O vindeiro domingo 5 de abril o escritor Modesto Fraga presenta en Fisterra a reedición do libro de poemas Mar de ausencias, editado por Follas Novas Edicións na súa colección Libros da Frouma. O acto terá lugar a bordo do barco turístico “María Elena”, propiedade de Oliver Moure Santos, unha embarcación de recreo con capacidade para 73 persoas e que realiza diversas rotas turísticas pola costa fisterrá. Durante o traxecto (que cubrirá o itinerario literario-xeográfico polo que transcorren os poemas: “As Lobeiras”, “Langosteira”, “Mar de Fóra”, “O Centolo”, “Arnela”, etc) darase lectura a algúns dos textos do poemario e, posteriormente, celebrarase un acto de lembranza aos mariñeiros afogados na costa fisterrá. Está previsto que participen no acto familiares das vítimas dos pesqueiros “Bonito” (afundido no “Cabo da Nave” en 1960), “Begoña” (nos “Siriales do “Berrón”, en 1976) e “Isleña” (tamén na década dos anos 70). O acto dará comezo ás cinco da tarde e terá unha duración aproximada de unha hora e media. As persoas interesadas en participar no acto deben confirmar a túa presenza antes do venres día 3 neste correo electrónico.
Ferrol: conferencia de Fermín Bouza
O sábado 4 de abril as 20 horas no Ateneo Ferrolán Fermín Bouza pronunciará unha conferencia titulada “As eleccións galegas de 2009: unha análise sociolóxica do seu significado político”. Presenta o acto Xosé Leira. Fermín Bouza (Santiago de Compostela, 1946), Catedrático de Socioloxía (Opinión Pública) na Facultade de Ciencias da Información da Universidade Complutense de Madrid. Traballa sobre Opinión Pública, Comunicación Política e Socioloxía Electoral. Tamén escribe textos literarios, particularmente en galego (o seu libro de poemas Labirinto de Inverno foi Premio da Crítica Española). Mantén o blog Voto con Botas.
Ferrol: exposición de Vítor Mejuto
Hoxe inaugúrase na Galería Sargadelos de Ferrol unha exposición de pinturas de Vítor Mejuto. O acto comeza ás 20 horas e estará presentado por Ramón Loureiro.
Vigo: conferencia de Ramón Nicolás
Este xoves 2 de abril dentro do ciclo de conferencias O traballo literario a través dos escritores o crítico literario, profesor e responsable do Obradoiro de Lectura do Espazo Literario Caixanova, Ramón Nicolás, impartirá unha conferencia co título Detrás dun escritor sempre hai un lector. O acto será ás 20 horas no Centro Social Caixanova de Vigo e a entrada é libre.
A Coruña: conferencia de Carlos Taibo
O vindeiro día 2 de Abril, xoves, o profesor e investigador Carlos Taibo pronunciará dentro do ciclo Economia, História, e Realidade Social unha palestra co título O nacionalismo español. O acto celébrase ás oito do serán no local da Fundación Caixa Galicia no Cantón Grande da Coruña.
Carlos Taibo é profesor de Ciencia Política e da Administración na Universidade Autónoma de Madrid. Firme activista do movimento antiglobalización, a súa obra investigadora é recollida en diversos libros tanto en galego como en castelán: O castelo de fogos. Nove ensaios sobre ou porvir da Europa do Leste, Europa sen folgos, Un novo Terceiro Mundo, Miserias da globalización capitalista, Fendas abertas: Seis ensaios sobre a cuestión nacional, La desintegración de Yugoslavia, Guerra en Kosova: Un estudio sobre la ingeniería del odio, El conflicto de Chechenia, Crisis y cambio en la Europa del Este, Rapiña global ou Sobre política, mercado y convivencia, en colaboración co economista e escritor José Luis Sampedro.
Eduardo Alonso gaña o Premio Max
Eduardo Alonso recibiu onte o Premio Max das Artes Escénicas á mellor obra de teatro en galego por Extrarradios (Comedia das mulleres desamparadas). A listaxe completa de gañadores, neste enderezo.
Vilagarcía: presentación dun libro de Calros Solla
Este venres 3 de abril ás 20:30 h presentarase no Auditorio Municipal de Vilagarcía (Pontevedra) o libro Monte do Seixo. O santuario perdido dos celtas do escritor Carlos Solla. O acto é de entrada libre.
4º Premio Abrente de Teatro
O prazo de admisión remata o 30 de xuño. Bases.
A Coruña: presentación do libro de Goretti Sanmartín
Hoxe luns 30 de marzo ás 20:30 no local da Asociación Alexandre Bóveda (rúa dos Olmos, 16-18, 1º, A Coruña) preséntase o libro Nos camiños do entusiasmo. Calidade da lingua e planificación de Goretti Sanmartín. O acto contará coa participación da autora, de Xosé Manuel Sánchez Rei e do editor, Manuel Bragado. A entrada é libre.
Xabier Docampo e Marcos Calveiro, premios Irmandade do Libro 2009
O escritor Xabier DoCampo recibiu onte no Carballiño o premio Irmandade do Libro ao “Autor do ano 2008”, outorgado pola Federación de Libreiros de Galicia. Na categoría de “Libro do ano 2008” o vencedor foi Marcos S. Calveiro pola novela Festina lente. Tamén recibiron premios Alvarello editora (“Obra editorial 2008” pola Colección rescate), as bibliotecas públicas de Oleiros (“Fomento da lectura”), o IES Blanco Amor de Ourense (“Centros de ensino”), a Asociación Cultural Rosalía de Castro (“Institucións”) e Andel do libro galego e portugués (“Librarías”).