Vilagarcía: preséntase Denso recendo a salgado, de Manuel Portas

O próximo mércores 2 de xuño, ás 20:30 horas na Sala de Conferencias do Auditorio de Vilagarcía (Avenida da Mariña s/n), presentarase a novela de Manuel Portas Denso recendo a salgado. No acto, organizado por Xerais e o concello de Vilagarcía, acompañarán ao autor Emilio Ínsua, Xosé Castro Ratón e Manuel Bragado.

Ourense: conferencia de Luciano Rodríguez

Dentro do ciclo de Conferencias “Visións de Galicia” do Liceo de Ourense, terá lugar o próximo mércores 2 de xuño, a partir das oito e cuarto da tarde na Aula de Cultura da Entidade liceísta, a conferencia de Luciano Rodríguez Gómez sobre Aquilino Iglesia Alvariño, o autor do primeiro libro galego de entidade da posguerra (Cómaros Verdes, 1947).

Marilar Aleixandre homenaxeada pola AELG

A homenaxe “A Escritora na súa Terra”, impulsada pola Asociación de Escritores en Lingua Galega, chega este ano a súa XVI edición recaendo, por decisión unánime da súa asemblea de socios e socias, na figura de Marilar Aleixandre, que será homenaxeada o sábado día 5 de xuño en Santiago de Compostela. Esta iniciativa anual conforma xa unha tradición na traxectoria da Aelg, e tense constituído ao longo de máis dunha década como unha celebración na que a terra de orixe do homenaxeado/a cobra un protagonismo fundamental nesta cita cultural. Tratase dunha celebración múltiple e popular na que se vén recoñecendo a entidade literaria de insignes figuras das nosas letras, a través dunha serie de eventos como a entrega do galardón Letra E de escritor/a (unha peza escultórica asinada por un/ha recoñecido/a artista galego/a), a plantación dunha árbore simbólica (elixida polo propio autor, e que neste caso é un abruñeiro), a colocación dun monolito conmemorativo ou a inauguración dun espazo público co nome do/a homenaxeado/a ou cun nome elixido polo/a homenaxeado/a.

Programa de actos
Sábado, 5 de xuño de 2010 (11:45 horas) – Parque Avda. de Barcelona (Santiago de Compostela): Plantación dun abruñeiro (árbore simbólica da escritora) e descubrimento do Monólito conmemorativo. Descubrimento da placa que atribúe o nome da homenaxeada ao parque. Interveñen: Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Aelg; Mercedes Queixas, secretaria xeral da Aelg; Xosé Sánchez Bugallo, alcalde de Santiago de Compostela; Marilar Aleixandre.

13,00 horas – Salón Nobre do Pazo de Raxoi (Santiago de Compostela): Acto de entrega da “Letra E”. Interveñen:Mercedes Queixas, secretaria xeral da Aelg; Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Aelg; Ana Romaní: Laudatio. Entrega da peza escultórica do artista Silverio Rivas. Intervención da homenaxeada: Marilar Aleixandre.

14,30 horas – Hotel-Restaurante “Palacio del Carmen” (Rúa das Oblatas s/n, Santiago de Compostela): Xantar de confraternidade aberto aos/ás socios/as da Aelg, á vecindade de Santiago de Compostela e demais persoas interesadas.
Sigue lendo

Campaña “En galego tamén se fai ciencia” promovida pola Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística

Xavier Alcalá from En galego tamén se fai ciencia on Vimeo.

Onte presentouse na sala de Consello de Goberno da Reitoría da Universidade da Coruña a campaña “En galego tamén se fai ciencia” promovida pola Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística e integrada polas tres universidades galegas. Esta campaña, en que participan investigadores/as de prestixio de diferentes ámbitos científicos, ten como principais obxectivos avalar a validez da lingua galega tanto para a docencia como para a investigación e contribuír á desaparición de preconceptos sobre as linguas.Da súa realización encargáronse os gabinetes de recursos audiovisuais e os servizos e/ou áreas de normalización das tres universidades, baixo a coordinación xeral da Universidade da Coruña, que tamén ofreceu asesoramento gráfico e informático.

Máis información en En galego tamén se fai ciencia.

Culleredo: presentación d’As pantasmas de auga, de Antón Riveiro Coello

Dentro do programa “Primavera das letras” comprácenos presentar o mércores 2 na Biblioteca da poesía Uxío Novoneyra de Vilamelania-Vilaboa o libro de relatos As pantasmas de auga, de Antón Riveiro Coello. Constitúe o número 16 da editorial artesanal Bourel, dirixida por Antonio Piñeiro. (Concellaría de Cultura de Culleredo)

Homenaxe a Marilar Aleixandre: fin de reservas

O sábado 5 de xuño a Asociación de Escritores en Lingua Galega celebra a XVI Edición “O/A Escritor/a na súa Terra”, recaendo este ano na figura de Marilar Aleixandre, que será homenaxeada en Santiago de Compostela. Se desexas acompañar a Marilar no xantar de confraternidade co que remata a homenaxe, informámoste de que o prazo para facer a reserva remata esta fin de semana xa que o luns 31 é a data tope que nos dá o restaurante para confirmar o número de asistentes ao xantar, non admitindo máis reservas a partires desa data.

ASOCIACIÓN DE ESCRITORES EN LINGUA GALEGA (AELG)
Horario: Luns a xoves, de 08:00 a 14:30 e de 15:30 a 17:30; venres de 08:00 a 14:00. Tlf./Fax: 981 133 233. Avda. de Alfonso Molina, s/n. Edif. de Sindicatos, 8º andar. 15008 – A CORUÑA.