
Barcelona: enVERS GALíCIA, Nits de poesia & música


Mañá mércores 25 ás 20 horas na Biblioteca de Poesía Uxío Novoneyra de Vilaboa terá lugar a presentación do poemario A luz e as súas cicatrices de Eva Veiga, dentro do ciclo Palabra de Muller. A entrada é libre.
Este venres 27 de novembro no Museo Valle-Inclán d´A Pobra do Caramiñal presentarase a partir das 20:30 o V Anuario de Estudos do Barbanza (Anuario 2009), que será nesta ocasión un monográfico adicado ao escritor e socio co-fundador de Barbantia, Anxo Rei Ballesteros; coa presenza dos coordinadores do volume, Manuel Cartea e Román Arén. A seguir preséntase o texto de Anxo Rei A flor da boca, editado por Barbantia e mais a Deputación Provincial d´A Coruña. Rematará o acto coa entrega dos Premios Barbantia da Cultura 2009, acto que dirixirá e
presentará Alberto Piñeiro, coordinador de Barbantia. Os premios son os seguintes:
Premio Barbantia 2009 á traxectoria cultural no Barbanza: Xosé Ramón España Lorenzo.
Premio Barbantia 2009 á iniciativa cultural no Barbanza: Grupo de teatro “Airiños”.
Premio Barbantia 2009 da Cultura Galega: Xosé Luís Axeitos Agrelo.
O xoves 26 de novembro, ás 18 horas, no centro cultural de Caixagalicia en Vigo (Rúa Policarpo Sanz, nº 15), Carlos Nuevo Cal e Emilio Xosé Ínsua darán a conferencia Maruja Mallo: de prometedora pioneira a artista universal, que tamén é o título do ensaio polo que recibirán ao día seguinte, venres 27 de novembro, ás 21 horas, o 23º premio de ensaio Ánxel Fole no Círculo das Artes de Lugo. A entrada é libre.
O xoves 26, ás 20:00 horas, terá lugar a presentación d’ O paraíso das sombras, de Cesáreo Sánchez Iglesias. Será na Galería Sargadelos de Lugo, onde acompañarán o autor Marica Campo e Isidro Novo.
[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/O7v4m7_nC2s" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

O mércores 25 de novembro preséntase en Santiago o número 183 da revista Grial, dedicado a Anxo Rei Ballesteros. O acto terá lugar na Fundación Torrente Ballester (Rúa do Vilar, 7) ás 20 horas e contará coa participación de Dolores Vilavedra, Carlos Fernández, Víctor Freixanes e Basilio Lourenço.
O club de lectura Gálix Tendendo redes organiza unha mesa redonda que leva por título A fráxil existencia, temática escollida para o mes de novembro polo club, e que aborda eses libros que teñen como fondo de reflexión os inadaptados sociais, os seres humanos que dun xeito ou doutro se sitúan nas periferias da sociedade.
Nesta mesa redonda participarán a escritora Concha Blanco, que centrará as súas reflexións no tratamento desta temática da súa novela Nano; o escritor Marcos Calveiro, que centrará as súas reflexións no tratamento desta temática dentro da súa novela Rinocerontes e quimeras e a escritora Rosa Aneiros, que centrará as súas reflexións no tratamento desta temática na súa última obra Ás de bolboreta. Modera a mesa Ánxela Gracián. O acto terá lugar o xoves 26 de novembro de 17 a 19 horas no Consello da Cultura Galega (pazo do Obradoiro, Santiago).
O vindeiro xoves 26 de novembro terá lugar en Pontevedra unha tertulia arredor da novela de Suso de Toro Sete palabras, que contará coa intervención, ademais do autor, do editor Manuel Bragado. Será a partir das 20,00 horas, na sede da Fundación Caixa Galicia, no Edificio Café Moderno de Pontevedra.
O ensaio Historia social da Guerra da Independencia en Galicia de Xosé R. Barreiro Fernández será presentado o vindeiro mércores, 25 de novembro, ás 20,00 horas, na Galería Sargadelos (rúa Nova, 16) de Santiago de Compostela. O acto contará coa participación de D. Xosé Manuel Beiras Torrado, catedrático de Estrutura Económica da Universidade de Santiago de Compostela, D. Xusto Beramendi González, catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela, D. Manuel Bragado, director de Xerais e do Excmo. Sr. D. Xosé R. Barreiro Fernández.
«Eu ou nós? é o lema do IV Encontro de Novos Escritores que se celebrará no Castelo de Santa Cruz, Oleiros, os vindeiros días 20 e 21 de novembro. A iniciativa, desenvolvida pola Asociación de Escritores, analizará cuestións coma a literatura (auto)referenciada, a autoedición, a presenza da patria na creación ou os últimos movementos na poesía. Como novidade, desta volta a organización creou un blog no que os diferentes participantes adiantan as súas intervencións no evento na forma de videos e doutros contidos.» (culturagalega.org)