
Lucía Aldao e María Lado ofrecen mañá sábado 27 de marzo un recital no local A nena Pepita (r/ San Xosé, 2, Monte Alto) para presentar o libro Nove, publicado por Edicións Fervenza. Será a partir das 19 horas, con entrada libre.

Lucía Aldao e María Lado ofrecen mañá sábado 27 de marzo un recital no local A nena Pepita (r/ San Xosé, 2, Monte Alto) para presentar o libro Nove, publicado por Edicións Fervenza. Será a partir das 19 horas, con entrada libre.
Mensaxe Internacional do Día Mundial do Teatro
Todas as sociedades humanas son espectaculares na súa vida cotiá, e producen espectáculos en momentos especiais. Son espectaculares como forma de organización social, e producen espectáculos como este que vostedes viñeron ver.
Malia que inconscientemente, as relacións humanas estrutúranse de forma teatral: o uso do espazo, a linguaxe do corpo, a elección das palabras e a modulación das voces, a confrontación de ideas e paixóns, todo o que facemos no escenario facémolo sempre nas nosas vidas: nós somos teatro!
Non só as vodas e os funerais son espectáculos, senón tamén os rituais cotiáns que, pola súa familiaridade, non nos chegan á consciencia. Non só pompas, senón tamén o café da mañá e os bos días, os tímidos namoramentos, os grandes conflitos pasionais, unha sesión do Senado ou unha reunión diplomática; todo é teatro.
Unha das principais funcións da nosa arte é facer conscientes eses espectáculos da vida diaria onde os actores son os propios espectadores e o escenario é a platea e a platea, escenario. Somos todos artistas: facendo teatro, aprendemos a ver aquilo que resalta aos ollos, pero que somos incapaces de ver ao estarmos tan habituados a miralo. O que nos é familiar convértese en invisible: facer teatro, pola contra, ilumina o escenario da nosa vida cotiá.
En setembro do ano pasado fomos sorprendidos por unha revelación teatral: nós pensabamos que viviamos nun mundo seguro, a pesar das guerras, xenocidios, hecatombes e torturas que estaban acaecendo, si, pero lonxe de nós, en países distantes e salvaxes. Nós, que viviamos seguros co noso diñeiro gardado nun banco respectable ou nas mans dun honesto corredor de Bolsa, fomos informados de que ese diñeiro non existía, era virtual, fea ficción dalgúns economistas que non eran ficción, nin eran seguros, nin respectables. Non pasaba de ser mal teatro con triste enredo, onde poucos gañaban moito e moitos perdían todo. Políticos dos países ricos encerrábanse en reunións secretas e de aí saían con solucións máxicas. Nós, as vítimas das súas decisións, continuabamos de espectadores sentados na última fila das bancadas.
Vinte anos atrás, eu dirixín Fedra de Racine, en Rio de Janeiro. O escenario era pobre: no chan, peles de vaca; arredor, bambús. Antes de comezar o espectáculo, dicíalles aos meus actores: “Agora acaba a ficción que facemos no día a día. Cando crucemos eses bambús, alá no escenario, ningún de vós ten dereito a mentir. O Teatro é a Verdade Escondida”.
Vendo o mundo, ademais das aparencias, vemos opresores e oprimidos en todas as sociedades, etnias, xéneros, clases e castes, vemos o mundo inxusto e cruel. Temos a obriga de inventar outro mundo porque sabemos que outro mundo é posible. Pero atínxenos a nós construílo coas nosas mans entrando en escena, no escenario e na vida.
Asistan ao espectáculo que vai comezar; despois, nas súas casas cos seus amigos, fagan as súa obras vostedes mesmos e vexan o que xamais puideron ver: aquilo que salta aos nosos ollos. O teatro non pode ser soamente un evento, é forma de vida!
Actores somos todos nós, e cidadán non é aquel que vive en sociedade: é aquel que a transforma!
O día 2 de xullo de 2007 xunto ao templo de Mahram Bilgis – a mítica Raíña de Saba – cerca de Marib, no Xemen, un kamikaze, presunto activista de Al Qaeda, arremeteu co seu vehículo cheo de explosivos contra un convoi de turistas estranxeiros. Morreron un total de once persoas; Mikel Essery, guía do grupo, era unha delas. A nova provocou un grande impacto.
Mikel era unha desas persoas que alá onde fose deixaba pegada, non pasaba desapercibida: bo conversador, atento a escoitar, alleo á indiferenza, popular, socialmente comprometido, provocador e conciliador, a súa melena loura, o seu bigote e o seu riso; trouleiro, universal, consciente da brevidade da vida… Cativado pola diversidade dos lugares deste mundo, polas súas xentes, as paisaxes, as cores, os amenceres, os aromas… relatábaos con entusiasmo, reflectíndoos nas súas notas e pequenos relatos, nas súas cartas, nos seus debuxos, nas fotografías e nos pequenos obxectos que traía consigo das súas viaxes. Por todo isto e na súa lembranza, convocamos a primeira edición do Concurso de Relatos de Viaxe Mikel Essery 2009, para relatos escritos en éuscaro, español, catalán, galego ou inglés, cunha extensión de entre 2.000 e 6.000 palabras. O prazo de presentación vai dende o 1 de xaneiro ata o 1 de maio de 2009. [Ler bases completas]
A escritora Ana María Fernández pasará este sábado 28 de marzo polo Clube de Lectura Lendo Contigo de Gondomar, nunha sesión que xirará arredor do libro Poemas que me cantou o grilo (editorial Tambre).
Ana María Fernández naceu en Palma de Mallorca en 1949 pero vive na Coruña desde o ano 1967. É mestra e xunto co seu home Xoán Babarro é autora dos primeiros textos modernos para a aprendizaxe do galego. Ten unha ampla produción na que destacan Primeiro libro con Malola (1985) e Barrigaverde e o dragón Achís (1989), premios Barco de Vapor; e Amar e outros verbos (2001), premio Lazarillo.
Corenta poetas europeos, entre eles o galego Xavier Queipo, asumiron o esforzo de transformar a Constitución Europea nunha obra literaria. de todo o continente, entre eles un galego, embarcáronse no proxecto de transformar a Constitución Europea nunha obra literaria non exenta de ironía e espírito crítico. O proxecto preséntase mañá venres 27 en Bruxelas. Poden ler máis información neste enderezo.
Mañá xoves 26 de marzo a Asociación Cultural Alexandre Bóveda acolle no seu local este xoves, 26 de marzo, a conferencia O impacto de poetas e músicos coruñeses en La Habana, a cargo da profesora e investigadora cubana Ángela Oramas. Será ás 20:30 h no salón de actos da asociación (R/ Olmos 16-18, 1º), presentado polo escritor e artista Lino Braxe, que nos últimos tempos está a desenvolver diferentes proxectos culturais en Cuba.
Mañá xoves 26 de marzo o profesor José Manuel Barbosa Álvares presenta o Atlas Histórico Da Galiza en Lugo, na Librería Trama (Avenida da Coruña, 21), a partir das 20 horas. O acto é de entrada libre.
Mañá xoves 26 de marzo ás 20 horas inaugúrase na Galería Sargadelos da Coruña (Rúa Real, 56) a exposición Meanwhile, 2008 de Antón Cabaleiro, que permanecerá aberta até o próximo 26 de abril. Antón Cabaleiro naceu en Santiago de Compostela en 1977, e actualmente vive e traballa na cidade de Nova York. Nesta exposición realiza unha intervención en todo o espacio da galería na que o fío condutor é o seu novo traballo: Meanwhile, vídeo narrativo de sete minutos de duración. Para a súa realización utilizou o método de Rotoscopy para debuxar frame a frame, usando distintas técnicas.
Xa pode consultarse online o número de marzo de 2009 da revista Foeminas (Revista Virtual de Xénero), editada pola Concellería de Muller e Servizos Sociais. Neste número, a sección Historia de Mulleres dedica unha homenaxe ás pioneiras e máis representativas mulleres traballadoras galegas, e as primeiras en ser visibilizadas. A Galería de Arte recolle o traballo dunha pioneira e moi vixente profesional da fotografía, a lucense Mary Quintero. Contemporáne@ multiplícase ao presentar á poeta Emma Luaces, heterónima de Carmen Blanco. En Portada brinda a primeira parte dun informe denominado As mulleres e o traballo. Apuntes para saber por que e como se da a desigualdade entre homes e mulleres. A profesora e escritora Virginia Ferrer reflexiona no artigo E Darwin da súa costela creou á muller sobre o bicentenario do nacemento do científico inglés e a súa relación co xénero feminino. Javier Prado Espiñeira relata a súa admiración e recoñecemento pola pedagoga italiana María Montessori. Para rematar, en Mullerciclopedia publícase a crítica de Cristina Corral Soilán sobre a novela A elegancia do ourizo da francesa Muriel Barbery.
O xurado do Terceiro Premio “Diario Cultural” de Teatro Radiofónico decidiu por maioría, e despois dun longo debate, outorgarlle o galardón desta edición á obra Peter Buckley, escrita por Rubén Ruibal e César Candelas Colodrón. O Premio da audiencia foi tamén para Peter Buckley. Quedaron finalistas as obras Servizo de información de Paula Carballeira e O xou mas gou on de Eva Freixeira. As tres obras finalistas publicaranse nun libro-cd editado por Xerais. A presentación deste libro e a entrega do premio terá lugar o vindeiro 15 de abril no transcurso dunha Gala no Teatro Rosalía de Castro da Coruña.
-Escoitar Peter Buckley de Rubén Ruibal e César Candelas Colodrón: [1]
-Escoitar Servizo de información de Paula Carballeira: [2]
-Escoitar O xou mas gou on de Eva Freixeira: [3]