A AS-PG convoca o II Certame de Curtas para Rosalía

A Asociación Pedagóxica Galega (AS-PG) convoca o II Certame de Curtas para Rosalía. Se a primeira edición deste certame tivo como motivo central a figura de Rosalía de Castro no 125 aniversario do seu falecemento, resulta evidente que, pasada esta efeméride, as potencialidades que se agochan na obra de Rosalía deben seguir sendo descubertas xa que o mundo rosaliano é aínda un mundo revelador e con propostas clarificadoras para hoxe. A este certame poderán participar os traballos realizados ou producidos con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2009 e rodados en calquera sistema de gravación (cine, vídeo, outros), cuxa temática sexa a persoa de Rosalía de Castro, as súas obras ou algún elemento que destaque a súa vida, traballo ou calquera outro punto de interese da escritora como tal ou do seu contorno; ou aquelas curtas cuxa temática se centre, interprete ou explore calquera texto, de calquera época, da Literatura Galega. A preinscrición deberá realizarse antes do 15 de decembro e a definitiva, co envío dos traballos, o 24 de febreiro. Haberá un primeiro premio de 2.000 € e outro premio de 1.000 € para menores de 30 anos. As bases pódense descargar aquí.

Coñécense os gañadores do Premio de Tradución Plácido Castro do 2009

Emilio Valadé del Río, polo seu traballo con A evolución humana de Antonio Bracinha Vieira e Natalia Cora, Rebeca Lemat e Susana Collazo por Lord Jim de Joseph Conrad gañaron o Premio de Tradución Plácido Castro do 2009. O xurado expresou nunha nota de prensa a súa satisfacción pola grande calidade das traducións concorrentes, que “mellora ano tras ano”. Lord Jim “é un clásico da literatura universal que se nos presenta nunha coidadísima tradución”, salienta o xurado, que tamén subliña da tradución de A evolución humana o feito de ser unha obra científica e “con este recoñecemento faise fincapé na necesidade da planificación da tradución sistemática dun corpus científico universal”. O xurado estivo composto polos seguintes membros: Xosé Castro Ratón, da Fundación Plácido Castro; Carlos Arias Iglesias, en representación da Xunta de Galicia; Xosé María Gómez Clemente, da Asociación de Tradutores Galegos; Ana Luna Alonso do Departamento de Tradución da Universidade de Vigo e Alberto Álvarez Lugrís, secretario da Asociación de Tradutores Galegos, que actúa en calidade de Secretario do xurado. Farase entrega do premio, dotado con 3.000 euros, o próximo sábado día 16 de outubro no concello de Cambados ás 13.00 horas. A nova completa pódese consultar en Galicia Hoxe.

Lugo: presentación de Denso recendo a salgado, de Manuel Portas

O venres 15 de outubro, ás 20:00 h., na Galería Sargadelos (Praza de Santo Domingo, 4) de Lugo, preséntase Denso recendo a salgado, primeira novela de Manuel Portas. Acompañarán ao autor Xosé Chorén, Xosé Miranda e Fran Alonso.

Vigo: presentación de Luz de Tebra, de Ánxel Vázquez de la Cruz

O venres 15 de outubro preséntase na Casa Galega da Cultura (Praza da Princesa) de Vigo, a partir das 20:00 h., o libro Luz de Tebra, de Ánxel Vázquez de la Cruz, publicado por Xerais. No acto acompañarán ao autor Marita Vázquez de la Cruz, Xesús López Carreira e Manuel Bragado.

Ourense: Auria, actividades do día 15

Dentro das actividades de Auria, que se desenvolve no Xardín do Posío de Ourense, o venres 15 de outubro prosegue a Feira do Libro, en horarios de 17:00 a 22:00 h. No programa literario destacan os seguintes actos:
18:00 h. Sinatura de libros de Xosé de Cora e Marcos Calveiro.
19:00 h. Mesa redonda sobre Os mitos na novela histórica, coa participación de Xosé de Cora, Marcos Calveiro, Ramón Loureiro e Víctor F. Freixanes, moderada por Camilo Franco.
O programa completo pódese descargar aquí: Programa de Auria, Semana de Literatura Histórica.

A Estrada: presentación do libro Estudos xurídicos sobre o Decreto para o plurilingüísmo

O venres 15 de outubro, ás 19:30 h., preséntase na sala de exposicións de Caixanova na vila da Estrada o libro Estudos xurídicos sobre o Decreto para o plurilingüismo, publicado en Laiovento. No acto intervirán Alba Nogueira, profesora de dereito administrativo da Universidade de Santiago de Compostela e Héctor López de Castro, avogado e membro do gabinete xurídico da CIG. O acto está convocado pola plataforma Queremos Galego d’A Estrada.

María Canosa gaña a oitava edición do premio Pura e Dora Vázquez

O galardón desta edición era especial despois de que hai unhas semanas finara Dora Vázquez. A oitava edición do certame literario convocado pola Deputación de Ourense de literatura infantil recaeu este ano na escritora María Canosa, pola obra O papaventos de Laura por ser “unha historia imaxinativa, alegre e fresca, nun entorno familiar cheo de tenrura”, segundo o fallo do xurado. Agora, a Deputación convocará o premio de ilustración para acompañar a obra seleccionada. Ambos os dous galardóns están dotados con 3.000 euros cada un. A nova foi recollida tamén en: Xornal, Galicia Hoxe e Faro de Vigo.