Libro aberto, programa do mércores 8 de abril

Esta semana visita o programa Libro aberto da Televisión de Galicia o poeta, ensaísta e crítico de arte Xavier Seoane. O autor falará do seu poemario máis recente Do ventre da cóbrega, nunha entrevista gravada na Imprenta Litonor, en Santiago de Compostela.

A reportaxe semanal estará dedicada ao Premio Literario San Clemente, outorgado polos lectores máis novos. Estudantes de diferentes institutos galegos conseguiron que un autor como Haruki Murakami viaxase a España por primeira vez para recoller este galardón. Ademais, o programa inclúe unha conversa en Noia co escritor Xerardo Agrafoxo, que falará da súa última novela O violinista de Malá Strana.

Na sección de crítica literaria Xabier del Valle-Inclán falará do libro de Xosé Ramón Barreiro Fernández O carlismo galego, que agora reedita Laiovento. Despois, Luis Alonso Girgado, especializado en literatura hispanoamericana comentará a obra Purgatorio, do autor arxentino Tomás Eloy Martínez, novela editada por Alfaguara. A lectura desta semana corre a cargo de Xosé Ramón Pena, que compartirá cos espectadores un fragmento da súa obra A batalla do paraíso triste. Para rematar, unha reportaxe sobre a publicación de Cantares Gallegos nunha edición bilingüe galego-xaponés revisada e ampliada da primeria tradución que no ano 2002 fixera Takekazu Asaka, profesor de Filoloxía Románica en Toquio.

Todo isto poderemos velo o próximo mércores 8 de abril á noite (00:45) na Televisión de Galicia. Tamén poden ver o programa na na G-2 (TDT) o venres ás 15:30 horas ou a través da súa páxina web.

A Coruña: campaña de promoción da lectura

Ao longo do mes de abril a Concellaría de Cultura do Concello da Coruña vai desenvolver unha campaña de promoción da lectura en diferentes espazos da cidade.

A Concellaría editou un folleto que explica a importancia e historia das figuras literarias homenaxeadas nos Xardíns de Méndez Núñez: Wenceslao Fernández Flórez, Ramón María de Valle-Inclán, Emilia Pardo Bazán, Manuel Curros Enríquez, Eduardo Pondal, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e Manuel Murguía. A esta acción súmanse outras moitas: a exposición Libros para ver na Biblioteca de Estudos Locais (Durán Loriga, 10), diversas representacións teatrais, entre elas Ratiña linda de Compostela a cargo de Casa Hamlet, un obradoiro de banda deseñada con Xosé Tomas e a xa habitual Feira do Libro.

A programación completa de actividades está detallada no tríptico que poden descargar neste enderezo.

Reunión da sección de crítica da AELG

O próximo 13 de abril, luns de Pascua, ás 11 horas na sala 103 da Facultade de Filoloxía da USC reuniranse os membros da sección de crítica literaria da AELG para celebrar a súa asemblea e facer a votación dos premios da crítica. A última hora da mañá anunciarase o fallo das propostas que se levarán logo ao Premio da Asociación Española de Críticos Literarios, que se dará a coñecer o sábado 18 de abril en Santander.

Luís Rei Núñez, Premio Blanco Amor de novela

O xurado do Premio Blanco Amor de novela elixiu o pasado sábado a Luís Rei Núñez como gañador coa obra Monte Louro, que ao longo de catrocentas páxinas percorre a biografía dun personaxe no Muros dos anos corenta, a Barcelona dos sesenta e a Arxentina dos nosos días. Foron designadas como finalistas as novelas presentadas cos lemas O pasado aínda está por vir e Un último destino.

Homenaxe a Xohán Xesús González

A Asociación O Fervedoiro leva varios anos desenvolvendo varias actividades na recuperación da figura do escritor nacionalista fusilado en 1936 Xohán Xesús González. O vindeiro mes inaugurarase na vila do Baño (concello de Cuntis, Pontevedra) a exposición itinerante sobre este escritor que leva por título Xohán Xesús González: Porta dun futuro proletario. Na inauguración van expoñer ademais varios poemas de diversos escritores/as galegos/as, algúns xa editados e outros novos e/ou inéditos na honra da figura de Xohán Xesús. Contarán cos versos de Xosé Luís Méndez Ferrín, Xosé Lois García, Xosé Luna Sanmartín, David Otero, Antía Otero, Fernando González Graña, X. Vázquez Pintor ou Vicente Araguas. A Asociación quere ofrecer a posibilidade de que calquera escritor/a galego/a que estea interesado en realizar un poema sobre Xohán Xesús o entregue, nun prazo máximo dun mes, na dirección do Fervedoiro: Asociación O Fervedoiro, Rúa do Convento, 5, 1º, vila do Baño, 36670 Cuntis (Pontevedra – Galiza). Deberase entregar un exemplar mecanografado ou autógrafo, da extensión que quixer o seu autor/a, pero claramente asinado por el. O ano que vén, de ir todo como está previsto, publicarase nun libro toda a compilación poética.

O mexicano Felipe Ugalde, II Premio Compostela de álbum ilustrado

O mexicano Felipe Ugalde gañou o II Premio Compostela, convocado pola editorial Kalandraka e o Concello de Santiago, cunha obra da que o xurado destacou a súa gran riqueza técnica, estética e literaria. Por este proxecto, presentado co lema “Sueños de grandeza”, o autor recibirá 12.000 euros e o libro publicarase a finais deste ano nas cinco linguas peninsulares. O italiano Tommaso Nava foi finalista e a arxentina Cecilia Afonso recibiu a mención especial. Ler nota de prensa.

Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil

Mensaxe do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, escrito por Hani D. El-Masri:

Eu son o mundo, e o mundo son eu,
porque a través dos meus libros podo ser o que queira.
Palabras e debuxos, prosa e verso
trasládanme a lugares que están
lonxe e perto ao mesmo tempo.
Na terra dos sultáns e do ouro,
mil historias que falan
de alfombras voadoras,
xenios de lámpadas marabillosas,
sacaúntos e simbades,
cóntanlle os seus segredos a Sherezade.
Con cada palabra de cada páxina,
viaxo no espazo e no tempo.
E coas ás da fantasía,
o meu espírito cruza o mar e a terra.
Canto máis leo, máis comprendo
que co meu libro estarei sempre
na mellor das compañías.