A Coruña: conferencia de José Manuel Barbosa

Hoxe ás 20 horas na Fundación Caixa Galicia (no Cantón Grande) José Manuel Barbosa, conselleiro da Associaçom Galega da Língua, impartirá a conferencia O surgimento da língua galego-portuguesa no noroeste peninsular. O acto está organizado pola Agrupaçom Cultural O Facho. A entrada é libre até completar aforo.

II Certame de Poesía Victoriano Taibo

A Entidade Local de Morgadáns en colaboración co Instituto de Estudos Miñoranos convoca o II Certame de Poesía VICTORIANO TAIBO – ENTIDADE LOCAL DE MORGADÁNS dotado con TRES MIL (3000) € que se rexerá polas seguintes bases:

1.- Os traballos presentados deberán ser orixinais e inéditos, de temática libre, escritos en lingua galega e non poderán ser adaptacións.

2.- Cada traballo consistirá nun ou varios textos poéticos, cunha extensión non inferior a 300 versos, que constitúan un conxunto.

3.- De cada obra presentarase orixinal e catro fotocopias. Os autores ou autoras concursarán polo sistema de plica. Os traballos faranse chegar por correo ao seguinte enderezo: Apartado 30, 36380, Gondomar.

4.- Os traballos presentados conservaranse durante un mes a partir da data de entrega do premio e logo destruiranse os que non fosen solicitados polos seus autores ou autoras.

5.- O prazo de admisión de orixinais comezará cando se faga pública esta convocatoria e rematará o día 25 de xullo de 2009.

6.- O xurado estará presidido polo Presidente da Entidade Local de Morgadáns, ou persoa na que delegue, e actuará como secretario o Director do IEM, ou persoa na que delegue, ambos con voz pero sen voto. Estará constituído, ademais, por tres persoas de recoñecido prestixio no ámbito literario.

7.- A obra premiada será publicada polo IEM na colección Victoriano Taibo e non xerará dereitos de autor nesta primeira edición.

8.- O xurado, se estima que a calidade das obras así o permite, poderá conceder o premio ex aequo. Tamén poderá deixar deserto o premio convocado.

9.- Calquera incidencia non prevista nesta convocatoria será resolta polo xurado.

10.- O feito de participar supón a aceptación destas bases.

XV Certame Premio de Poesía Concello de Marín

Bases XV Certame Premio de Poesía Concello de Marín

PRIMEIRA: O presente concurso denominarase XV CERTAME PREMIO DE POESÍA CONCELLO DE MARÍN.

SEGUNDA: Poderán concorrer a este certame, tódolos/as poetas de ámbito nacional.

TERCEIRA: Os traballos compre que sexan orixinais e inéditos, en lingua galega e terán unha extensión mínima de 100 versos, non sendo requisito imprescindible que formen parte dun só poema: podendo presentarse, o traballo, como comprensivo de varios poemas, do que a totalidade, terá a devandita extensión.

CUARTA: Concederase un premio único de mil euros (1.000,00 €). A cuantía do premio farase efectiva previa reducción do correspondiente IRPF en vigor, e imputarase con cargo á partida 451.00 481.99 do orzamento municipal prorrogado e vixente neste exercizo.

QUINTA: O prazo de presentación dos traballos rematará as 14 horas do 24 de abril de 2009.

SEXTA: Os orixinais presentaranse no Rexistro Xeral do Concello de Marín, en 4 exemplares mecanografados (tamaño Din A‑4) escritos por unha soa cara. Terán que remitirse sen nome do autor/a, acompañados dunha plica, na que se indique na súa parte exterior un lema: que figurará tamén na primeira folla. No interior da plica, consignarase o nome do autor/a, o seu enderezo postal e o teléfono; así mesmo incluirase declaración responsable do autor ou asinante do traballo de non estar incurso en ningunha das circunstancias de prohibición da obtención de condición de beneficiario de subvencións previstas no artigo 10 da lei 9/2007, de Subvencións de Galicia, e de estar ao corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade social. A remisión farase á Concellería de Cultura do Concello de Marín, indicando no sobre PARA O “XV CERTAME DO PREMIO DE POESÍA CONCELLO DE MARÍN”.

SÉTIMA: O Xurado fará público o resultado a través dos medios de comunicación no día no que se falle o premio; o vindeiro 8 de maio. O autor/a comprométese a acudir a esta cidade para recollelo seu premio que se entregará nos actos a celebrar no DÍA DAS LETRAS GALEGAS, o 17 de maio de 2009, e máis a súa lectura no acto de entrega do premio ó gañador.

OITAVA: A concesión do premio non implicará a perda dos dereitos do autor/a do traballo premiado. Non obstante o Concello de Marín resérvase o dereito de publicar total ou parcialmente o traballo premiado.

NOVENA: Os traballos presentados poderanse retirar polos/as seus/súas autores/as, previa acreditación da súa pertenza. O prazo para retiralos caducará ao mes de fallado o premio, non responsabilizándose da perda fortuíta dalgún orixinal, tralo prazo sinalado.

DÉCIMA: A participación neste concurso implica a aceptación destas bases, e polo demais, o que non sexa previsto, estará baixo o criterio dos membros do Xurado.

UNDÉCIMA: Se os traballos presentados, non reuniran a suficiente calidade, a proposta do Xurado, poderá declararse deserto o premio.

DUODÉCIMA: O xurado estará presidido pola Concelleira de Cultura ou persoa en quen delegue, e formarán parte do mesmo: profesores/as de Literatura e Lingua Galega, a directora do Padroado Municipal de Cultura, actuando como Secretario o encargado do Museo Municipal M. Torres.

DECIMO TERCEIRA: As presentes bases serán obxecto de publicación na páxina web do Concello e taboleiro de anuncios, con inserción de anuncio indicativo da aprobación das Bases e lugares de consulta nun xornal da provincia.

Santiago: “Multiculturalidade e minorías” co Clube de Lectura Gálix Tendendo Redes

O Club de Lectura Gálix Tendendo Redes organiza dúas actividades esta semana arredor do tema Multiculturalidade e minorías. O mércores día 15 farán un repaso ás obras da LIX galega que tratan esta temática, así como a outras obras de gran calidade e interese dentro das literaturas peninsulares, a partir da escolla que fará a profesora e crítica Mayte Leis.

O día seguinte, xoves 16 de abril, o escritor Fran Alonso falará das influencias, experiencias e compromisos que deron lugar á súa obra Cartas de amor, publicada por Edicións Xerais de Galicia na colección Fóra de Xogo. Os actos celébranse na Biblioteca do Consello da Cultura Galega co mesmo horario os dous días, de 17.00 a 19.00 horas.

Premios da Crítica 2008

A Sección de Crítica da AELG anunciou hoxe as obras propostas para os os premios da Asociación Española de Críticos Literarios. Copiamos a seguir a anotación que publicaron a última hora da mañá no seu blog:

Reunida en Santiago de Compostela o luns 13 de abril de 2009, a Sección de Crítica da Asociación de Escritores en Lingua Galega acorda, tras o debate e votación correspondentes, propor para os Premios de narrativa e poesía galegas que a Asociación Española de Críticos Literarios fallará o vindeiro día 18 de abril en Santander, as seguintes obras:

-Modalidade de narrativa: Festina Lente, de Marcos S. Calveiro, da editorial Xerais.

-Modalidade de poesía: Hordas de escritura, de Chus Pato, Xerais.

De Festina Lente o xurado valorou a súa orixinalidade, trazo que a fai destacable nun panorama prolífico de seu no xénero histórico, así como a súa riqueza lingüística e a capacidade de dar vida á Compostela dos séculos XVI e XVII, transformando en literatura unha ben peneirada documentación histórica.

De Hordas de escritura destacou a solidez do seu discurso vangardista e a construción dunha poesía que se articula como unha loita contra a propia linguaxe literaria, trazos que marcan un fito importante na xa longa traxectoria da autora.

A COMISIÓN XESTORA DA SECCIÓN

Sarria: entrega do premio Fiz Vergara Vilariño

O pasado día 14 de marzo fallouse en Sárria a IX edición do Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño, do que resultou gañador o poeta Baldo Ramos. A entrega do premio terá lugar o día 25 de abril no hotel NH Alfonso IX de Sárria dentro dun acto poético – musical que dará comezo ás 19: 30 horas e irá seguido dunha cea. A mantedora do acto será Olalla Cociña e intervirán os membros do xurado, o gañador, o artista plástico Iván Prieto así como o concelleiro de cultura e a presidenta de Ergueitos. A música nesta ocasión correrá a cargo do grupo de jazz Maní & Cupeiro Quartet. As persoas interesadas en asistir a esta festa da poesía poden facer as reservas no Hotel Alfonso IX, chamando ao teléfono 982 530 005.

A Coruña: programa da campaña de promoción da lectura

Do 13 ao 30 de abril: o Fórum vestirá de xeito especial e se convertirá no centro da lectura na cidade con actividades para que pequenos e maiores gocen rodeados de libros. Todos os días ás 18.00 h. Haberá unha visita guiada á exposición e actividades de animación.

Luns 13 de abril: ás 13.00 inauguración da exposición de libros no hall do Forum. Pola tarde ás 18.30 Casa Hamlet representa “Ratiña linda de Compostela”.

Mércores 15 de abril: ás 18.30 obradoiro de banda deseñada con Xosé Tomás.

Xoves 16 de abril: ás 18.30 Versos que descubrir e sementar con Clara Porta Soler.

Venres 17 de abril: ás 18.30 A Primavera de Botticelli para todos os sentidos con Clara Porta Soler.

Sábado 18 de abril: ás 18.30 Consellos prácticos para facer maxia co mago Martín Camiña.

Luns 20 de abril: ás 18.30 Lía, a exploradora de cidades con María Torres.

Martes 21 de abril: ás 18.30 As cidades asulagadas na pintura de Urbano Lugrís con Clara Porta Soler.

Mércores 22 de abril: ás 12.00 inauguración da Feira do Libro nos Xardíns de Méndez Núñez. Ás 18.30 A illa descoñecida, dramatización do conto de José Saramago a cargo de Gonçalo Guerreiro (Fórum Metropolitano).

Xoves 23 de abril “Día do libro”: As bibliotecas instálanse por un día na estación de ferrocarril e autobuses. Animación de rúa “A escritora e as musas” coa Compañía Femme Fatal. De 17.00 a 19.00 h. Lectura colectiva da Esmorga nos Xardíns Méndez Núñez e concerto ourensán. Ás 19.30, entrega de premios do certame de fotografía “Amósanos o que les”.

Venres 24 de abril: ás 18.30 obradoiro de ilustración con Xosé Tomás no Forum. Ás 20.00 h. María Reimóndez inicia o II Encontro Cidade da Coruña. Palabra de Muller na Real Academia Galega. Colabora a AELG.

Sábado 25 de abril: ás 12.00 concerto da Banda Municipal nos Xardíns de Méndez Núñez.

Martes 28 de abril: ás 18.30 representación teatral no Fórum.

Mércores 29 de abril: ás 18.30 contacontos no Fórum. Tamén no Fórum ás 20.00 concerto de Jazz con Pepe Doré.

Xoves 30 de abril: ás 18.30 espectáculo Librolibrame no Fórum. Lectura e xogo dramático acompañado de mundos sonoros e plásticos. Áncora Producións

II Certame de Micronovela “Concello de Soutomaior”

O Concello de Soutomaior convoca a segunda edición do Premio de Micronovela. O prazo de presentación remata o 17 de maio. Poden descargar o díptico coas bases en PDF neste enderezo.

Bases do II Certame de Micronovela “Concello de Soutomaior”

I. Poderán concorrer a este certame todas/os aquelas/es autoras/es de calquera nacionalidade, cunha ou máis obras orixinais, inéditas, escritas en lingua galega e non presentadas a ningún outro certame a celebrar entre a convocatoria e o fallo do presente.
II. Os participantes deberán presentar os seus traballos en sobre pechado, sen remite ou calquera outra forma de identificación, no rexistro de entrada do Concello de Soutomaior. No exterior do sobre debe constar: II CERTAME DE MICRONOVELA “CONCELLO DE SOUTOMAIOR”. Tamén poderán envialos por correo certificado segundo o establecido pola Lei de Réxime Xurídico de Procedemento Administrativo Común no artigo 38.4 á dirección: Casa do Concello de Soutomaior. Rúa Aléxandre Bóveda nº 8. C.P. 36691. Soutomaior.
III. Os traballos presentaranse por cuadriplicado, con pseudónimo e baixo plica pechada na que consten os datos persoais do autor (nome, apelidos, data de nacemento, DNI, enderezo e teléfono/s de contacto). En cada unha das copias debe aparecer o pseudónimo elixido polo autor e o título da obra.
IV. O prazo de presentación das obras abrirase o 14 de Febreiro e pecharase o 17 de Maio de 2009. Nas obras enviadas por correo a data de entrega será a que figure no rexistro de entrada da oficina de Correos correspondente.
V. As obras terán unha extensión mínima de 35 folios e máxima de 60, escritos a dobre espazo, en fonte Arial e corpo 12. Nesta medida o xurado poderá amosar certa flexibilidade se a calidade e/ou as características da obra así o requirisen.
VI. Outorgarase un único premio dotado con 3000 €. Se o xurado así o estimase poderá outorgar un accésit sen dotación económica. A obra gañadora será publicada por Edicións Xerais de Galicia.
VII. O fallo do xurado, designado polo Excmo. Concello de Soutomaior, terá lugar na segunda semana do mes de xullo e darase a coñecer nos principais medios de comunicación de Galicia.
VIII. Os autores premiados terán que recoller en persoa os seus galardóns nun acto de entrega de premios que se celebrará no mes de Xullo no Castelo de Soutomaior.
IX. As obras que non resulten gañadoras serán destruídas.
X. O premio poderá ser declarado deserto no caso de que as obras aspirantes non acaden o nivel mínimo esixido polo xurado. Neste caso farase unha mención de honra cun premio simbólico a aquelas obras de maior calidade.
XI. A decisión do xurado é inapelábel.
XII. A participación no certame implica a aceptación de todas as bases expostas na presente convocatoria.