IX Premio Literario “Carlos Casares”

Covocado polo LICEO DE OURENSE, na modalidade de MICRORRELATO

BASES

Primeira:
Convócase a Novena edición do PREMIO LITERARIO “CARLOS CASARES”, do Liceo de Ourense, na modalidade de Microrrelato.

Segunda:
Fíxase un PREMIO de MIL CINCOCENTOS EUROS.

Terceira:
Poderá concorrer a este premio calquera persoa que presente escritos inéditos da súa autoría cun máximo de tres, e redactados en calquera dos dous idiomas oficiais en Galicia.

Cuarta:
Os orixinais terán unha extensión máxima de mil cincocentoscaracteres, debendo presentarse por quintuplicado, e antes do 21 de maio do ano 2010, na Secretaría do “Liceo de Ourense”, sita na rúa Valentín Lamas Carvajal, 5. C.P. 32005 Ourense.

Quinta:
Con cada orixinal, que deberá ser presentado baixo lema, adxuntarase en sobre pechado o nome completo, enderezo e teléfono da persoa que concorre ó premio, así como o título definitivo da súa obra.

Sexta:
O Xurado estará integrado polo Presidente do Liceo de Ourense, os membros da Sección de Literatura, don Marcos Valcárcel López, dona Teresa Devesa Graña, dona Loly Conde Fernández, don Delfín Caseiro Nogueiras e Don Segismundo Bobillo Morgade, actuando como Secretario o Xerente do Liceo.

Séptima:
Se o Xurado o estimase oportuno, podería outorgar un ou varios accésits, fixando a súa dotación económica. Asimesmo poderá declarar deserto o premio, no caso de non se presentar obras que teñan un mínimo de calidade. O Fallo do Xurado será inapelable.

Oitava:
A entrega dos premios terá lugar nun Acto Literario enmarcado nas Festas do Liceo, que se celebrará o 28 de maio.

Novena:
O Liceo de Ourense resérvase o dereito de publicación da obra premiada, así como dos accésits no caso de habelos, feito que conlevará a renuncia do autor, ou autores premiados, a percibir os dereitos desta edición.

Décima:
Os orixinais que non resulten premiados, serán destruídos nun prazo de tres meses dende o día do fallo, agás que se reciba solicitude por escrito para a súa devolución.

Undécima:
A participación no Premio leva implícita a aceptación das presentes bases.

Ourense, 26 de marzo de 2010
A XUNTA DIRECTIVA

Vigo: hoxe María Xosé Queizán fala sobre Amor de tango

«O luns 12 de abril, ás 20.00 horas, a escritora María Xosé Queizán ditará unha conferencia no Salón de Actos da Escola Oficial de Idiomas de Vigo arredor de “Amor de tango e o Vigo da primeira metade do século XX”.

En Amor de tango María Xosé Queizán ofrece unha novela que reconstrúe o Vigo da república e da represión franquista a través dos recordos de Margot, unha das protagonistas. É a novela das mulleres que durante os esperanzados anos 20 e 30 foron rapazas activas, ilusionadas e decididas a descubrir o mundo. É a novela das traballadoras que espertaron á vida naquela urbe pioneira, atlántica e liberal que era o Vigo de preguerra. É a novela das obreiras das fábricas de sardiñas que están estreitamente ligadas están ao desenvolvemento industrial da cidade e da ría. É a novela dos trasatlánticos, das fábricas de salazón, do Cable Inglés, das grandes Navieiras, da emigración, do Berbés. Memoria viguesa, intimismo, historia miúda e persoal e retratos construídos desde un eficaz realismo constitúen os eixos sobre os que gravita este fermoso e inesquecible canto a Vigo e as mulleres que a poboaron.»

Edicións Xerais de Galicia

A Coruña: Klásicos, de Marcelino Fernández Mallo

«A Asociación Cultural Alexandre Bóveda informa que o vindeiro martes 13 de abril, terá lugar a presentación na Coruña do libro Klásicos de Marcelino Fernández Mallo, coa presencia xunto co autor, de Francisco Fernández Naval e Alberte Ansede. Será ás 20:30 h. no salón de actos da asociación. Entrada libre.
Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola UNED e MBA polo IMD, Escola de Negocios de Lausana. Desenvolveu a meirande parte da súa carreira profesional no sector financeiro galego. Publicou o ensaio De la peseta al euro, o libro de relatos Cabilia e as novelas A Trenza e Klásicos. Mantén a bitácora persoal A trenza

ACAB

Presentación do III Encontro Cidade da Coruña: “Literatura e viaxe”


Organizado pola Asociación de Escritores en Lingua Galega co patrocinio e colaboración da Concellaría de Cultura do Concello da Coruña, o luns día 12 de abril, ás 11,30 horas na Sala de Prensa do Concello da Coruña (Pazo de María Pita) foi presentado en rolda de prensa o III Encontro Cidade da Coruña, que se desenvolverá na sede da Real Academia Galega (rúa Tabernas 11, A Coruña), baixo o lema “Literatura e viaxe”, segundo o seguinte programa:

19 de abril
Juan Gelman: “Baixo chuvia allea”
28 de abril
Miguel Anxo Murado: “Inventar un lugar en vez dunha historia”
5 de maio
Hélia Correia: “A poeira falante”
11 de maio
Alberto Mangel: “O camiño da lectura”
19 de maio
Xabier P. Docampo: Viaxes imaxinarias”

Estiveron no acto de presentación: María Xosé Bravo (concelleira de Cultura do Concello da Coruña) e Cesáreo Sánchez (presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega)

Gabinete de Comunicación da AELG
Tel. 660 530 525
Correo-e: prensaarrobaaelg.org

Ourense: III Jornadas de História da Galiza

«De 15 a 24 de abril decorrerám na cidade de ourense as III Jornadas de História da Galiza. O prazo de inscriçom começou no passado dia 3 e encerrá a dia 14. O preço é de 30 euros para o público geral, e 15 € para desempregados/as, sócias/os da AGAL e das outras entidades organizadoras.

O evento está orgnanizado pola Associaçom Galega da Língua, A Esmorga, a Associação Sócio-Pedagógica Galaico-Portuguesa e o Instituto Galego de Estudos Celtas com a colaboraçom do departamento de Cultura da Câmara de Ourense e da Universidade de Vigo.

As Jornadas som computáveis por 19 horas com um diploma da Universidade de Vigo, válido para todo tipo de concursos -excepto sexénios-, e será entregue na última palestra. Ainda, na seqüência do evento haverá actividades lúdicas até 8 de maio.» (Portal Galego da Língua)

O Concello de Carballo convoca os Premios a artigos normalizadores

  • O Concello de Carballo promove a reflexión social sobre a situación da lingua galega coa sexta edición do seu premio a artigos xornalísticos
  • Outorgarase un premio de 1.200 euros e a difusión do artigo gañador nos 11 medios de comunicación que colaboran co certame
  • O obxectivo é promover a reflexión sobre a situación do galego e crear espazos nos xornais para promocionar o uso e prestixio da lingua galega
  • O prazo de admisión de artigos remata o 3 de maio

«O Concello de Carballo, desde o seu Servizo de Normalización Lingüística (SNL) e en colaboración con once medios de comunicación escrita, convoca por
sexto ano consecutivo o Premio a artigos xornalísticos normalizadores, un certame xa consolidado que ten como obxectivos promover a reflexión sobre a
situación social da lingua galega, crear espazos nos xornais para analizar e promocionar o uso e prestixio do idioma galego e promover o uso do galego na
prensa.

Ao certame pódense presentar artigos xornalísticos inéditos de opinión que traten algún tema concreto relacionado coa situación sociolingüística do noso país, coa defensa e promoción da lingua galega, co seu estatus, co argumentario en defensa do uso do galego, coa lexislación e os dereitos lingüísticos, con experiencias sociolingüísticas concretas, con propostas para o impulso do uso e prestixio social do galego, con experiencias útiles ou favorábeis para a dinamización da lingua, coa política lingüística en xeral ou nalgún ámbito ou situación determinada, etc.

Os artigos deberán ter entre 2.000 e 3.500 caracteres con espazos incluídos (entre 350 e 600 palabras, aproximadamente). O prazo de admisión estará aberto até o 3 de maio.Outorgarase un premio económico ao artigo gañador, dotado con 1.200 euros, ademais da difusión nos once medios colaboradores coa iniciativa: A Nosa Terra, A Peneira, Diario de Bergantiños, El Periódico de Bergantiños-Radio Líder, Galicia Hoxe, La Opinión de A Coruña, La Voz de Galicia, Longa Lingua, Tempos Novos, Vieiros e Xornal de Galicia.

Nas cinco edicións anteriores foron premiados/as autores/as como Xurxo Fernández Carballido, Olga Patiño Abeixón, Ana Rodríguez Barreiro, Ramón Vilar Landeira, Miguel Mosquera Fociños, Séchu Sende, Kiko Novoa, Xesús Fraga ou María Pilar García Negro.

As bases completas do premio poden consultarse no sitio web do Concello de Carballo. Tamén se pode obter máis información no teléfono 981 704 304 ou no enderezo electrónico: normalizadorarrobacarballo.org.»

Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo