Comunicado sobre a supresión do Servizo de Cultura da CRTVG

logosQueremos manifestar a nosa fonda preocupación pola decisión tomada pola nova directiva da CRTVG segundo a cal fica suprimido o Servizo de Cultura, creado en 2005. A inmediata suspensión do único programa da televisión pública galega centrado na divulgación e coñecemento da literatura do noso país énchenos de incerteza, así como a consecuente falta de visibilización dos escritores e escritoras en lingua galega e das novidades da produción editorial que poden ser atopadas nas librarías galegas.

Esta primeira toma de decisión con respecto ao programa sobre libros da TVG prodúcenos moita preocupación con respecto ao futuro da programación cultural da televisión e da radio públicas.

Lamentamos profundamente a celeridade e contundencia do actual goberno galego en executar as medidas máis involucionistas posíbeis a respecto do noso idioma, arroupadas pola hostilidade, o estatismo e a inacción promovidos por outras áreas, como é a de Educación, promotora da inmediata derrogación do decreto 124/07, a de Presidencia, coa modificación do artigo 35 da Lei da función pública que elimina a obriga de realizar en galego como mínimo unha proba nos procesos selectivos de acceso á Administración autonómica.

Lembramos a este respecto as obrigas contraídas pola CRTVG en aplicación do artigo 16 da Lei 9/1984 da CRTVG: “A programación debe de estar inspirada na promoción e difusión da cultura e lingua galega”.

17 de xuño de 2009

Moaña: homenaxe a Manuel María e Bernardino Graña

Este sábado 20 de xuño Moaña homenaxea aos poetas Manuel María e Bernardino Graña co seguinte programa de actos:

19:30h. Rúa Bernardino Graña. Interpretación da Marcha do Antigo Reino de Galiza. Intervención do Alcalde de Moaña. Intervención da Asociación de Escritores en Lingua Galega. Descuberta da placa polo homenaxeado. Intervención de Bernardino Graña.

20:00h. Paseo do Poeta Manuel María. Descuberta da placa co nome de Manuel María por parte da súa viúva. Intervención de Saleta, compañeira de Manuel María. Recital de Poemas coa intervención de: Heitor Mera, Marta Dacosta, Anxo Angueira, Lucía Novas, Xosé Daniel Costas e Celso Parada. Interpretación do Himno Galego.

20:30h. Acto Musical no salón de actos do I.E.S. As Barxas. Banda e Coral Solfa (Santiago de Compostela). Tino Baz. Cantautor.

Lugo: presentación dunha novela de Vicente Piñeiro sobre Ánxel Casal

Hoxe xoves 18 de xuño ás 20:15 na Galería Sargadelos (Praza de Santo Domingo, 4) de Lugo terá lugar a presentación da obra A morte dun editor. Derradeiros días de Ánxel Casal, do autor lugués Vicente Piñeiro, novela editada por Sotelo Blanco Edicións. Amais do autor do libro Vicente Piñeiro, intervirán Claudio Rodríguez Fer e Ánxela Gracián (directora da colección).

A Coruña: Mercedes Queixas presenta o seu libro sobre Ramón Piñeiro

A Asociación Cultural Alexandre Bóveda informa que este xoves 18 de xuño terá lugar a presentación do libro Ramón Piñeiro, a expresión cultural dunha estratexia política de Mercedes Queixas Zas, editado por Laiovento. A autora estrá acompañada por Francisco Pillado e Pilar García Negro. Será ás 20:30h. no salón de actos da asociación (R/ Olmos 16-18, 1º) con entrada libre.

Pontevedra: presentación de Monte Louro, Premio Blanco Amor 2009

Mañá xoves preséntase en Pontevedra o libro Monte Louro de Luís Rei Núñez, Premio Blanco Amor 2009. O acto, que contará coa intervención de Armando Requeixo, Manuel Bragado e Luís Rei Núñez, comezará ás 20,00 horas na sede da Fundación Caixa Galicia, Edificio Café Moderno de Pontevedra.

A Coruña: remata o ciclo Escrita(s) na Galería Sargadelos

Remata o ciclo Escrita(s) coa mesa De corpos e palabras. Tendencias escénicas para o século XXI. 20 anos de teatro contemporáneo na Galiza (1989-2009) na que intervirá o escritor Roi Vidal Ponte. As características que definen a estética contemporánea no teatro occidental e como esta estética ten ou non repercusión, aceptación e seguimento nas compañías e públicos do sistema teatral galego serán algunhas das cuestións que se aborden. Será na Galería Sargadelos da Coruña (Rúa Real, 56) mañá xoves 18 de xuño a partir das 20:00.

Santiago: presentación de Entremiradas, de Maribel Longueira

Mañá xoves 18 ás 12:00 horas no Consello da Cultura Galega, en Santiago de Compostela, serán presentados os libros Entremiradas I Galicia-Bos Aires e Entremiradas II Galicia-Cuba, da fotógrafa Maribel Longueira. No acto, que estará presidido polo Presidente do Consello da Cultura Galega Ramón Villares, participarán os escritores Salvador García-Bodaño, Xosé Luis Axeitos, Manuel Álvarez Torneiro, Luz Pozo, Francisco X. Fernández Naval, Marga do Val, Tucho Calvo, Yolanda Castaño, Emma Pedreira, Olga Patiño, Eva Veiga, Anxos Sumai, Xosé Fernández Ferreiro, María do Cebreiro e Estíbaliz… Espinosa.

Conforman ambos os dous volumes fotos de Galicia, Cuba e Bos Aires, tomadas pola artista galega Maribel Longueira, xunto a textos de escritores e escritoras galegos, cubanos e arxentinos. Nos libros, os escritores/as describen as fotos, establecendo un diálogo entre Galicia,
Cuba e Bos Aires, unidas por lazos moi fortes. Ambas as dúas publicacións foron editadas pola Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Emigración.