O libro Soñadores e familia. Os personaxes na narrativa de Álvaro Cunqueiro de María Xesús Nogueira Pereira preséntase hoxe martes 27 de outubro ás oito da tarde na Librería Couceiro de Santiago. No acto intervirán as profesoras e escritoras María López Sández e María do Cebreiro Rábade Villar, Antonio Puentes Chao, director editorial de 3C3, e a propia autora.
EU OU NÓS? ~ IV Encontro de nov@s escritor@s
Do 20 ao 21 de novembro celebrarase en Sta. Cruz, Oleiros (A Coruña), o Encontro de novas/os escritoras/es a que anualmente a AELG se vén comprometendo. Este evento máis unha vez será un espazo para o diálogo sobre os camiños que as novas letras galegas están a tomar na escena do noso sistema literario.
Mais nesta ocasión a Asociación quixo asumir as potencialidades que as tecnoloxías da información poñen ao dispor da cidadanía para tentar multiplicar as posibilidades de diálogo así como a divulgación dos asuntos a debate.
Deste modo, o Encontro presencial que terá lugar no Castelo de Santa Cruz está a ser prologado por un blogue específico en que as/os relatoras/es adiantan as súas teses mediante documentos dixitalizados, visuais e audiovisuais. Estes contidos preliminares, disponíbeis desde xa no blogue “EU OU NÓS? IV Encontro de nov@s escritor@s”, anticipan as materias que serán tratadas nas mesas de traballo (ver programa) e favorecen a eficacia da reflexión, á que se convida toda persoa interesada na literatura galega.
Premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón
O Concello de Dodro, para honrar a memoria do seu ilustre poeta e contribuír á promoción da poesía galega, manifestación sobranceira da nosa literatura, convoca a XXiI edición do PREMIO EUSEBIO LORENZO BALEIRÓN. Poderán concorrer a este certame as poetas e os poetas que o desexen, con cadanseu libro escrito en lingua galega, segundo a normativa vixente. Os poemarios aspirantes ao premio serán de tema e forma libres, cunha extensión mínima de 500 versos e máxima de 800. Deberán ser orixinais e estar inéditos na súa totalidade, condición que se estende ao soporte dixital. No momento do fallo do certame, non poderán estar presentados a ningún outro concurso. O prazo de presentación remata o 21 de novembro. A dotación do Premio, único e indivisible, será de 2.300 euros. [Descargar bases en PDF]
Gondomar: encontro con Marcos Calveiro arredor de Festina lente
A libraría Libraida, en colaboración con Edicións Xerais, organiza un encontro co escritor Marcos Calveiro, autor de Festina lente, a novela proposta no club de lectura Sete Vidas para o mes de outubro. O acto, presentado polo profesor Manuel Candelas, celebrarase este venres, 23 de outubro, ás 20.30 horas na libraría Libraida (Rosalía de Castro núm. 13, Gondomar).
Faleceu Anisia Miranda
A escritora galego-cubana Anisia Miranda faleceu hoxe aos 76 anos de idade. Compañeira desde hai máis de cincuenta anos do escritor Xosé Neira Vilas, con quen casou en 1957, Anisia Miranda é autora dunha importante obra en galego dirixida ao público infantil, con títulos coma Pardela amiga, Cantarolas, Os contos do Compay Grilo, A primeira aventura, A casa dos títeres, A volta do Compay Grilo e Mitos e lendas da vella Grecia.
Alfredo Gómez Cerdá, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil
Alfredo Gómez Cerdá (Madrid, 1951) foi galardonado co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil correspondente a 2009 pola súa obra Barro de Medellín. O Premio concédeo o Ministerio de Cultura para distinguir unha obra de autor español, escrita en calquera das linguas oficiais do Estado e editada en España durante 2008. Está dotado con 20.000 euros. [Ler nota de prensa do Ministerio de Cultura]
Santiago: acto pacifista o domingo 25

A Coruña: conferencia de Pilar García Negro e Xoán Costa
Mañá xoves na Casa Museo Casares Quiroga da Coruña (Panaderas, 12) e dentro do ciclo “Represión e defensa dos dereitos lingüísticos en Galiza” poderemos escoitar a conferencia Represión lingüística no ensino en Galiza, por María Pilar García Negro e Xoan Costa. Será ás 19:30, con entrada libre até completar capacidade.
Vilaboa: sábado á tarde, polafía de Figueirido
Este próximo sábado 24 de outubro de 2009 ás 6 da tarde terá lugar a polafía de Figueirido, concello de Vilaboa, na Casa de Cultura da parroquia de Figueirido. Intervirán Felicia Insuela (de Vilaboa), Dolores Pereira, Marcial Cortegoso e Solita Pazos (de Salcedo), Lino Lage, Rosario García, Pablo Carro, Carmen Neira (de Iomeza), Alberte Gulías, autor da escultura “A moura do río dos Gafos” e Isidro Novo, ademais do grupo de música tradicional “Os Chichisos”.
As polafías son unha proxecto da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), coordinado polo Vogal de Literatura de Tradición Oral, Antonio Reigosa, que conta coa colaboración de diversas asociacións e institucións. A palabra polafía é un neoloxismo referido ás reunións ou veladas de carácter festivo con contidos literarios e musicais, e ten como obxectivo primordial o de poñer en valor e rescatar do esquecemento o valioso patrimonio oral, literario e musical, galego. O formato das polafías require a presenza dun mantedor, divulgador ou especialista que introducirá e comentará as principais características das pezas e xéneros literarios amosados, dun recitador de poesía anónima ou de autor de feitío popular; dun músico, que interpretará romances, coplas ou cantares de raiceiras tradicionais. Sen embargo, o elemento humano transcendental e imprescindible no desenvolvemento de cada polafía constituírano os homes e mulleres, narradores, cantadores, romanceadores…etc, veciñas e veciños de cada lugar onde se desenvolva a polafía, pois eles son os auténticos protagonistas, os que xenerosamente transmiten o seu saber.
A Coruña: poesía e música para loitar contra o cancro de mama
Hoxe mércores terá lugar no Centro Social Caixanova (Avda. da Mariña – esquina rúa Fama) un recital poético-musical a cargo de Olga Patiño, Ánxeles Penas e Xulio L. Valcárcel, co acompañamento musical de Teresa Méndez (violín) e Brais Morán (guitarra) e as imaxes de Maribel Longueira. Organiza a Asociación Galega de Mulleres afectadas por Cancro de Mama. Será a partir das 20:00 con entrada libre até completar capacidade.