Fina Casalderrey, titora do VI Premio Biblos-Pazos de Galicia

Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil en 1996 e autora de máis de medio cento de libros, Fina Casalderrey (Xeve-Pontevedra, 1951) será a titora do gañador ou gañadra do 6º Premio Biblos-Pazos de Galicia de novela para menores de 25 anos. O prazo de presentación de proxectos remata o vindeiro 16 de marzo.

Pilar García Negro, XV Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais

Reunido o xurado, composto por Fernando Acuña Castroviejo (en representación do Concello de Castro Caldelas), Teresa Devesa Graña (en representación do Concello de Allariz) que enviou o seu voto por correo, Luís Martínez-Risco Daviña (en representación da Fundación Vicente Risco), Francisco Fernández Rei (en representación da Fundación Sotelo Blanco) e Xosé María Eguileta Franco (en representación da Fundación Vicente Risco e Fundación Sotelo Blanco), acordou por unanimidade:

1.-Valorar a calidade científica dos traballos presentados.

2.-Conceder o XV PREMIO “VICENTE RISCO” DE CIENCIAS SOCIAIS ó traballo
presentado co lema Firmiter in re, suaviter in modo e co título O clamor da rebeldía. O nacemento do ensaio na literatura galega contemporánea, simultáneo ao nacemento da conciencia de xénero: análise e interpretación de textos rosalianos. Aberto o sobre correspondente, a persoa gañadora resultou ser María Pilar García Negro, domiciliada na Coruña.

Trátase dun excelente ensaio no que a autora con gran madurez reflexiona sobre a figura de Rosalía non só como fundadora da literatura galega contemporánea senón tamén como membro dun colectivo que nunha situación totalmente adversa e de xeral desprestixio de Galicia e dos galegos soubo reivindicar a lingua galega e tamén a dignidade das galegas e galegos como pobo.

Este premio está dotado con 6.000 euros e a obra gañadora será publicada por Sotelo Blanco Edicións.

En Santiago de Compostela, a 27 de febreiro de 2010.

A Coruña: presentación do poemario Deconstruçom

A Asociación Cultural Alexandre Bóveda informa que hoxe venres 26 de febreiro terá lugar a presentación do poemario Deconstruçom de Susana Sánchez Aríns. Nesta presentación participará ademais da propria autora, o editor Miguel Anxo Fernán-Vello e Roberto Catoira. Será ás 20:00 h. no salón de actos da asociación, con entrada libre. Deconstruçom, editado por Espiral Maior, foi premiado co XXI premio nacional de poesia Xosé María Pérez Paralle.

Mañá darase a coñecer o fallo do Premio Vicente Risco

Os concellos de Allariz e Castro Caldelas e as Fundacións Vicente Risco e Sotelo Blanco comunican que o sábado, día 27 de febreiro, ás 12:30 horas, farase unha rolda de prensa, na sede da Fundación Sotelo Blanco, en San Marcos, Santiago de Compostela, onde o xurado da XV edición do PREMIO “VICENTE RISCO” DE CIENCIAS SOCIAIS dará a coñecer a súa decisión. Este xurado estará composto por: Teresa Devesa Graña, concelleira de Cultura do Concello de Allariz; Fernando Acuña Castroviejo, profesor da Universidade de Santiago; Xosé María Eguileta Franco, Arqueólogo Municipal do Concello de Ourense; Luís Martínez-Risco Daviña, en representación da Fundación Vicente Risco; e Francisco Fernández Rei, profesor da facultade de Filoloxía de Santiago de Compostela e académico, que actuará como Secretario. O premio “Vicente Risco” está dotado con 6.000,00 euros para a obra gañadora, que publicará Sotelo Blanco Edicións segundo acordo cos organizadores do premio.

Xurado do X Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño

Xa rematou o prazo de recepción de orixinais para a décima edición do Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño, organizado pola Agrupación Cultural Ergueitos e a Concellaría de Cultura de Sárria. Nesta décima edición recibíronse 86 poemarios. O xurado estará composto pola gañadora da oitava edición, Olalla Cociña; polo Presidente da Asociación de Escritores en Língua Galega, Cesáreo Sánchez Iglesias e polo editor e poeta Miguel Anxo Fernán-Vello, aos que acompañarán con voz e sen voto o Concelleiro de Cultura de Sárria, Xermán Arias e a Presidenta da A.C. Ergueitos, María Casar. O fallo do xurado será dado a coñecer o 27 de marzo nun acto público a celebrar na Casa do Concello de Sárria e a entrega do premio (6.000 euros e unha obra dun artista plástico galego) celebrarase a primeiros de maio no transcurso dun acto poético-musical.

Maside: Cesáreo Sánchez presenta o seu último libro

Mañá venres día 26 de febreiro, ás 15,30 horas, o poeta Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, vai presentar no C.P.I. de Maside (Ourense) o seu último libro O paraíso das sombras, nun encontro cos alumnos e alumnas do centro de ensinanza de secundaria. O autor aproveitará o acto para facer unha doazón de parte da súa biblioteca persoal á biblioteca do centro.

A Pobra de Caramiñal: presentación da novela gaañdora do Premio García Barros

A Asociación Cultural Barbantia, a libraría Ler d´A Pobra do Caramiñal e a Editorial Galaxia presentación este venres o libro Un tipo listo, Premio García Barros de novela, de Xosé Monteagudo. O acto celebrarase na libraría Ler d´A Pobra do Caramiñal a partir das 20:30 e nel estarán presentes o autor, así como Víctor Freixanes, director de Galaxia; Antón Riveiro Coello, presidente de Barbantia; Xosé Ricardo Losada, secretario de Barbantia; e os socios da entidade, María Xesús Blanco e Xerardo AgraFoxo.

Pontevedra: presentación da carpeta Homenaxe a Uxío Novoneyra

Este venres 26 de febreiro preséntase no Café Moderno de Pontevedra a carpeta Homenaxe a Uxío Novoneyra: Letras Galegas 2010. O acto comezará ás 20:00 e ten entrada libre. A carpeta será presentada máis adiante en Santiago de Compostela (o 5 de marzo, na Asociación O Galo) e Ferrol (12 de marzo, no Ateneo Ferrolán).

A AELG promove a lectura dun manifesto no Día de Rosalía

A Asociación de Escritores en Lingua Galega promove para hoxe mércores día 24 de febreiro a lectura dun manifesto conmemorativo do nacemento da escritora galega Rosalía de Castro, a celebrar en varias cidades do país. As cidades e horarios onde se lerá o manifesto son:

A Coruña, 18,00 horas. Monumento a Curros Enríquez. Coa colaboración da Concellaría de Cultura do Concello da Coruña. Lerán o manifesto: Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG; Mercedes Queixas, secretaria xeral da AELG, Manuel Rivas, Xavier Seoane e Luz Pozo

Compostela, 17,30 horas. Onde a estatua de Rosalía, no Paseo da Ferradura. Lerán o manifesto: Antía Otero e Marilar Aleixandre

Ferrol, 18,00 horas. Praza do Himno Galego. Lerá o manifesto: Rosa Méndez

Lugo, 18,00 horas. Rúa Nóreas, a carón da casa que fai esquina con Rúa San Pedro, onde viviu Rosalía de Castro entre 1864 e 1868. Lerán o manifesto: Isidro Novo e Antonio Reigosa

Pontevedra, 18,00 horas. Na estatua de Castelao, onda o Museo de Pontevedra. Lerá o manifesto: Luis Rei Núñez

Vigo, 19,00 horas. Rúa Real 12, onde a tipografía de Juan Compañel. Coa colaboración da Concellaría de Cultura do Concello de Vigo. Lerán o manifesto: Agustín Fernández Paz, Marta Dacosta, Álvarez Cáccamo e Mª do Carme Krukenberg