X Semana do libro en Culleredo

ENCONTROS CULTURAIS DA PRIMAVERA 2010 (Do venres 16 ao venres 23 de abril)

Por décimo ano consecutivo a Concellería de Cultura do Concello de Culleredo a traveso das súas Bibliotecas Municipais “Xosé Cardeso Liñares” e “Uxío Novoneyra” de Vilamelania – Vilaboa e “Miguel González Garcés” de O Burgo, organizan para os días dende o venres 16 ao venres 23 de abril, a X SEMANA DO LIBRO DE CULLEREDO baixo o lema: “Algo máis que libros”, xa que a algunhas actividades de lectura e literarias, súmanse numerosos obradoiros de 3D, plastilina, de ilustración, de iniciación a banda deseñada, de poesía, ademais de actividades de comic, contacontos, de teatro, espectáculos poéticos, etc…

Nunha programación moi intensa, xa que serán nada menos que quince actividades diferentes, dirixidas a todos os públicos, con programación para adultos, xóvenes e programación para nenos/as, que serán sen dúbida os grandes protagonistas da semana, con actividades que en moitos casos é necesario inscribirse, desenvolvéndose nas bibliotecas municipais.

Todas estas actividades súmanse ás que regularmente se desenvolven nas bibliotecas dende o mes de setembro, na súa programación habitual, que é causante en gran medida, do gran aumento tanto en número de socios, préstamos e consultas, que supón o ano de mais afluencia dende a súa creación.

PROGRAMACIÓN

Venres 16
Ás 18:30 h.
Na biblioteca Miguel González Garcés do Burgo “Contaconto” a cargo de Marisa Irimia. “O coidador de porcos”.
(Nenos de 3 a 9 anos) – Entrada libre.

Luns 19
Ás 18:30 h.
Biblioteca “Miguel González Garcés” do Burgo e Biblioteca “Xosé Cardeso Liñares” de Vilamelania-Vilaboa. “Trae o teu libro preferido”.
Para nenos – Entrada libre.

Martes 20
Ás 11:00 h.
Biblioteca “Miguel González Garcés” do Burgo. Club de lectura: Comentar a lectura do libro “El juego de los abalorios”. Adultos.

Ás 18:30 h.
Obradoiro de ilustración, a cargo de María Lires.
(Nenos de 9 a 13 anos). Previa inscrición.

Ás 18:30 h.
Biblioteca “Xosé Cardeso Liñares” de Vilamelania-Vilaboa.”Instantáneas de plastilina”, a cargo de María Noel Toledo.
(Nenos a partir de 7 anos). Previa inscrición.

Mércores 21
Ás 11:30 h.
Biblioteca “Miguel González Garcés” do Burgo. Tertulia de arte: Comentar a vida e obra de Mondrian. Adultos

Ás 17:30 h.
Club de lectura: Comentar a lectura do libro “La música del hambre”. Adultos

Ás 18:30 h.
Contos con música: “Vento_Son” a cargo de Marisa Irimia e Juan Carlos Vázquez Otero.
(Nenos de 6 a 12 anos). Entrada libre.

Ás 20:30 h.
Servizos Múltiples do Burgo. “Cancións contadas/Contadas Cancións”. a cargo de Mon Santiso e Compañía.
Adultos. Entrada libre

Ás 18:30 h.
Biblioteca “Xosé Cardeso Liñares. Vilamelania-Vilaboa. “Obradoiro de poesía”.
(Nenos a partir de 4 anos). Previa inscrición.

Xoves 22
Ás 18:30 h.
Biblioteca “Xosé Cardeso Liñares” Vilamelania-Vilaboa. “Contaconto” a cargo de Marisa Irimia: “O coidador de porcos”.
(Nenos de 3 a 9 anos). Entrada libre.

Ás 18:30 h.
Biblioteca .Miguel González Garcés. do Burgo. “Obradoiro de iniciación á banda deseñada”, a cargo de Gochi.
(Nenos de 10 a 15 anos). Previa inscrición.

Venres 23
Ás 18:30 h.
Biblioteca “Miguel González Garcés” do Burgo. “Contos en inglés” a cargo de Conchi Fuentes.
(Nenos de 4 a 10 anos). Entrada libre.

Ás 20:00 h.
Bar “O Muíño”, Edificio de Servizos Múltiples do Burgo. Apertura da Biblioteca do Cómic.
(Mozos e adultos). Entrada libre.

Ás 20:30 h.
Edificio de Servizos Múltiples do Burgo. Teatro: “Comisaría especial para mulleres” a cargo de Salmonela Teatro.
Público Adulto – Entrada libre.

O CONCELLARÍA DE CULTURA

Campaña de animación á lectura do Concello de Santiago e Kalandraka

A Campaña de Animación á Lectura que organizan ata o 22 de maio o Departamento de Educación do Concello de Santiago e KALANDRAKA, en colaboración coa Galería Sargadelos, cumpre unha década ao servizo da comunidade escolar e educativa da bisbarra compostelá. Co lema “Un gran soño”, que non só é o título da obra galardoada co II Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado, senón tamén a expresión do camiño percorrido nestas dez edicións, a Campaña vólcase un ano máis en desenvolver actividades gratuitas para escolares, educadores, bibliotecarios e promotores da lectura, público familiar e, por primeira vez, prelectores e futuros creadores artísticos. A programación durará ata o 22 de maio na Galería Sargadelos, nas escolas infantís de Conxo, As Fontiñas, San Roque e Polígono do Tambre, e tamén no IES de Sar.

Máis información aquí.

Barcelona: actos pola Diada de Sant Jordi e do Día das Letras Galegas

As Filoloxías Galega e Portuguesa da Universitat de Barcelona organizan co gallo da Diada de Sant Jordi e do Día das Letras Galegas as seguintes actividades:

* Xoves 22 de abril de 2010 ás 18:00 (Aula 111): conversa entre os escritores Manuel Rivas e Màrius Serra “A boca da literatura: memoria, ecoloxía e lingua”; recital de Manuel Rivas “O máis estraño” (PDF).

* 10 ao 21 de maio de 2010 (Vitrinas da Biblioteca General): exposición bibliográfica “Uxío Novoneyra e a poesía experimental en Galicia” (PDF)

Máis información aquí.

Concurso “Lingua de amor” 2010

Xa está en marcha a cuarta edición do concurso de cancións e declaracións de amor en galego a través da internet. O Consello da Xuventude de Galicia (CXG), a través do seu Servizo de Normalización Lingüística, puxo en marcha a IV.ª edición de Lingua de amor, o concurso de cancións e declaracións de amor en galego a través da internet.

“Lingua de amor” ten como obxectivo principal estender o uso do galego como lingua habitual entre a xente moza nas súas comunicacións a través da rede. Establécense dúas modalidades de participación: declaracións e cancións de amor.Os premios serán os seguintes:

Modalidade 1 (Declaracións de amor en galego a través da rede)

Categoría A (de 14 a 19 anos): 1.º Un computador portátil Netbook; 2.º Unha consola Nintendo DSI XL; 3.º Unha cámara de fotos dixital.

Categoría B (de 20 a 35 anos): 1.º Un computador portátil Netbook; 2.º Unha cámara de vídeo dixital; 3.º Unha consola Nintendo DSI XL.

Modalidade 2 (Cancións de amor en lingua galega): 1.º Un computador portátil Netboo; 2.º Un iPod de 3.ª xeració; 3.º Unha consola Nintendo DSI XL.

Para participar no concurso só hai que rexistrarse na páxina do concurso. O prazo permanecerá aberto ata o 28 de maio de 2010 e para as votacións será do 29 de maio ata o 6 de xuño de 2010.

A Coruña: presentación de Xoguetes póstumos, de Emma Pedreira e de E alentar na túa rosa, de Paco Souto

A Galería Sargadelos e Caldeirón aprácense en convidalo/a á presentación dos libros Xoguetes póstumos, de Emma Pedreira (III Premio de poesía erótica Illas Sisargas) e de E alentar na túa rosa, de Paco Souto (Accésit III Premio de poesía erótica Illas Sisargas). O acto, que contará coa participación de Emma Pedreira, Paco Souto e Paco de Tano, terá lugar o vindeiro xoves, 15 de abril, ás 20,00 horas na Galería Sargadelos da Coruña (rúa Real, 56).

Presentación do DVD Canto de Permanencia, homenaxe a Uxío Novoneyra

A Asociación Socio-Pedagóxica Galega convida para a presentación do DVD Canto de Permanencia, homaxe a Uxío Novoneyra. O acto terá lugar o próximo xoves día 15 de abril ás 20:30 horas no Teatro Rosalía de Castro da Coruña. Contaremos coa actuación de Uxía Senlle sobre poemas de Novoneyra. A entrada é de balde até completar aforo.
[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/W5o68_rEq_8" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

Canto de permanencia é un documental creativo e obra experimental sobre unha selección de poemas dos libros Poemas Caligráficos, Os eidos, Do Courel a Compostela, Poemas da doada certeza e Arrodeos e desvíos do Camiño de Santiago e outras rotas. O documental combina os textos con imaxes do Courel, símbólicas na poesía de Novoneyra, e outras recreadas en estudio.
O guión pretende construír unha liña argumental na que o devir do tempo se referencia no paso das catro estacións, precedidas dunha obertura que nos sitúa no Courel, e seguidas dun epílogo de poesía máis intimista e carácter atemporal O final do documental Canto de permanencia é o auto-recitado de Letanía de Galicia en na voz do propio autor en abril de 1999.
Baixo o mesmo título inclúese A certeza de sermos. Son poemas recitados polo propio Novoneyra e até agora non divulgados, procedentes dos fondos documentais da AS-PG dun recital poético de 1988, e un cedido polo CIFP Ánxel Casal da Coruña datado en 1993. O audiovisual intercala fragmentos de discursos de Novoneyra, voz en off de Fernando Morán, co recitado dos poemas na voz do poeta. O común de textos e poemas é o seu carácter marcadamente social.
O dvd de Canto de permanencia contén tamén, como material extra, un recitado de versos de Manuel María, Méndez Ferrín, Mª Xosé Quizán, Bernardino Graña e García Bodaño dedicados a Uxío Novoneyra no acto de homenaxe celebrado no Teatro Principal de Santiago en 1999. Conta ademais con imaxes da rodaxe e a storyboard.

Presentación de Moncho Valcarce. Un símbolo para Galiza, de Victorino Pérez Prieto

Será o venres 16 na Biblioteca de Estudos Locais (Durán Loriga 10) ás 19:00, e no acto intervirán Victorino Pérez Prieto, Xácome Santos, Ramón Muñiz e Gumersindo Campaña, Xan Arias e María Xosé Bravo. Entrada libre até completar capacidade.

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/t1dGMwCmaig" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

A Coruña: Novo Club de Lectura en Galego, coordinado por Francisco Fernández Naval

Achegamos información relativa ao Novo Club de Lectura en Galego que, coordinado polo escritor Francisco Fernández Naval, comeza a súa andaina na Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés. Se está interesado, pode inscribirse por teléfono (981-170218/19) de 8:30-15 h. ou na Sala de Consulta da Biblioteca (15-20:20 h.).