Publícase o DVD Un paseo con Jenaro Mariñas del Valle

Como remate ao conxunto de actos que celebraron o centenario do nacemento de Jenaro Mariñas del Valle, publícase o DVD Un paseo con Jenaro Mariñas del Valle. A Coruña galeguista que recolle o roteiro guiado por Filipe Senén e Henrique Rabuñal o pasado 27 de febreiro e que culminou coa descoberta dunha placa na última casa na que viviu o autor de A Gaiola. Ao longo dos 45 minutos de roteiro Felipe Senén e Henrique Rabuñal contan e cantan a Coruña medieval, a pescaría e o ensanche e fan un repaso das grandes figuras da historia cultural coruñesa: Lugrís Freire, Tenreiro, González Villar,Curros, Picasso, Manuel Ferrol, Francisco Asorei, Ánxel Casal, Leandro Carré, Euxenio Carré, Pondal, Eusebio da Guarda, Linares Rivas, Daniel Carballo, Xoana de Vega, Murguía, Castelao ou Simón Rodríguez. O documental pode verse neste enderezo.

Antía Otero: ‘O motor literario está en marcha e non o deterán decisións políticas’

«Antía Otero é unha das autoras que se reunirán esta fin de semana no Castelo de Santa Cruz (Oleiros), nos IV Encontros de Novos Escritores e Escritoras, que organiza a Asociación de Escritores en Lingua Galega. Desta vez se preséntanse baixo o título ‘Eu ou nós?’ e reflexionarán reflexionar sobre o futuro, os intereses e a produción literaria destes novos valores. O ‘risco’ ten que ser, ao ver de Antía Otero, o pasaporte destes creadores que ‘sen deixar de aprender do pasado’ non deben esquecer ‘tomar a palabra cara a adiante e sen medo’.» (Ver entrevista n’ A Nosa Terra)

A Coruña: presentación do Teatro incompleto de Henrique Rabuñal

Hoxe xoves 19 ás 8 da noite terá lugar no estudio Casahamlet na Coruña (Rúa Alfonso VII) a presentación do libro Teatro incompleto (Laiovento) de Henrique Rabuñal co que o autor celebra os seus 25 anos na literatura galega. O volume, ilustrado por Sindo Cerviño, incorpora oito pezas teatrais. No acto participarán Francisco Pillado e Manuel Lourenzo e actores e actrices do estudio Casahamlet que lerán algúns dos textos.

Santiago: presentación de Ás de bolboreta

O vindeiro xoves 19 de novembro preséntase en Santiago Ás de bolboreta, a novela de Rosa Aneiros gañadora do Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil 2009. O acto contará coa participación de Pedro Lucas, Rosa Aneiros e Manuel Bragado e comezará ás 19,30 horas na Biblioteca Fundación Caixa Galicia (Frei Rosendo Salvado14-16 de Santiago).

A Coruña: presentación do novo libro de Xosé R. Barreiro Fernández

O libro Historia social da guerra da independencia en Galicia de Xosé R. Barreiro Fernández preséntase na Coruña o vindeiro mércores 18 de novembro, nun acto que contará coa participación do Excmo. Sr. D. José María Barja Pérez, Reitor Magnífico da Universidade da Coruña; do Excmo. Sr. D. Gonzalo de la Huerga Fidalgo, Ex-Presidente da Sala do Contencioso Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e Conselleiro do Consello Consultivo de Galicia; D. Manuel Bragado, Director de Xerais e do Excmo. Sr. D. Xosé R. Barreiro Fernández. Será a partir das 20,30 horas, na Librería Arenas (Cantón Pequeno, 25, A Coruña).