
A Coruña: conferencia de Xosé María Álvarez Cáccamo


Hoxe venres, 11 de decembro, ás 20,00 horas, no Salón de Actos do IES Laxeiro (Avda Bos Aires, 71, Lalín) será presentada por vez primeira O Cabo do Mundo, a cuarta novela de Xabier Quiroga. Acompañarán ao autor no acto Uxío Grande (Director do IES Laxeiro) e o editor Manuel Bragado.
A Sección de Literatura do Liceo de Ourense convoca unha nova edición do Roteiro “A Esmorga” a celebrar hoxe venres 11 de decembro. O inicio do Roteiro terá lugar ás 20,00 horas no lugar de saída habitual, na Avenida de Zamora, para logo irse desprazando ao longo da cidade medieval polos mesmos espazos físicos e emotivos que percorreron os personaxes da inmortal novela de Eduardo Blanco Amor. Cando se cumplen cincuenta anos da primeira edición d’A Esmorga a Sección de Literatura quere convidar a todos os ourensáns a participar neste novo Roteiro que se pechará diante da Estatua do escritor ourensán na Praza do Bispo Cesáreo, rematándo cun “viño galego” na Sala de Tertulia do Liceo.
O próximo sábado 12 de decembro, ás 12:00 horas, no Paraninfo da Universidade da Coruña (Mestranza, s/n) terá lugar o acto de recepción como académico de número do escritor Manuel Rivas Barrós, quen dará lectura ao discurso de ingreso A boca da literatura (Memoria, ecoloxía e lingua), e a quen responderá en nome da Academia Xosé Luís Axeitos Agrelo.

Hoxe xoves 10 de decembro de 2009, ás 20.30 horas, no Círculo das Artes de Lugo, terá lugar a homenaxe a Manuel María Versos para sempre cantar polo seu quinto cabodano. Haberá un recitado de poemas a cargo de Santiago Fernández e Isidro Novo, e a representación da obra Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela, peza dramática de Manuel María, musicada por Nani García e interpretada pola actriz María Inés Cuadrado e o cuarteto de clarinetistas “Xerión”. A entrada é de balde até completar aforo. Organiza a Área de Cultura e Deporte da Vicepresidencia primeira da Deputación de Lugo. Colaboran a Fundación Manuel María e a Asociación de Escritores en Lingua Galega.

O ciclo de recitais poéticos dirixido pola poeta Yolanda Castaño e organizado pola Concellaría de Cultura do Concello da Coruña chega este próximo martes 15 á segunda das súas citas mensuais. Se as lecturas sempre reúnen a un/ha poeta galego/a xunta outro/a de fóra de Galicia, nesta ocasión será a grande dama da poesía galega, Luz Pozo Garza, quen faga parella con Luis García Montero, un dos nomes máis recoñecidos e recoñecibles da poesía española actual.
Ao remate dos actos, os autores poden asinar os seus libros para todos aqueles lectores que llo soliciten, quen tamén poden adquirir alí mesmo os títulos que lles falten. Antes, entre as 18h e as 19h de cada unha das xornadas do ciclo, no hall do Hotel NH Atlántico habilitarase un espazo e un tempo que os poetas convidados podan dedicar á prensa interesada.
Descargar folleto informativo en PDF
Recordámosvos a celebración hoxe de dous actos xa anunciados a semana pasada: o recital poético en homenaxe a Miguel González Garcés na biblioteca que leva o seu nome na Coruña, coa participación de Xavier Seoane, Xulio López Valcárcel e Miguel Anxo Fernán-Vello; e a presentación do libro Escapado de Luís Lamela, ás 20 horas na biblioteca Uxío Novoeneyra de Vilaboa, Culleredo.
Esta semana visita o programa a escritora viguesa María de los Ángeles Alfaya Bernárdez, coñecida no mundo literario como An Alfaya. A autora preséntanos a súa terceira novela para adultos, Areaquente. Unha historia na que un fotógrafo, Cristovo do Val, se adentra nun espazo desértico e inhóspito. De Areaquente falaremos coa escritora no MARCO, o museo de arte contemporánea de Vigo.
Ademais, coñeceremos á familia máis popular de Galicia, Os Bolechas. Falaremos co seu creador, Pepe Carreiro que nos contará cáles son os segredos deste fenómeno editorial.
Conversaremos con César Antonio Molina sobre a súa última novela Lugares donde se calma el dolor, o cuarto volume das súas memorias.
Tamén faremos un repaso pola traxectoria da editorial Rinoceronte. A piques de cumprir os cinco anos esta editorial, especializouse en traducións ó galego de literatura estranxeira.
Na sección de Libros na Rede, visitaremos a páxina web do ilustrador David Rubín. A través da súa páxina coñeceremos os traballos do artista no mundo do cómic.
Todo isto o 8 de decembro á noite despois da película dos martes, na Televisión de Galicia. Tamén poden ver o programa na G-2 (TDT) o mércores ás 20:00 horas. Ademais poden achegarse ao noso programa a través da nosa páxina web.
O libro O Cabo do Mundo de Xabier Quiroga será presentado o vindeiro venres, 11 de decembro, ás 20,00 horas, no Salón de Actos do IES Laxeiro, Avda Bos Aires, 71 en Lalín. No acto intervirán Uxío Grande (Director do IES Laxeiro), Manuel Bragado (Director de Xerais) e Xabier Quiroga.