Ourense: presentación d’ O paraíso das sombras, de Cesáreo Sánchez

O xoves 5, ás 20:00 horas, terá lugar a presentación d’ O paraíso das sombras, de Cesáreo Sánchez Iglesias. Será na libraría Torga, de Ourense, onde acompañarán o autor Francisco X. Fernández Naval e Tucho Calvo.
[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/O7v4m7_nC2s" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

Vía O levantador de minas.

Guitiriz: Isaac Díaz Pardo, chairego de honra

Organizada por Xermolos, a homenaxe a Isaac Díaz Pardo terá lugar este sábado 7 de novembro en San Alberte, Guitiriz. O acto consistirá nunha mesa redonda coa participación de Martiño Noriega, Andrés Varela, Ramón Villares, Carme Blanco, Felipe Senén e Xosé Ramón Fandiño, seguida por un xantar no hostal La Casilla e a actuación de Mini e Mero. Para máis información e reservas, chamar ao 646 41 38 90. [Descargar PDF]

A Coruña: Xurxo Souto homenaxea á orquestra Os Satélites

O vindeiro xoves, ás 20.30 horas, no local da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda (rúa dos Olmos, nº 16/18, 1º), Xurxo Souto recitará un poema longo titulado Satélites, Carta Astral. Os Satélites -a gran orquestra coruñesa- cumpre 70 anos e vaino celebrar este venres, cun concerto no teatro Colón. Na véspera do evento Xurxo Souto quere renderlle homenaxe coa lectura destes versos. O propio poema tamén está de aniversario, pois foi escrito hai vinte anos e recitado por primeira vez na Galería Sargadelos de Santiago, o 4 de abril de 1989.

En Satélites, Carta Astral, encóntrase a tradición nutricia da Grecia Clásica coa exuberancia tropical. Entre glosas de música caribeña, o autor acode a varias referencias helénicas -presentes na estética musical contemporánea- que acadan a súa apoteose no preciosismo desta orquestra.

Pontevedra: presentación da novela Pirata de María Reimóndez

Hoxe mércores, 4 de novembro, ás 20:30 horas, na Galería Sargadelos de Pontevedra (rúa Oliva 22) presentarase Pirata, a máis recente novela de María Reimóndez. No acto, coorganizado polo Ateneo de Pontevedra e Xerais, acompañarán á autora, Mª Xesús Fariña Busto, o músico Xabier Díaz e o editor Fran Alonso.

Unha obra de Manuel Rivas, libro de lectura nas escolas de Timor Oriental

O libro A lingua das bolboretas de Manuel Rivas foi traducido á lingua tetun, co-oficial de Timor Oriental. A edición bilingue de Borboleta sira-nian nanál será incorporada ao curriculum escolar como libro de lectura para todas as escolas de Timor e tamén para as campañas de alfabetización de adultos. A obra incorpora un prólogo de José Ramos Horta, Presidente da República de Timor e Premio Nobel da Paz.

O libro foi presentado hoxe en Madrid nun acto aberto ao público celebrado no centro de Casa Asia (Palacio de Miraflores, Carrera de San Jerónimo, 15, 1ª planta) ás 11:30. A presentación correu a cargo de Manuel Rivas, escritor do relato A lingua das bolboretas; un representante de AECID; Luis Caparrós, Vicerreitor de Cultura e Comunicación da Universidade da Coruña; María Xesús Pena Castro, Presidenta de ALGA; Teresa Gutiérrez del Alamo, directora de programas do Centro Casa Asia (Madrid), e Luis Gárate Castro, profesor da UDC e codirector do Proxecto Bolboreta.

A Coruña: conferencia de Miguel Barros

Hoxe martes 3 de Novembro Miguel Barros Puente intervirá dentro do ciclo Economia, História, e Realidade Social organizado por O Facho cunha palestra que versará sobre a figura de Ramón Piñeiro: Unha lectura revisionista do Nacionalismo. Será a partir das oito do serán na Fundación Caixa Galicia da Coruña (no Cantón Grande).

A Coruña: recital de “Poesía e Ciencia na Mostra de Ciencia e Cinema

Dentro da Mostra de Ciencia e Cinema hoxe mércores ás 20:30 terá lugar no Teatro Rosalía de Castro un recital poético co título POESÍA + CIENCIA no que participarán Marica Campo, Emma Couceiro, Estibaliz Espinosa, Alfredo Ferreiro, Manuel Rivas e Xavier Seoane. O acto estará presentado por Lucía Aldao e contará coa actuación musical de Guadi Galego, Guillermo Fernández e Xabier Díaz. A entrada é de balde.

Ferrol: presentación da novela de Rosa Aneiros gañadora do Premio Xerais

Mañá mércores, 28 de outubro, ás 20:00 horas na Galería Sargadelos de Ferrol realizarase a primeira presentación de Sol de Inverno, a novela de Rosa Aneiros gañadora do Premio Xerais 2009. No acto acompañarán á autora Sonia Díaz Pereiro e Manuel Bragado.