O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asinou hoxe o decreto de estrutura da Xunta, o cesamento dos anteriores conselleiros e o nomeamento dos novos membros do goberno. Da Consellería de Cultura e Turismo farase cargo o diplomático Roberto Varela, que dende 2004 desempeñaba a función de Cónsul en Nova York encargado de asuntos culturais. Neste enderezo poden ver unha entrevista con Roberto Varela feita en decembro de 2007 por Isaac Cordal, Roi Fernández e Berio Molina para o documental Balor, a little Galician accent but good.
A Coruña e Vigo: presentación do novo libro de Alfonso Armada
O luns 20 de abril ás 20:00 horas na Libraría Librouro de Vigo presentarase o libro TSC. Diario da noite, de Alfonso Armada, nun acto que contará coa participación de César Portela, Fran Alonso e o autor.
Ao día seguinte, martes 21 de abril, o libro vai ser presentado na Galería Sargadelos da Coruña (R/ Real, 56), coa presenza de Pilar García Negro e Yolanda Castaño. Será a partir das 20 horas. A entrada nos dous casos é libre.
GZ Crea, certame galego de novos creadores
Até o 5 de xuño está aberto o prazo de presentación de solicitudes do certame GZ Crea, ao que poden optar os creadores galegos entre 16 e 30 anos de idade nas seguintes cateogrías: Teatro, Artes plásticas, Moda, Música, Relato Breve, Poesía, Videocreación, Banda deseñada, Graffiti, Carteis e Deseño de xoias. Poden ler as bases neste enderezo.
VIII Premio Literario “Carlos Casares” de microrrelato
Bases
Primeira: Convócase a Oitava edición do PREMIO LITERARIO “CARLOS CASARES”, do Liceo de Ourense, na modalidade de Microrrelato.
Segunda: Fíxase un PREMIO de MIL CINCOCENTOS EUROS.
Terceira: Poderá concorrer a este premio calquera persoa que presente escritos inéditos da súa autoría cun máximo de tres, e redactados en calquera dos dous idiomas oficiais en Galicia.
Cuarta: Os orixinais terán unha extensión máxima de mil cincocentos caracteres, debendo presentarse por quintuplicado, e antes do 22 de maio do ano 2009, na Secretaría do “Liceo de Ourense”, sita na rúa Valentín Lamas Carvajal, 5. C.P. 32005 Ourense.
Quinta: Con cada orixinal, que deberá ser presentado baixo lema, adxuntarase en sobre pechado o nome completo, enderezo e teléfono da persoa que concorre ó premio, así como o título definitivo da súa obra.
Sexta: O Xurado estará integrado polo Presidente do Liceo de Ourense, os membros da Sección de Literatura, don Marcos Valcárcel López, dona Teresa Devesa Graña, dona Loly Conde Fernández, don Delfín Caseiro Nogueiras e Don Segismundo Bobillo Morgade, actuando como Secretario o Xerente do Liceo.
Séptima: Se o Xurado o estimase oportuno, podería outorgar un ou varios accésits, fixando a súa dotación económica. Asimesmo poderá declarar deserto o premio, no caso de non se presentar obras que teñan un mínimo de calidade. O Fallo do Xurado será inapelable.
Oitava: A entrega dos premios terá lugar nun Acto Literario enmarcado nas Festas do Liceo, que se celebrará o 29 de maio.
Novena: O Liceo de Ourense resérvase o dereito de publicación da obra premiada, así como dos accésits no caso de habelos, feito que conlevará a renuncia do autor, ou autores premiados, a percibir os dereitos desta edición.
Décima: Os orixinais que non resulten premiados, serán destruídos nun prazo de tres meses dende o día do fallo, agás que se reciba solicitude por escrito para a súa devolución.
Undécima: A participación no Premio leva implícita a aceptación das presentes bases.
Javier de la Rosa, Premio Esquío 2009
O escritor Javier de la Rosa foi o gañador da XXVII edición do Premio Esquío de Poesía coa súa obra Diario vespertino. O xurado outorgou ademais un áccesit ao poeta coruñés Francisco Vila. No concurso de poesía en galego o vencedor foi o ferrolano Marcelino Sixto Deibe. O xurado recoñeceu tamén os traballos presentados por Carlos García Gómez (Ferrol) e María Jesús Concejo (A Coruña).
Homenaxe a Ramiro Fonte
A sede viguesa da Fundación Caixa Galicia, na rúa Policarpo Sanz nº 21, acollerá mañá venres 17 de abril, a partir das 19,30 horas, un acto de homenaxe ao escritor Ramiro Fonte.
O acto iniciarase coa actuación musical do “Grupo Instrumental Siglo XX”. A continuación, celebrarase un recital poético con participación de X. M. Álvarez Cáccamo, Manuel Álvarez Torneiro, Ignacio Chao, María do Carme Kruckenberg e Xulio L. Valcárcel. Tras unha segunda actuación musical, as recitacións proseguirán coas intervencións de Gonzalo Navaza, Román Raña, Xavier Rodríguez Baixeras, Cesáreo Sánchez Iglesias e Xavier Seoane.
Ramiro Fonte (Pontedeume, 1957) finou en Barcelona o 11 de outubro de 2008. Ocupaba a dirección do Instituto Cervantes en Lisboa. Colaborador en prensa e membro da Real Academia Galega da Lingua, exerceu como docente de Lingua e Literatura Galega en Vigo e foi profesor no Instituto Cervantes en Londres. Entre os galardóns que recibiu caben salientar o Premio da Crítica de Galicia, o Premio da Crítica Española, o Losada Diéguez e o Esquío, entre outros.
A Coruña: recital de Eva Veiga e Francisco Fernández Naval
Mañá xoves 16 de abril terá lugar unha nova xornada do ciclo Poetas coruñeses, a palabra na voz de quen a crea. Nesta ocasión participarán Francisco Fernández Naval e Eva Veiga, apresentados por Xoán Abeleira. Será ás 20:30 h no salón de actos da Asociación Alexandre Bóveda (R/ Olmos 16-18, 1º). A entrada é libre.
Libro aberto, programa do 15 de abril
O programa da TVG Libro Aberto entrevista esta semana a Marta Lemos Jorge, autora do libro Unha paixón herdada. Obra ambiental de José María Castroviejo, que se centra na produción xornalística deste autor considerado un precursor do ecoloxismo. Na reportaxe semanal farán un percorrido polos aspectos máis destacados da biografía de Castroviejo, e o seu neto Andrés Douglas Castroviejo e o profesor Xosé M. Salgado analizarán a súa personalidade e produción literaria.
O programa conversará ademais cunha das promesas da literatura en portugués, o escritor angoleño Ondjaki, autor, entre outros, do libro de relatos E se amañá o medo.
Abrirá a sección de crítica Armando Requeixo para falar dos tandems literarios, e despois Laura Caveiro comentará a obra de Jean-Paul Sartre As Moscas, traducida ao galego por Xosé Manuel Beiras.
A lectura desta semana corresponde a Gonzalo Navaza, que compartirá cos espectadores un fragmento da súa tradución do libro As flores do mal. E para rematar o programa, un clásico do cine, o filme de Henry King As neves do Kilimanjaro, adaptación libre da novela homónima de Ernest Hemingway. Todo isto hoxe mércores 15 á noite (00:45) na Televisión de Galicia, ou ben na G-2 (TDT) o venres ás 15:30 horas e tamén a través da súa páxina web.
Entrega do III Premio “Diario Cultural” de Teatro Radiofónico
Hoxe a partir das 20:30 no Teatro Rosalía de Castro celébrase a gala de entrega do III Premio “Diario Cultural” de Teatro Radiofónico, organizado pola Radio Galega en colaboración co Centro Dramático Galego. A entrada ao acto é libre até completar o aforo.
Nesta edición o primeiro premio foi para a obra Peter Buckley de Rubén Ruibal e César Candelas. Quedaron finalistas as obras Servizo de información de Paula Carballeira e O xou mas gou on de Eva Freixeira. As tres obras finalistas publicaranse nun libro-cd editado por Xerais.
–Escoitar Peter Buckley de Rubén Ruibal e César Candelas: 1
Sarria: acto do Premio Fiz Vergara Vilariño
O venres 17 de abril a Asociación Cultural Ergueitos presentará a obra plástica que o artista Iván Prieto realizou de xeito desinteresado e solidario para o gañador da IX edición do Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño. Será a partir das 19:00 horas na Casa do Concello de Sárria.