Homenaxe musical de Maite Dono e Baldo Martínez a Uxío Novoneyra

A actriz, cantante e poeta Maite Dono e o contrabaixista Baldo Martínez presentan Sons-nús, un dúo no que combinan o jazz, o folklore e a libre improvisación empregando a poesía de Uxío Novoneyra como fío condutor. Os dous artistas homenaxean deste xeito ao escritor homenaxeado este no Día das Letras Galegas.

Eva Moreda gaña o V Premio Narrativas Quentes

A escritora Eva Moreda levou o V Premio Narrativas Quentes coa obra Organoloxía. O xurado acordou a súa decisión por unanimidade. A novela está ambientada nun conservatorio no que quedan pechadas accidentalmente seis profesoras de música, que aproveitan a noite para falar das súas experiencias eróticas, vencelladas cos instrumentos nos que son expertas. O libro, editado por Positivas, estará á venda a partir de maio

A Coruña: presentación de Moncho Reboiras e o nacionalismo dos anos 70

Mañá mércores 3 de marzo preséntase o libro Moncho Reboiras e o nacionalismo dos anos 70, editado pola Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas. O acto terá lugar ás 8 da tarde na Casa Museo Casares Quiroga (rúa Panadeiras 12), e contará coa presenza de Lois Diéguez Vázquez, director de Programación de Cursos e Publicacións da Fundación Bautista Álvarez; e Francisco Rodríguez Sánchez, doutor en Filoloxía Románica e autor dunha ampla obra investigadora e de ensaio en temas culturais e políticos.

Escairón: Xabier Quiroga presenta O cabo do mundo

O vindeiro sábado, 6 de marzo, ás 20:00 horas presentarase nas instalacións do Círculo Saviñao (rúa Pardo Bazán 17 de Escairón) O Cabo do Mundo, a cuarta novela de Xabier Quiroga. No acto acompañarán ao autor Enrique Sampil e Manuel Bragado. O Cabo do Mundo é unha das finalistas dos premios AELG na categoría de Narrativa.

Gondomar: encontro con Begoña Caamaño

Hoxe martes 2 de marzo celébrase unha nova sesión do club Sete Vidas centrada na lectura da novela da escritora viguesa Begoña Caamaño Circe ou o pracer azul (Galaxia, 2009). A cita será, coma sempre, a partir das 20.00 horas na Biblioteca Municipal de Gondomar. O encontro coa escritora terá lugar no mesmo espazo ás 21 horas.

Estaleiro Editora e Corsárias organizan as I Xornadas Galegas da Edición Independente

Estaleiro Editora e Corsárias organizan as I Xornadas Galegas da Edición Independente. As presentacións, palestras e debates realizaranse na Biblioteca Ánxel Casal de Santiago de Compostela entre o 2 e o 5 de Marzo. Cada jornada constará de dúas sesións diarias, a primeira ás 17h00 e a segunda ás 19h00 da tarde. As I Xornadas Galegas da Edición Independente finalizarán cunha festa chea de música, teatro e sorteos que se celebrará o venres día 5 de Marzo, ás 22h30, no Bar As Dúas.

Descargar programa completo das xornadas: PDF, 77 KB

Ourense: Jorge Emilio Bóveda presenta libro

O escritor ourensán e membro da AELG Jorge Emilio Bóveda tira adiante o libro SERES ESTARES PARECERES. VOCES COPULATIVAS, coa editora Liberlibro. Unha escolma de artigos publicados nos xornais mundourense.com e Ourense por Barrios, entre os anos 2007 e 2009. O libro, prologado por Javier González Róiz e José Antonio Santos, será presentado en Ourense o vindeiro 10 de marzo do 2010 no Centro Cívico da Rúa Colón de Ourense.