, deixou unha imaxe case como de adolescente. A súa obra está chea de referencias que poden conectar moi ben coa xente nova e creo que pode ser unha bomba de futuro, unha inxección de osíxeno para o idioma que é moi oportuna nunha época en que desde arriba se está a proxectar unha imaxe de negatividade cara á lingua galega. A súa obra literaria ten un carácter plural e poliédrico que non admite esquematismos, pero quen se achegue á súa poesía quedará enganchado pola autenticidade da súa palabra.”