A escritora María Reimóndez foi declarada onte gañadora da VIII edición do Premio Plácido Castro de Tradución en Lingua Galega polo seu traballo coa obra inglesa Mary Prince, unha escrava das indias occidentais, escrita pola propia Mary Prince en 1831. A decisión do xurado, reunido en Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), foi tomada por unanimidade por tratarse “dun texto fundamental na loita pola abolición da escravitude no mundo” traducido ao galego por María Reimóndez no que constitúe a súa primeira versión nun idioma peninsular. [Ler noticia completa en Xornal de Galicia]
Os Encontros Galeusca chegan á súa XXVI edición
A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), Euskal Idazleen Elkartea (EIE) e a Associació d´Escriptors en Llengua Catalana (AELC) celebran todos os anos os encontros Galeusca. A XXVI edición dos encontros Galeusca celebrarase en Arantzazu (Gipuzcoa) entre o 9 e o 12 deste mes de outubro.
O tema central é Pequenas Literaturas, grandes retos, subdividido en cuatro temas específicos: Estructuración (papel das asociacións, perfil dos socios, Federación Galeusca…); Autoría (dereitos de autor); Socialización (afección á lectura, os xoves, novos soportes…), e Difusión (cómo difundir, tanto no entorno máis inmediato como no ámbito internacional, as literaturas escritas en lenguas minorizadas).
A delegación galega que asistirá á XXVI edición dos encontros Galeusca está formada polos escritores e escritoras: Alfredo Ferreiro, Antía Otero, Antón Riveiro Coello, Armando Requeixo, Cesáreo Sánchez, Dores Tembrás, Eva Moreda, Fran Alonso, Francisco Castro, Laura Caveiro, Marcos Calveiro, Mercedes Queixas, Paco Souto e Rexina Vega
Ourense: presentación dun libro de Xesús Alonso Montero
O Liceo de Ourense e Edicións Xerais de Galicia convidan a presentación do libro Cartas de republicanos galegos condenados a morte (1936-1948) de Xesús Alonso Montero. O acto, que contará coa participación de Manuel Bragado e Xesús Alonso Montero, terá lugar o vindeiro luns, 5 de outubro, ás 20,15 horas, na Aula de Cultura do Liceo de Ourense.
Entrevista a Xabier P. Docampo en A Nosa Terra
“Reivindicamos que se cumpra a lei e que se garanta o status real da lingua propia de Galiza. Existe unha lingua maioritaria que conta con todas as beizóns, que ninguén atacou nunca e que mesmo conta coa meirande parte dos medios de comunicación ao seu favor. Podemos comprobar como hai medios privados subvencionados con cartos públicos e que non benefician en absoluto o galego, senón todo o contrario. Nós queremos que o galego acade un status semellante ao do castelán –que goza dunha situación vantaxosa malia non ser o noso idioma propio–. Hoxe en día, non se está a dar a verdadeira cooficialidade”. [Ler entrevista completa a Xabier P. Docampo]
Premio Alta Capacidade Galega 2009 para Avelino Pousa Antelo
A Asociación de Altas Capacidades de Galicia vén de facer público o fallo do seu Premio Alta Capacidade Galega 2009, que recaeu nas persoas de D. Ángel Carracedo Álvarez e D. Avelino Pousa Antelo. O acto terá lugar o sábado 10 de outubro, ás 12h, no Salón de Actos da Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago (Campus Sur), e contará coa actuación musical de Emilio Cao e con presentación do Profesor Jorge Mira.
Juan Carlos Mestre, Premio Nacional de Poesía
Juan Carlos Mestre (Vilafranca do Bierzo, 1957) foi galardonado co Premio Nacional de Literatura 2008 na modalidade de Poesía pola obra La casa roja. Concede o premio o Ministerio de Cultura para distinguir unha obra de autor español escrita en calquera das linguas oficiais do Estado e editada en España durante 2008. Está dotado con 20.000 euros. [Ler nota de prensa completa]
A Coruña: presentación dun libro de Cesáreo Sánchez Iglesias
O venres 02 de outubro ás 20:00h preséntase o libro O Paraíso das Sombras de Cesáreo Sánchez Iglesias na sala “Ámbito Cultural” de “El Corte Inglés” da Coruña (no segundo andar). Participarán na presentación Tucho Calvo, Teresa Seara, Francisco Fernández Naval e o autor.
Culleredo: ciclo “Palabra de muller”
Descargar ficheiro en PDF (76 KB)Lugo: presentación dun libro de Xurxo Martínez Crespo
O venres 2 de outubro preséntase o libro José Almoina & Pilar Fidalgo Exilio Dominicana México, escrito por Xurxo Martínez Crespo. O acto terá lugar na Galería Sargadelos de Lugo ás 20 horas, e contará coa participación do profesor, escritor e poeta Claudio Rodríguez Fer, o escritor e xornalista Afonso Eiré e o autor Xurxo Martínez Crespo.
José Almoina e a súa muller Pilar Fidalgo son os grandes esquecidos da memoria histórica do exilio galego. Almoina, que naceu na cidade de Lugo, é funcionario de Correos en Benavente ao comezo da guerra. A súa muller é detida coa súa filla Helena, con 15 días de nacida e pasan 10 meses nos cárceres franquistas. O seu testemuño, escrito en 1937 en Francia e recuperado para este libro en galego, é o primeiro testemuño dunha muller verbo as torturas e a represión franquista nos cárceres durante a guerra.
Almoina, diplomático da República en Niza, marcha a Dominicana coa súa familia en 1939. Alí chegara a ser profesor universitario e particular do fillo do ditador Trujillo e despois, o seu secretario. A aceptación do posto valeulle a expulsión do PSOE no exilio. Almoina foxe de Trujillo e marcha a México coa súa familia. Durante o seu tempo no goberno do ditador, apenas uns meses, realiza un informe secreto verbo as actividades desestabilizadoras de Trujillo en Cuba e Venezuela. Unha vez en México, acabado de chegar, presenta o informe aos gobernos de Cuba e Venezuela.
A súa vida crúzase coa do exiliado vasco (PNV) Jesús de Galíndez en Dominicana. Galíndez, informante a soldo dos servizos de intelixencia estadounidenses, será secuestrado en Nova York e asasinado en 1956 polo ditador Trujillo. A historia, inxusta, fará de Galíndez un heroe e de Almoina un colaborador. Este libro rompe con ese tópico ao mostrarnos un Almoina que non só se xogou a súa vida, senón a de toda a súa familia, fuxindo durante máis de 12 anos dos sicarios de Trujillo, até que un día morre asasinado en México por dous pistoleiros cubanos, o 5 de maio de 1960, un día despois de ser atropelado e baleado. As súas derradeiras palabras foron: “Foi Trujillo”.
José Almoina & Pilar Fidalgo: Exilio. Dominicana, México é un libro coeditado pola Confederación Intersindical Galega e a Federación Galega de Asociacións de Emigrantes Retornados en Edicións A NOSA TERRA.
A Coruña: presentación da novela Pirata de María Reimóndez
A novela Pirata de María Reimóndez será presentada mañá xoves 1 de outubro na Sala Maremágnum do Aquarium Finisterrae da Coruña. No acto participarán ademais da autora o editor Manuel Bragado, a escritora Yolanda Castaño e o músico Xabier Díaz.