VIII Premio de literatura infantil e xuvenil Raíña Lupa

Coa ansia de fomentar a creatividade fabuladora dirixida ao mundo dos nenos e, ao mesmo tempo, facer memoria deste personaxe da lenda e dos contos populares en relación coas terras de Compostela, convócase o VIII Premio de
literatura infantil e xuvenil “Raíña Lupa”, dotado con 6.500 €. O prazo de recepción de orixinais remata o 15 de abril de 2010. Bases (PDF, 45 KB)

VIII Premio de Ensaio Manuel Murguía

Asumindo a significación que, no seu tempo, tivo Manuel Murguía como un intelectual preocupado por difundir e dignificar a cultura de Galicia, convócase o VIII Premio de Ensaio “Manuel Murguía” adicado ás ciencias históricas e dotado con 6.500 €. O prazo de recepción de orixinais remta o 15 de abril de 2010. Bases (PDF, 45 KB)

XV Premio de Poesía Miguel González Garcés

Dando continuidade ao que xa e unha tradición na convocatoria poética en lingua galega, e recollendo tamén o exemplo deste significativo escritor coruñés, a Deputación da Coruña convoca o XV Premio de poesía “Miguel González Garcés”, dotado con 6.500 €. O prazo de admisión de orixinais remata o día 15 de abril de 2010. Bases (PDF, 46 KB)

XXII Premio de Narrativa Torrente Ballester

Co obxectivo de contribuír a mellorar a calidade fabuladora e creativa que caracteriza aos nosos escritores, así como de homenaxear ao ferrolano Gonzalo Torrente Ballester, a Deputación Provincial da Coruña convoca o XXII Premio de Narrativa “Torrente Ballester”, dotado con 25.000 €. O prazo de recepción de orixinais remata o 1 de xullo de 2010. Bases (PDF, 46 KB)

VI Premio de banda deseñada Castelao

Tendo en conta, tanto por número como por calidade, o grupo de novos autores de historieta que teñen xurdido nos últimos anos en Galicia, e que compoñen un destacado colectivo que se considera o máis importante do panorama nacional, a Deputación da Coruña, sensíbel á significación que está a ter este sector da cultura galega, convoca o VI Premio de banda deseñada “Castelao”, dotado con 6.500 €. O prazo de recepción de orixinais remata o 31 de maio de 2010. Bases (PDF, 46 KB)

A Coruña: conferencia de Justo Beramendi

O vindeiro martes 9 de marzo, o historiador Justo Beramendi González falará sobre O nacionalismo galego nos finais do franquismo dentro do ciclo Economia, História e C.C. Sociais organizado pola Agrupaçom O Facho. Será ás oito do serán na aula de cultura Caixa Galicia (Médico Rodríguez nº 2, esquina Juan Flórez) na Coruña.

VII Premio “Os Bos e Xenerosos”

No ano 2004 a Asociación de Escritores en Lingua Galega (Aelg) puxo en marcha a homenaxe “Os bos e xenerosos”, un acto de recoñecemento da figura dun escritor/a ou colectivo que contribuíse a unha maior difusión pública da cultura galega desde o compromiso vital con Galicia.

Son “bos e xenerosos” Avelino Pousa Antelo (2004), o Museo do Pobo Galego (2005), a Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte… nas ondas! (2006), o Laboratorio de Formas de Galicia, singularizado na persoa de Isaac Díaz Pardo (2007), a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (2008), e Mariví Villaverde na edición do ano pasado.

Este 2010, a homenaxe alcanza os sete anos de vida co tributo que se renderá aos Concellos que participan no desenvolvemento do Premio Blanco Amor de Novela Longa, nun acto que se desenvolverá no Salón de Actos do Museo do Pobo Galego (Santiago de Compostela), o sábado 6 de marzo ás 12,00 horas da mañá, segundo o seguinte programa:

12,00 horas
Acto musical a cargo de Xabier Díaz

12,15 horas
Intervención de Cesáreo Sánchez Iglesias, Presidente da AELG
Lectura da acta de concesión do Premio por Mercedes Queixas, Secretaria Xeral da AELG
Laudatio, pronunciada por Francisco Castro
Intervencións do Alcalde de Redondela (primer concello que organizou o “Premio Blanco Amor”) e da Concelleira de Cultura do Concello de Poio.
Entrega dunha placa conmemorativa ao Concello de Poio, organizador do “Premio Blanco Amor” deste ano
Entrega de diplomas a todos os Concellos organizadores.

Ferrol: actos na Sargadelos polo Día da Muller Traballadora

Mañá venres 5 de marzo ás 20.00 horas a Galería Sargadelos de Ferrol conmemora os 100 anos do Día da muller traballadora e os 125 anos da morte de Rosalía de Castro, nun acto no que se falará sobre a problemática dos servizos sociais e o modo en que afecta á muller. Participarán no acto: Ana Luisa Bouza, Deputada no Parlamento Galego, Jéssica Fernández Polo, responsable da muller en Galiza Nova, e Mª Paz Díaz, profesora de lingua e literatura galegas.

A Coruña: presentación dun poemario de Rosalía Fernández Rial

O venres 5 de marzo ás 20:00 no local da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º) preséntase o poemario musical En clave de sol de Rosalía Fernández Rial. A autora estará acompañada por Olga Patiño Nogueira e Emma Pedreira; o recital contará ademais coa participación do músico Brais Morán.

Alberto Pena gaña o Premio Francisco Fernández del Riego de xornalismo

O xurado do VII Premio Francisco Fernández del Riego de xornalismo, composto por Alfredo Conde Cid, Víctor Fernández Freixanes, Manuel Fernández Areal e Carlos Valle, outorgoulle onte o galardón a Alberto Pena polo texto titulado Cousas da lingua, publicado no Diario de Pontevedra. O premio está dotado con doce mil euros.