A Coruña: Manuel Rivas fala na Biblioteca de Estudos Locais

Mañá mércores 25 de marzo o escritor Manuel Rivas visitará a Biblioteca Municipal de Estudos Locais para falar da súa obra como peche do Obradoiro de escritura que veu realizándose na Biblioteca no presente trimestre conducido por Pedro Ramos.

O encontro terá lugar ás 19:00 h.nos locais da Biblioteca (Diurán Loriga 10 1º) y estará aberto a todo o publico.

Xabier P. Docampo, autor do ano para a Federación de Libreiros

A Federación de Libreiros entrega este sábado 28 de marzo no Carballiño os premios Irmandade do Libro, que acadan a súa edición número dezaoito. O autor destacado este ano polos libreiros é Xabier P. Docampo, que recibirá unha estatuíña e máis un cheque por valor de 2.000 € para adquirir libros. Esa noite coñeceranse ademais os gañadores no resto de categorías, cuxos finalistas relatamos a seguir:

Fomento da lectura:
Biblioteca Pública de O Porriño
Bibliotecas Públicas de Oleiros
Asociación Cultural Lonxa Literaria, de Moaña

Institucións:
Casino de Santiago
Asociación Cultural IES Rosalía de Castro
Liceo Recreo Ourensán

Librarías:
Andel do Libro Galego e Portugués
Libraría Porta da Vila, de Viveiro
Libraría Paz, de Pontevedra

Mellor libro do ano 2008:
Fin de século en Palestina. Miguel Anxo Murado. Editorial Galaxia.
Festina lente. Marcos S. Calveiro. Edicións Xerais de Galicia.
O xardín das pedras flotantes. Manuel Lourenzo. Edicións Xerais de Galicia

Obra editorial do ano 2008:
As flores do mal. Editorial Galaxia.
Guía das plantas de Galicia. Edicións Xerais.
Colección rescate. Alvarellos editora.

Centros de ensino:
CEIP de Quintela – Moaña
CEIP San Martiño, de Igrexa-Salcedo –Pontevedra
IES Blanco Amor, de Ourense

A Coruña: conferencia de Carlos X. Varela Aenlle

Mañá mércores 25 de marzo o membro da Real Academia Galega (RAG) e Presidente da Associaçom Cultural Abertal, Carlos X. Varela Aenlle, impartirá dentro do ciclo Língua, Literatura e Naçom a charla O galego nas Terras Eu-Navia. O acto comeza ás oito do serán no local da Fundación Caixa Galicia no Cantón Grande da Coruña.

Ourense: homenaxe a Víctor Campio

Hoxe 23 de marzo ás 20:15 na Aula de Cultura da Sociedade do Liceo de Ourense a Sección de Literatura homenaxea ao poeta ourensán Victor Campio, cun coloquio arredor da súa obra na que participará ademais do autor Marcos Valcárcel e Manuel Outeiriño. O recital correrá a cargo de Teresa Devesa e Loly Conde.

Lugo: presentación de Ámote vermella de Claudio Rodríguez Fer

O libro Ámote vermella de Claudio Rodríguez Fer, ilustrado por Sara Lamas, preséntase hoxe 23 de marzo en Lugo nun acto que contará coa presenza do autor e do editor, Manuel Bragado. Será a partir das 19 horas na Sala Isaac Díaz Pardo da Facultade de Veterinaria de Lugo.

En “Ámote vermella” o poeta Claudio Rodríguez Fer e a pintora Sara Lamas berran contra o exterminio atroz das mulleres desfeitas pola represión, contra o seu esquecemento inxusto e o silencio cómplice no que se mantivo a estas vítimas do fascismo, ao tempo que chaman en solidariedade con todas as comunidades do mundo que padecesen calquera ditadura do terror. O poeta Claudio Rodríguez Fer conclúe a súa triloxía poética sobre a memoria histórica iniciada con Lugo blues e proseguida con A loita continúa (Xerais 2004). Neste poemario elexíaco recupérase a memoria e o rostro das mulleres libertarias asasinadas en Galicia, como Josefa Barreiro González, nai humilde ou Dolores Blanco Montes, a voz das conserveiras e atadeiras do Morrazo. Outrosí faise con Juana Capdevielle, secuestrada tras ser fusilado o seu marido, Francisco Pérez Carballo, gobernador republicano da Coruña, e asasinada e enterrada en Rábade o 18 de agosto de 1936. Elexía pronunciada na lembranza de Amada García, fusilada en Ferrol o 27 de xaneiro de 1938, tras despedirse do seu pai, do seu marido e do seu fillo, acabado de nacer. Homenaxe que se estende ás mestras represaliadas (como María Vázquez Suárez, Mercedes Romero Abella ou a ourensá Erundina Álvarez Pérez), ás matronas republicanas, ás decenas de mulleres descoñecidas que agocharon a fuxidos e pagaron coa súa vida por isto ou a todas as mulleres que tolearon de dor durante aqueles anos da represión. Ámote vermella é un berro emocionante contra o exterminio atroz daquelas vidas desfeitas, contra o esquecemento inxusto e o silencio cómplice no que se mantivo a estas vítimas do fascismo, ao tempo que constitúe un chamado en solidariedade con todas as comunidades do mundo que padecesen calquera ditadura do terror.

A Coruña: coloquio na Domus

A primavera, o sangue altera? é o tema da terceira sesión de Os luns con ciencia, o ciclo de actividades de divulgación preparado polos Museos Científicos co patrocinio de Caixanova. O coloquio intercultural de hoxe, que moderará Pablo Portabales, xornalista de RadioVoz, tratará sobre o cambio de estación desde a perspectiva da psicoloxía, a medicina, a literatura, a astronomía e a bioloxía. Para iso contarase coa intervención de profesionais das diferentes materias, como son Manuel Fernández Blanco, adxunto do Servicio de Psiquiatría do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña; Xulio L. Valcárcel, escritor, profesor e crítico de arte; Pedro Galán, profesor titular da área de Zooloxía da Universidade da Coruña e Borja Tosar, vicepresidente da Agrupación Astronómica Io. O acto celebrarase na Domus (r/ Santa Teresa 1, A Coruña) a partir das 20 horas. A entrada é libre e gratuíta.

Ferrol: presentación do libro Los lobos del centeno

O mércores 25 Marzo ás 20 horas no Ateneo Ferrolán preséntase o libro Los lobos del centeno de Francisco Narla, unha novela de terror ambientada na Galicia da primeira metade do século pasado con referencias a mitos e lendas do país coma os lobishomes, as meigas ou a Santa Compaña. Esta é a primeira novela do galego Francisco Narla, piloto de liñas aéreas no deserto do Mojave, aínda que antes xa escribira relatos e ensaios técnicos.

Ourense: recital para celebrar o Día Mundial da Poesía

Hoxe luns 23 de marzo ás 17:30 da tarde na Sala de Tertulia da Sociedade a Sección de Literatura do Liceo de Ourense celebra o “Día Mundial da Poesía” cun acto dedicado ao poeta Antón Tovar, no que participarán alumnos e alumnas dos Institutos Otero Pedrayo, Celanova, Blanco Amor, Lagoas e E.P.A., que farán un recital con poemas do escritor ourensán. O acto será introducido por Delfín Caseiro.